Números 20
20
As augas de Meribah
1Os fillos de Israel, a comunidade enteira, chegaron ó deserto de Sin no primeiro mes, e o pobo acampou en Cadex. Alí morreu María e alí foi sepultada.
2Como non había auga para a comunidade, xuntáronse contra Moisés e contra Aharón. 3O pobo levantouse contra Moisés e laiouse con berros, dicindo: —"Oxalá perecésemos, cando pereceron os nosos irmáns diante do Señor! 4Para que fixestes vir á comunidade do Señor a este deserto, para morrermos nel nós e o noso gando? 5Por que nos fixestes saír de Exipto, para nos traer a este lugar maldito, que non se pode sementar e que nin ten figueiras, nin viñas, nin granadas, e amais diso non ten auga para beber?" 6Moisés e Aharón, retirándose de diante da comunidade, foron á entrada da Tenda do Encontro, e prostráronse co rostro por terra. Aparecéuselles por riba deles a Gloria do Señor, 7e o Señor díxolle a Moisés: 8—"Colle a vara, e fai xuntar á comunidade, ti e Aharón, teu irmán; na presenza deles ordenarédeslle ó penedo que dea auga; farás manar para eles auga do penedo e daraslle de beber á comunidade e ó seu gando!" 9Moisés colleu a vara de diante do Señor, conforme lle ordenara. 10Logo Moisés e Aharón reuniron a comunidade diante do penedo, e faloulles: —"Escoitade, rebeldes! Poderemos sacar auga para vós deste penedo?" 11E Moisés levantou a man e bateu no penedo coa súa vara por dúas veces: e saíu auga abundante, e a comunidade bebeu, e o seu gando tamén. 12O Señor díxolles a Moisés e a Aharón: —"Por non confiardes en min e non manifestardes así a miña santidade ós ollos dos israelitas, non seredes vós quen introduza esta comunidade na terra que eu lles vou dar". 13Estas son as augas de Meribah, onde os fillos de Israel se queixaron contra o Señor e El manifestou a súa santidade.
Vanse de Cadex
14Desde Cadex Moisés enviou embaixadores ó rei de Edom:
—"Isto fala o teu irmán Israel: Ti ben coñeces todos os traballos que pasamos, 15como os nosos pais tiveron que baixar a Exipto, onde habitamos por moito tempo. Os exipcios maltratáronnos a nós e ós nosos devanceiros; 16pero nós queixámonos ó Señor. El escoitou o noso lamento, e enviou o seu anxo, que nos sacou de Exipto. Velaquí que xa chegamos a Cadex, cidade que está nos teus últimos límites. 17Déixanos pasar, por favor, pola túa terra! Non atravesaremos campos, nin viñas, nin beberemos das augas dos pozos, camiñaremos pola estrada do rei, non sairemos nin para a dereita nin para a esquerda, ata que deamos saído do teu territorio".
18E respondeulles Edom:
—"Ti non pasarás polo meu territorio; do contrario, saireiche ó encontro coa espada!"
19Os fillos de Israel contestáronlle:
—"Subiremos polo camiño, e se eu e os meus gandos bebemos das túas augas, pagaremos o seu prezo: permite soamente que pasemos a pé".
20Mais el respondeu:
—"Non pasarás!"
E saíu Edom ó seu encontro con moita xente e con fortes armas. 21E non quixo Edom deixar pasar a Israel polo seu territorio. Entón Israel retirouse de onda el.
22Marcharon de Cadex os fillos de Israel, toda a comunidade, e chegaron ó monte de Hor.
Morte de Aharón
23O Señor díxolles a Moisés e Aharón no monte Hor, situado na fronteira de Edom: 24"É preciso que Aharón se xunte cos do seu pobo, pois non debe entrar na terra que eu lles dei ós fillos de Israel, porque fostes rebeldes ás miñas ordes nas augas de Meribah. 25Colle a Aharón e ó seu fillo Elazar e lévaos ó monte Hor. 26Fai espir a Aharón dos seus vestidos e faillos vestir a Elazar, seu fillo, porque Aharón se ten que xuntar cos seus e alí morrerá". 27Moisés fixo como lle ordenara o Señor, e subiron ó monte Hor na presenza de toda a comunidade. 28Moisés fixo espir a Aharón dos seus vestidos e fíxollos vestir a Elazar, seu fillo. Morreu Aharón alí no cume do monte, e logo descenderon Moisés e mais Elazar do monte. 29E comprendeu toda a comunidade que morrera Aharón, e toda a casa de Israel chorou a Aharón durante trinta días.
Currently Selected:
Números 20: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT