YouVersion Logo
Search Icon

Números 13

13
Moisés manda explorar o país de Canaán
1Faloulle o Señor a Moisés:
2—"Manda homes que che exploren o país de Canaán, que eu lles vou dar ós fillos de Israel; un home por cada unha das tribos de seus pais; serán tomados entre os príncipes. 3Enviounos, pois, Moisés desde o deserto de Parán, segundo a orde do Señor. Todos eles eran xefes entre os fillos de Israel. 4Estes eran os seus nomes: Pola tribo de Rubén, Xamúa, fillo de Zacur. 5Pola tribo de Simeón, Xafat, fillo de Horí. 6Pola tribo de Xudá, Caleb, fillo de Iefuneh. 7Pola tribo de Isacar, Igal, fillo de Xosé. 8Pola tribo de Efraím, Xosué, fillo de Nun. 9Pola tribo de Benxamín, Paltí, fillo de Rafú. 10Pola tribo de Zebulón, Gadiel, fillo de Sodí. 11Pola tribo de Xosé, tribo de Menaxés, Gadí, fillo de Susí. 12Pola tribo de Dan, Amiel, fillo de Guemalí. 13Pola tribo de Axer, Setur, fillo de Micael. 14Pola tribo de Naftalí, Nahbí, fillo de Volfsí. 15Pola tribo de Gad, Guenel, fillo de Maquí. 16Estes son os nomes dos varóns que enviou Moisés a explorar o país. E Moisés a Hoxeas, fillo de Nun, cambioulle o nome polo de Xosué.
17Moisés enviounos a explorar o país de Canaán, e díxolles: —"Subide polo deserto e escalade logo a montaña. 18Ollaredes ben a terra, como é, e o pobo que nela habita: se é forte ou feble, se escaso ou numeroso; 19e tamén como é a terra na que habita: se é boa ou mala; e como son as cidades nas que mora: se abertas ou fortificadas; 20e como é o terreo: se fértil ou estéril, se hai nel árbores ou non. Animádevos e collede froitos da terra!" Era entón o tempo das uvas temperás.
21Subiron, logo, e exploraron o país desde o deserto de Sin ata Rehob, camiño de Hamat. 22Subiron polo Négueb e chegaron a Hebrón, onde estaban Ahimán, Xexai e Talmai, descendentes de Anac. Hebrón fora edificada sete anos antes ca Soán do Exipto. 23Logo chegaron ó Val do Acio, onde cortaron un acio de uvas, que cargaron entre dous mediante unha vara, e granadas e figos. 24A aquel lugar chamóuselle Val do Acio, porque alí o cortaran os fillos de Israel.
25Volveron da exploración da terra, pasados corenta días. 26Chegaron xunto a Moisés e Aharón e toda a comunidade dos fillos de Israel, no deserto de Parán, en Cadex, e déronlles conta a eles e a toda a asemblea mostrándolles os froitos do país. 27E contaron: —"Fomos á terra, onde ti nos enviaches: verdadeiramente é un país que deita leite e mel. Velaquí os seus froitos! 28Pero o pobo que habita o país é forte, e as cidades, fortificadas e moi grandes. Alí vimos tamén os descendentes de Anac. 29Amalec habita no país do Négueb; o hitita, o iebuseo e o amorreo habitan na montaña, e o cananeo mora onda o mar e na beira do Xordán". 30Entón Caleb tratou de calmar o pobo, que murmuraba contra Moisés, e exclamou:
—"Subamos sen medo e apoderémonos do país, porque nós podemos con eles!"
31Mais os homes que subiran con el, dixeron:
—"Non podemos subir contra ese pobo, pois é máis forte ca nós".
32E desacreditaban ante os fillos de Israel a terra que exploraran, dicindo: —"O país por onde pasamos, ó facermos a exploración, é un país que devora os seus habitantes, e toda a poboación que vimos no medio del son homes de estatura moi grande. 33Alí vimos xigantes descendentes de Anac, raza de xigantes, e resultabamos, ós nosos propios ollos, coma saltóns, e o mesmo lles debiamos parecer tamén a eles".

Currently Selected:

Números 13: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Números 13