YouVersion Logo
Search Icon

Romanos 1

1
Saúdo
1Paulo, escravo de Cristo Xesús, chamado para ser apóstolo, escollido para o Evanxeo de Deus, 2que El prometera antes por medio dos seus profetas nas Escrituras santas, 3e que trata do seu Fillo Xesús Cristo o noso Señor, que como home naceu da semente de David, 4pero que polo Espírito santificador foi constituído Fillo de Deus con pleno poder ó ser resucitado dos mortos.
5Por medio del recibimos o don de ser apóstolos, para promovermos entre todos os pobos xentís a obediencia da fe, en honor do seu nome. 6Entre eles tamén vos contades vós, chamados por Xesús Cristo. 7A todos os predilectos de Deus, que estades en Roma, chamados a serdes santos, deséxovos graza e paz de parte de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.
Limiar
8Primeiro de todo, doulle grazas ó meu Deus por medio de Xesús Cristo, a causa de todos vós, porque a vosa fe ten sona no mundo enteiro. 9Deus, a quen dou culto no fondo do meu corazón anunciando o Evanxeo do seu Fillo, sabe moi ben que eu me estou a lembrar acotío de vós 10en todas as miñas oracións, rogando que, se é a súa vontade, eu teña por fin a satisfacción de vos ir visitar como sexa. 11Teño moita gana de vos ver, para repartir convosco algún don espiritual que vos fortaleza; 12é dicir, para nos animar mutuamente coa fe duns e doutros: a vosa e mais a miña.
13Ademais quero que saibades, irmáns, que moitas veces me propuxen irvos visitar, coa intención de recoller algún froito tamén entre vós, coma entre os outros pagáns e polo de agora non puido ser. 14Estou en débeda con gregos, con estranxeiros, con sabios e con ignorantes; 15Así que, en canto dependa de min, estou disposto a vos anunciar o Evanxeo tamén a vós, os de Roma.
A XUSTIFICACIÓN
Enunciación do tema
16Porque eu non me avergonzo do Evanxeo, que é unha forza de Deus para a salvación de todo o que cre; primeiramente do xudeu, pero tamén do grego. 17Porque nel a xustificación de Deus revélase desde a fe e para a fe, tal como está escrito: o que é xusto pola fe, vivirá.
Toda a humanidade pechada no pecado
18Ademais estase manifestando a ira de Deus desde o ceo sobre toda impiedade e inxustiza dos homes, que coa inxustiza asoballan a verdade. 19Porque o que se pode coñecer de Deus téñeno ben a vista, que Deus llelo puxo diante dos ollos. 20Porque o que de Deus é invisible, é dicir, a súa potencia eterna e a súa divindade, resúltalle visible, desde que o mundo é mundo, a quen reflexiona sobre as súas obras; de xeito que non teñen escusa.
21Porque, cando coñeceron a Deus, non o loaron coma tal, nin lle deron grazas; máis ben, parvearon con matinacións baleiras e o seu corazón insensato encheuse de tebras: 22téndose por moi listos volvéronse parvos, 23que trocaron a gloria do Deus inmortal por imaxes corruptibles de homes, de paxaros, de bestas e de réptiles. 24Por iso Deus abandonounos ás cobizas dos seus corazóns e chegaron a envilecer os seus propios corpos, 25por trocaren o Deus verdadeiro por un falso, e por honraren e daren culto á criatura en lugar do Creador (Bendito e loado polos séculos. Amén!).
26Por iso abandonounos Deus ás paixóns degradantes: as súas mulleres cambiaron o uso natural polo que é contra a natureza. 27E os homes, outro tanto: deixaron o uso natural da muller, arderon en cobizas duns polos outros, homes con homes, cometendo torpezas e recibindo o pagamento do seu extravío en si mesmos. 28E, como lles pareceu inadmisible seguir recoñecendo a Deus, Deus abandonounos ó perverso pensamento de faceren o que non é decente. 29Están ateigados de toda clase de inxustiza, maldade, cobiza, perversidade; cheos de envexa, de homicidios, de rifas, de enganos, de depravación; son detractores, 30murmuradores, inimigos de Deus, inxuriosos, soberbios, fachendosos, inventores de males, rebeldes cos seus pais; 31sen xuízo, sen palabra, sen afecto, sen misericordia. 32Eles coñecen ben a xustiza de Deus, que castiga coa morte ós que tal fan; pero, aínda así, eles fano e, por riba, apláudenlle a quen o faga.

Currently Selected:

Romanos 1: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in