Números 22
22
Episodio de Balaam
1Marcharon os fillos de Israel, e acamparon nas planicies de Moab, alén do Xordán, á vista de Iericó. 2Balac, fillo de Sipor, coñeceu todo canto Israel lles fixera ós amorreos, 3e Moab colleu moito medo véndose diante dun pobo tan grande, pois era numeroso, e encheuse de medo por mor dos fillos de Israel. 4Díxolles Moab ós anciáns de Madián: —"Agora esa multitude pastará todos os nosos arredores como pasta un touro a herba do campo. Balac, fillo de Sipor, era rei de Moab por aquel tempo. 5E enviou mensaxeiros a Balaam, fillo de Beor, a Petor, que está xunto ó río, no país dos amonitas, para o chamar, dicíndolle: —"Velaí que un pobo saíu de Exipto, que cobre a superficie do país e está á beira do meu territorio. 6Ven, axiña, por favor, maldí a este pobo, porque é máis poderoso ca min: quizais así poderei vencelo e expulsalo do país, pois sei que aquel a quen ti bendís é bendito, e maldito aquel a quen ti maldís".
7Foron os anciáns de Moab e os anciáns de Madián levando nas súas mans os cartos da adiviñación, e cando chegaron a Balaam expuxéronlle as palabras de Balac. 8El díxolles: —"Quedádevos aquí esta noite, e eu dareivos resposta, conforme ma diga o Señor". E os príncipes de Moab quedáronse con Balaam. 9Entón Deus veu onda Balaam e preguntoulle:
—"Quen son eses homes que están contigo?"
10Balaam respondeulle a Deus:
—"Balac, fillo de Sipor, rei de Moab, mandounos onda min, para que me dixesen: 11Velaí que un pobo que saíu do Exipto cobre a superficie de toda a terra. Ven, axiña e maldío! Quizais así poida eu combater con el e expulsalo".
12Pero Deus díxolle a Balaam:
—"Non irás con eles nin maldicirás a ese pobo, pois é un pobo bendito!"
13Balaam levantouse pola mañá e díxolles ós príncipes de Balac: —"Volvede para o voso país, porque o Señor negouse a deixarme ir convosco". 14Entón os príncipes de Moab levantáronse, foron onda Balac e dixéronlle: —"Balaam negouse a vir connosco".
15Balac volveu de novo a enviar príncipes máis numerosos e ilustres ca aqueles. 16E ó chegaren onda Balaam, dixéronlle:
—"Así falou Balac, fillo de Sipor: Pídocho por favor que non te prives de vir onda min, 17pois heite de honrar cos maiores honores e hei facer todo canto digas. Ven, pois, por favor: maldí a este pobo!"
18Balaam respondeulles ós servos de Balac:
—"Aínda que Balac me dese toda a súa casa chea de prata e ouro, eu non podería ir contra a orde do Señor meu Deus, para dicir nin pouco nin moito. 19Quedádevos tamén vós aquí esta noite, para vos facer saber o que me diga de novo o Señor".
20Veu Deus a Balaam de noite e díxolle: —"Se te viñeron chamar uns homes, érguete e vai con eles, pero has facer o que eu che mande".
21Ergueuse Balaam pola mañá, aparellou a súa burra e partiu cos príncipes de Moab.
22Pero cando el marchaba, acendeuse a cólera de Deus, e o Anxo do Señor atravesóuselle no camiño para llo impedir. El ía cabalgando na súa burra acompañado de dous criados. 23Cando a burra viu o Anxo do Señor parado no camiño coa súa espada na man, desviouse do camiño e foise polo campo. Balaam comezou a bater na burra para facela volver ó camiño. 24Entón o Anxo do Señor chantouse nunha congostra entre as viñas, con sebes por unha beira e pola outra. 25A burra, que viu o Anxo do Señor, arrimouse contra o valado e premeulle o pé de Balaam contra o valado. Entón el volveu bater nela. 26O Anxo do Señor volveu pasar diante e chantouse nun carreiro estreito, onde non se podía ir nin pola dereita nin pola esquerda. 27A burra viu o Anxo do Señor e deitouse baixo os pés de Balaam, quen se alporizou e fustrigou a burra co caxato. 28Entón Iavé abriulle a boca á burra, e esta díxolle a Balaam:
—"Que che fixen eu para me bateres desta maneira, xa por terceira vez?"
29E Balaam díxolle á burra:
—"Porque te estás burlando de min! Se tivese a man unha espada, agora mesmo te mataría!"
30E replicoulle a burra a Balaam:
—"Non son eu a túa burra, a mesma na que tes cabalgado desde que existes ata hoxe? Acaso fíxenche eu algunha vez cousa semellante?"
—"Non", respondeu el.
31Entón o Señor abriulle os ollos a Balaam, quen viu o Anxo do Señor parado no camiño coa espada desenvaiñada na man, axeonllouse e prostrouse co rostro por terra. 32E díxolle o Anxo do Señor:
—"Por que lle batiches por tres veces á túa burra? Son eu quen se opón a ti, pois o teu camiño é perverso e contrario a min. 33A burra viume a min e desviouse de diante de min tres veces con esta. Boa sorte tiveches con que se desviase ela, porque arestora xa eu podería terte matado, deixándoa viva a ela".
34Balaam díxolle entón ó Anxo do Señor: —"Pequei, porque non sabía que ti te opuñas a min no camiño; agora, se che parece mal, darei volta!"
35O Anxo do Señor contestoulle a Balaam:
—"Vaite con eses homes, pero soamente o que eu che indique, iso has falar".
Balaam marchou, logo, cos príncipes de Balac.
36Cando Balac oíu que chegaba Balaam, saíu ó seu encontro a unha cidade de Moab situada no límite do Arnón, no extremo da fronteira. 37Balac díxolle a Balaam:
—"Non che enviara embaixadores para te chamar? Por que non viñeches a min? Non podo por ventura recompensarte?"
38E Balaam respondeulle a Balac:
—"Velaquí que eu vin a ti agora! Mais poderei eu, por ventura, falar algo? A palabra que Deus poña na miña boca, esa falarei".
39E Balaam foise con Balac, e chegaron a Quiriat-Husot. 40Balac degolou bois e ovellas, e enviou parte a Balaam e ós príncipes que o acompañaban. 41A mañá seguinte, Balac tomou a Balaam e fíxoo subir a Bamot-Baal, desde onde se vía o extremo do pobo.
Currently Selected:
Números 22: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT