Romanos 3
3
Obxeccións
1—Cal é, logo, a vantaxe do xudeu? Para que vale a circuncisión?
2Moita, en todos os sentidos. En primeiro lugar porque se lle confiaron as palabras de Deus. 3Que importa que algúns non cresen? Ou é que a incredulidade deles vai anular a fidelidade de Deus? 4De ningunha maneira. Quede ben claro que Deus é veraz, e que todo home é mentireiro, como está escrito:
Os teus argumentos amosarán a túa inocencia e no xuízo sairás vencedor.
5Pero se a nosa inxustiza fai salientar a xustiza de Deus, que diremos? Falando ó xeito humano: non será inxusto Deus, descargando a súa ira?
6De ningunha maneira. Se así fose, como vai xulgar Deus ó mundo?
7Xa, pero se, por contraste coa nosa mentira, a verdade de Deus queda destacada para a gloria súa, por que por riba se me condena como pecador? 8E por que non dicir xa (como algúns con calumnia din que dicimos nós): "Fagamos o mal para que resulte o ben?".
Esa xente merece a condenación.
9En resumidas contas, temos algunha vantaxe?
En definitiva, ningunha, pois acabamos de deixar convictos tanto ós xudeus coma ós gregos, de estaren todos baixo o pecado. 10Como está escrito:
Non hai nin sequera un xusto,
11non hai nin un ben asisado,
nin un que busque a Deus.
12Todos se extraviaron, xuntamente se perderon;
non hai quen faga o ben,
non hai nin un.
13Sartego aberto é a súa gorxa,
coas súas linguas tecen dolos,
veleno de víbora hai nos seus beizos.
14A súa boca está chea de maldición e amargura.
15Lixeiros son os seus pés para verter sangue,
16sufrimento e miseria deixan nos seus camiños,
17non atoparon camiño de paz.
18O temor de Deus non existe para eles.
19Ora, sabemos que canto se di na Lei se refire ós que están baixo a Lei: para que toda boca quede pechada, e todo o mundo quede convicto ante Deus. 20Porque ninguén se poderá xustificar ante El polas obras da Lei, xa que a Lei só serve para dar conciencia do pecado.
A xustificación só vén pola fe
21Mais agora, con total independencia da Lei, manifestouse a xustiza de Deus; a que atestaran a Lei e mais os Profetas. 22Esta é a xustiza de Deus por medio da fe en Xesús Cristo, para todos os que cren. Porque non hai distinción ningunha: 23todos pecaron, e carecen da gloria de Deus. 24Pero todos quedan xustificados, sen o mereceren, pola súa graza, mediante a redención que se realizou en Cristo Xesús. 25Pois Deus púxoo a El coma propiciatorio no que, pola fe, se expían os pecados mediante o seu sangue. Así mostra que era xusto cando deixaba sen castigo os pecados cometidos antes, 26no tempo da paciencia de Deus, ó demostrar agora a súa xustiza no tempo presente; de xeito que se vexa que El é xusto e que xustifica a quen ten fe en Xesús.
27Onde está, logo, o orgullo? Quedou eliminado.
Por que Lei? Pola das obras? Non; pola lei da fe. 28Pois afirmamos que o home é xustificado pola fe, con independencia das obras da Lei.
29Ou é que Deus é Deus dos xudeus soamente? Non o é tamén dos xentís? Certo, tamén dos xentís. 30Porque hai un só Deus, que xustificará a ambos: ós circuncisos pola fe, e ós incircuncisos tamén pola fe.
31Logo coa fe derrogamos a Lei? De ningunha maneira, máis ben a confirmamos.
Currently Selected:
Romanos 3: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT