YouVersion Logo
Search Icon

Números 21

21
1Cando o cananeo rei de Arad, que habitaba no Négueb, oíu que Israel viña polo camiño dos exploradores, atacou a Israel e fixo algúns prisioneiros. 2Entón Israel fixo un voto ó Señor dicindo: —"Se pos na miña man a este pobo, eu hei dar ó exterminio todas as súas cidades". 3O Señor escoitou a voz de Israel, e entregoulle os cananeos; e foron dados ó exterminio eles e as súas cidades, e aquel lugar chamouse co nome de Anatema.
A serpente de bronce
4E marcharon do monte Hor polo camiño do Mar Rubio, rodeando o país de Edom, e o pobo comezou a esmorecer polo camiño. 5E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés: —"Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo dese alimento tan miserable?" 6O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel. 7O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: —"Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes!" Moisés rezou polo pobo, 8e o Señor díxolle a Moisés: —"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá". 9Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun mastro; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.
Cambian o campamento
10Os fillos de Israel partiron e acamparon en Obot. 11E de novo marcharon de Obot e acamparon nos outeiros de Habarim, no deserto, que está ó leste de Moab. 12De alí marcharon e acamparon no torrente de Zared. 13Marcharon de alí e acamparon do outro lado do Arnón, no deserto que sae do territorio dos amorreos, pois o Arnón constitúe a fronteira entre Moab e o amorreo. 14Por iso se di no libro das guerras do Señor: —"Vaheb en Sufa e os vales do Arnón, 15e o declive dos regatos que se inclina cara á veiga do Ar, e repousa na fronteira de Moab".
16E de alí foron a Beer. Aquí está o pozo ó que se refería o Señor, cando falou con Moisés: —"Xunta o pobo, e eu dareilles auga". 17Entón Israel cantou este cántico:
—"Deita, pozo! Cantádelle!
18Pozo que os príncipes cavaron,
que furaron os nobres do pobo
co cetro, cos seus caxatos".
E do deserto foron a Matanah; 19de Matanah a Nahaliel, de Nahaliel a Bamot, 20e de Bamot ó val que hai no campo de Moab, no cume do Pisga, que olla para o deserto.
21Entón Israel mandou embaixadores ó rei dos amorreos, dicindo: 22—"Déixame pasar polo teu país! Nós non nos desviaremos nin polos labradíos nin polas viñas, nin beberemos auga de ningún pozo; iremos pola estrada real, ata pasarmos os teus límites". 23Pero non permitiu pasar a Israel polo seu territorio, senón que xuntou a todo o seu pobo e saíu ó encontro de Israel no deserto; chegou a Iáhsah e combateu contra el.
Triunfo de Israel
24Mais Israel derrotouno a fío de espada e apoderouse do seu territorio, desde o Arnón ata o Iaboc, ata os amonitas, porque a fronteira dos fillos de Amón estaba fortificada. 25Israel tomou, pois, todas aquelas cidades. Estableceuse en todas as cidades dos amorreos, en Hexbón e máis en todas as vilas dos arredores. 26Porque Hexbón era a cidade de Sihón, rei dos amorreos, que guerreara contra o rei anterior de Moab e lle tomara todo o seu territorio ata o Arnón. 27Por iso din os poetas:
—"Vide a Hexbón, edifíquese e restáurese a cidade de Sihón.
28Pois un lume saíu de Hexbón, unha chama da cidade de Sihón,
que devorou Ar de Moab, e os outeiros de Arnón.
29Ai de ti, Moab! Estás perdido, pobo de Kemox!
Os seus fillos tiveron que andar fuxidos,
e as súas fillas foron cativas de Sihón, rei dos amorreos!
30O xugo de Hexbón foi exterminado! Arruinado está Hexbón ata Dibón;
arruinamos ata Nófah, que está xunto a Medebá".
31Israel, pois, morou na terra dos amorreos. 32Moisés mandou explorar Iaser, e conquistárona coas súas vilas de arredor, expulsando ós amorreos que moraban alí.
33Despois cambiaron de dirección e subiron polo camiño de Baxán. Og, rei do Baxán, saíu ó seu encontro, acompañado de todo o seu pobo, presentándolle batalla en Edrei. 34Entón o Señor díxolle a Moisés: —"Non lle teñas medo, porque xa cho puxen eu na túa man con todo o seu pobo e todo o seu territorio. Farás con el o mesmo que fixeches con Sihón, rei dos amorreos, que habitaba en Hexbón". 35Vencérono, pois, tamén a el, ós seus fillos e a todo o seu pobo, ata non deixaren nin sequera un vivo, e apoderáronse do seu territorio.

Currently Selected:

Números 21: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 21