Romanos 2
2
Tamén os xudeus están no pecado
1Por iso, non tes escusa ti, home, quenquera que sexas, cando xulgas; pois ó dares sentencia contra outros, estaste condenando a ti mesmo, xa que fas aquilo mesmo que xulgas condenable. 2Pois sabemos que o xuízo de Deus contra todos os que tales cousas fan está conforme coa verdade.
3Seica pensas, home, que por xulgares os que fan esas cousas (facendo como fas ti o mesmo) xa vas escapar por iso ó xuízo de Deus? 4Ou é que abusas da súa inesgotable bondade, do seu aguante e da súa paciencia, e non te decatas de que esa benignidade de Deus está tratando de te encamiñar cara á conversión?
5Na medida da túa dureza e do teu impenitente corazón estás amoreando ira contra ti mesmo para o día da ira e da manifestación do xusto xuízo de Deus. 6Pois El daralle a cadaquén conforme ós seus feitos: 7ós que perseveran nas boas obras e buscan a gloria, a honra e a inmortalidade, halles dar vida eterna; 8pero ós que só pensan no seu e non seguen a verdade, senón a inxustiza, halles dar castigo e ira.
9Tormento e estreitura para todos cantos cometen o mal, primeiramente para o xudeu, pero tamén para o grego; 10gloria, honor e paz para todo o que fai o ben, primeiro para o xudeu, pero tamén para o grego. 11Pois Deus non fai acepción de persoas: 12os que pecaron sen estaren baixo a Lei, perecerán sen a Lei; e os que pecaron dentro da Lei serán xulgados por medio da Lei. 13Pois non abonda escoitar a Lei para estar a ben con Deus, senón que cómpre practicala para recibir o seu beneplácito. 14Cando os pagáns, con non teren Lei, practican naturalmente o que manda a Lei, entón aínda faltándolles a Lei, eles son lei para si mesmos. 15E así amosan que levan escrito nos seus corazóns o efecto da Lei; failles de testemuña a súa propia conciencia, e de acusadores ou defensores os seus razoamentos.
16Así será no día en que por medio de Xesús Cristo xulgue Deus as cousas escondidas dos homes conforme ó Evanxeo que eu predico.
A circuncisión exterior e a Lei non valen
17Imos ó caso: ti que te consideras xudeu e confías na Lei e te oufanas de Deus; 18ti que coñeces a súa vontade e, adoutrinado pola Lei, acertas o que é mellor; 19que estás convencido de seres guía dos cegos, luz dos que están na escuridade, 20educador dos ignorantes, mestre dos simples, porque tes na Lei a representación do saber e da verdade.
21Ben, pois ti, que adoutrinas ós outros, non te adoutrinas ti? Ti, que predicas que non se roube, roubas? 22Ti, que dis que non se pode adulterar, adulteras? Ti, que abominas dos ídolos, roubas nos templos? 23Ti, que te gabas de ter a Lei, deshonras a Deus transgredindo a Lei?
24Por iso, como está escrito, pola vosa culpa maldín os pagáns o nome de Deus.
25Certo, a circuncisión é útil, se practicas a Lei; pero, se ti es un transgresor da Lei, a circuncisión convértese en incircuncisión. 26Pois, se o que é incircunciso practica o que manda a Lei, non é certo que a súa incircuncisión se volve circuncisión?
27Fisicamente non está circuncidado, pero, se cumpre a Lei, hate de xulgar a ti, que, con teres a Escritura e a circuncisión, es transgresor da Lei.
28Porque non é xudeu quen o aparenta externamente, nin é auténtica a circuncisión só na carne; 29senón que é xudeu quen o é por dentro: e a verdadeira circuncisión é a do corazón, por obra do Espírito, non pola letra: ese tal recibe a gabanza non dos homes, senón de Deus.
Currently Selected:
Romanos 2: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT