YouVersion Logo
Search Icon

Números 15

15
Ofrendas e sacrificios
1Faloulle o Señor a Moisés: 2—"Dilles ós fillos de Israel: Cando esteades dentro do país que será a morada que eu vos vou dar, 3e queirades celebrar unha ofrenda de comida (un holocausto ou un sacrificio en cumprimento de voto ou como ofrenda voluntaria ou con motivo das vosas solemnidades sacrificando bois ou ovellas, en recendo grato ó Señor), 4quen así ofreza a súa ofrenda ó Señor, ofrecerá como sacrificio un quilo e medio de flor de fariña amasada cun litro de aceite; 5engadiraslle ó holocausto ou á oblación viño para as libacións en cantidade dun litro, por cada cordeiro. 6E por cada carneiro, ofrecerás como oblación tres quilos de flor de fariña amasada cun litro e cuarto de aceite; 7e do viño para a libación, un litro e cuarto, que ofrecerás como aroma de suavidade ó Señor. 8Pero se desexas sacrificar un xovenco en holocausto ou sacrificio, en cumprimento dun voto ou como ofrenda pacífica ó Señor, 9ofrecerás ademais do xovenco, en concepto de oblación, catro quilos e medio de flor de fariña amasada con dous litros de aceite; 10e para a libación ofrecerás dous litros de viño: sacrificio de comida, como aroma suavísimo para o Señor. 11Isto farase con cada xovenco e con cada carneiro, año ou cabrito. 12Calquera que sexa o número de vítimas que inmoledes, faredes así con cada unha delas. 13Todo nativo procederá dese xeito, ó presentar unha ofrenda na brasa, de flagrante recendo para o Señor. 14E cando resida convosco un estranxeiro ou alguén viva no medio de vós nas vosas sucesivas xeracións e desexe facer un sacrificio de comida de recendo agradable ó Señor, do modo que vós facedes, así fará el. 15A mesma regra vale tanto para vós como para o estranxeiro, regra perpetua, de agora para adiante nas xeracións sucesivas: igual ca vós será o estranxeiro diante do Señor. 16Unha soa lei e unha soa norma teredes vós e mais o estranxeiro que mora convosco".
As primicias
17Faloulle o Señor a Moisés: 18—"Dilles ós fillos de Israel: Cando entredes no país, no que eu vos vou meter, 19e comades do seu pan, reservaredes unha ofrenda para o Señor. 20Como primicias da vosa fariña reservaredes unha torta coma oblación; coma a oblación da eira, así a debedes de elevar. 21Das primicias da vosa fariña daredes a Iavé unha ofrenda nas vosas sucesivas xeracións.
Faltas involuntarias
22Se faltades sen darvos conta, descoidando un destes preceptos que o Señor lle deu a Moisés, 23é dicir, todo o que o Señor vos mandou por medio de Moisés, desde o día no que o Señor vos deu os seus mandamentos, e de alí en adiante por todas as xeracións; 24se é toda a comunidade a que faltou sen o saber, sacrificarase un xovenco coa súa ofrenda e a súa libación, conforme o rito prescrito, e un chibo en sacrificio expiatorio. 25O sacerdote fará a expiación por toda a asemblea dos israelitas, e seralles perdoado, porque foi un pecado involuntario e porque presentaron a súa ofrenda ó Señor. 26O perdón será conseguido para toda a comunidade israelita e tamén para o estranxeiro que habita entre eles, porque é unha culpa que todo o pobo cometeu sen se dar conta.
27Se foi unha soa persoa a que pecou sen se dar conta, ofrecerá unha cabra dun ano en sacrificio expiatorio. 28O sacerdote fará a expiación diante do Señor por esa persoa que pecou sen se dar conta, e quedará perdoada. 29Esta será a única lei para o que peca sen se dar conta, sexa israelita de nacemento ou estranxeiro que habite entre eles. 30Pero o que peque deliberadamente, indíxena ou estranxeiro, aldraxa ó Señor, e debe ser expulsado do seu pobo. 31Por desprezar a palabra do Señor e por violar os seus preceptos, será expulsado: cargará coa súa iniquidade".
Profanación do sábado
32Estando aínda os fillos de Israel no deserto, aconteceu que pillaron un home que recollía leña no día do sábado. 33Os que o pillaron collendo leña, levárono diante de Moisés, de Aharón e de toda a asemblea. 34Puxérono baixo custodia, porque aínda non fora estipulado o que se había de facer con el. 35E o Señor díxolle a Moisés: —"Ese home debe morrer; que o apedre toda a asemblea fóra do campamento". 36E, tirándoo para fóra toda a asemblea, apedrárono e morreu, coma o Señor lle ordenara a Moisés.
37Faloulle o Señor a Moisés: 38—"Dilles ós fillos de Israel que se fagan unhas borlas nas extremidades das súas capas, e que poñan un cordón de púrpura violeta nas fitas. 39Tales fitas serviranvos para que, cando as vexades, vos lembredes de todos os preceptos do Señor e os poñades en práctica; e para que non vos deixedes arrastrar pola inclinación do voso corazón e dos vosos ollos, que vos levan á infidelidade. 40Así lembrarédesvos de todos os meus mandatos e cumprirédelos, e estaredes consagrados ó voso Deus. 41Eu son o Señor, o voso Deus, que vos tirei do país do Exipto para ser o voso Deus. Eu son o Señor, o voso Deus!"

Currently Selected:

Números 15: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in