YouVersion Logo
Search Icon

Números 14

14
Rebelión do pobo
1Todo aquel xentío se puxo a berrar, laiándose, e pasou toda a noite chorando. 2Todos os fillos de Israel murmuraron contra Moisés e Aharón, e toda a xente dicía: —"Oxalá morrésemos no país do Exipto! Oxalá morrésemos neste deserto! 3Por que nos conduce o Señor a este país, para sermos atravesados pola espada e para que as nosas mulleres e os nosos nenos sexan feitos cativos? Non nos sería mellor volver para o Exipto?" 4E dicíanse uns para os outros: —"Poñamos un xefe e volvamos para o Exipto!"
5Moisés e Aharón prostráronse por terra coa cara para abaixo, diante de toda a comunidade dos fillos de Israel. 6Xosué, fillo de Nun, e Caleb, fillo de Iefuneh, que tamén exploraran a terra, racharon os seus vestidos, 7e logo dirixiron a palabra a toda a asemblea dos fillos de Israel: —"A terra que percorremos para explorala, é unha terra moi boa. 8Se o Señor nos é propicio, conduciranos a ese país e daránolo; é un país que deita leite e mel. 9Pero non vos rebeledes contra o Señor nin temades a xente do país, pois podemos devoralo coma pan; a súa protección apartouse deles, e o Señor está connosco. Non lles teñades medo!" 10Pero toda a comunidade tratou de apedralos. Entón a Gloria do Señor apareceu na Tenda do Encontro ante todos os fillos de Israel, 11e o Señor díxolle a Moisés:
—"Por canto tempo me ha aldraxar este pobo? Por canto tempo se negará a crer en min, con todos os prodixios que teño feito diante deles? 12Vou ferilos coa peste e exterminareinos, e despois heite facer príncipe dunha nación maior e máis poderosa do que esta é".
13Respondeulle Moisés ó Señor:
—"Os exipcios oíron que co teu poder sacaches este pobo de entre eles, 14e dixéronllelo ós habitantes desta terra. Eles oíron que Ti, Señor, estás no medio do teu pobo e te deixas ver cara a cara; que a túa Nube se mantén coma unha columna sobre eles, e nela marchas diante durante o día e en columna de lume pola noite. 15Se fas morrer a este pobo coma un home só, as xentes que escoitan a túa sona dirán: 16Iavé foi incapaz de levar a este pobo ó país que lle prometera con xuramento, por iso o destruíu no deserto! 17Agora, pois, sexa glorificado o poder do meu Señor, conforme ti prometiches, dicindo: 18O Señor é paciente e rico en misericordia; El perdoa a iniquidade e o crime, mais nada deixa sen castigo, pois fai purificar nos fillos as culpas dos pais ata a terceira e cuarta xeración. 19Perdoa, pois, a iniquidade deste pobo conforme a magnitude da túa misericordia e conforme o soportaches desde Exipto ata aquí!"
20O Señor respondeu:
—"Eu perdoo conforme a túa palabra. 21Pero, pola miña vida e pola Gloria do Señor, que enche toda a terra, 22todos aqueles homes que viron a miña Gloria e os prodixios que fixen no Exipto e no deserto, e me tentaron xa por dez veces, sen escoitaren a miña voz, 23non han ver o país que con xuramento lles prometín a seus pais: ningún de cantos me aldraxan o verá! 24Con todo, ó meu servidor Caleb, porque tivo outro espírito consigo e me seguiu fielmente, heino facer entrar no país onde el xa estivo, e a súa posteridade terao en posesión. 25Mais os amalecitas e os cananeos habitan no val; volvede logo mañá e marchade para o deserto, camiño do Mar Rubio".
Castigo dos rebeldes
26Díxolles o Señor a Moisés e a Aharón: 27—"Canto tempo vou ter que seguir aguantando esta teimosa turba, que murmura contra min? Eu oín as murmuracións que contra min profiren os fillos de Israel. 28Dilles: Pola miña vida, palabra do Señor, que conforme vos oín dicirme, así vos vou tratar! 29Neste deserto caerán os vosos cadáveres, pois todos vós, os que fostes censados, todos desde a idade de vinte anos en diante que murmurastes contra min, 30non entraredes no país, onde, estendendo a miña man, xurei facervos habitar, excepto Caleb, fillo Iefuneh e Xosué, fillo de Nun. 31En cambio ós vosos mozos, dos que dixestes: Serviranlles de presa ós inimigos, a eses introducireinos, e coñecerán o país que vós desprezastes. 32Os vosos propios cadáveres caerán neste deserto, 33e os vosos fillos andarán errantes no deserto e pagarán as consecuencias das vosas infidelidades, ata que acaben de consumirse no deserto os vosos cadáveres. 34Conforme os corenta días que tardastes en explorar o país, pagaredes a pena das vosas iniquidades: por cada día un ano, isto é, corenta anos; así saberedes o que é o meu castigo. 35Eu, o Señor, falei. Seguro que hei tratar así a toda esta multitude perversa que se repuxo contra min. Neste deserto será consumida e nel morrerá!"
36Os homes que Moisés enviara a explorar a terra e que, ó volveren, fixeran murmurar contra el a toda a multitude, falando mal dela, 37Aqueles homes que difamaran a terra con perversidade, morreron feridos de morte diante do Señor. 38Soamente Xosué, fillo de Nun, e Caleb, fillo de Iefuneh, sobreviviron de entre aqueles homes que foran explorar o país.
Desfeita dos israelitas
39Contoulles Moisés todas estas cousas ós fillos todos de Israel, e quedou o pobo moi aflixido. 40Levantándose pola mañá cedo, subiron ó cume do monte, dicindo:
—"Imos rubir aló, a aquel lugar, que nos mandou o Señor, porque pecamos".
41Moisés díxolles: —"Por que pretendedes ir contra a vontade do Señor? Así non vos vai ir ben. 42Non subades, pois o Señor non está convosco; non sexa que vos derroten os vosos inimigos. 43Pois o amalecita e o cananeo están alí contra vós e pereceredes baixo a súa espada, porque vos desviastes do Señor e o Señor non estará convosco".
44Eles, con todo, obstináronse en subir ó cume do monte. Pero nin a Arca da Alianza do Señor nin Moisés se moveron do interior do campamento. 45Os amalecitas e os cananeos, que habitaban naquel monte, baixaron e derrotáronos, facéndoos fuxir ata Hormah.

Currently Selected:

Números 14: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in