YouVersion Logo
Search Icon

Marcos 4

4
Parábola da semente (Mt 13, 1-9; Lc 8, 4-8)
1E púxose de novo a ensinalos á beira do mar. Tanta era a xente reunida ó pé del, que tivo que subir para sentar nunha barca fondeada no mar, mentres o xentío estaba en terra, na ribeira. 2Ensinoulles moitas cousas en parábolas, e instruíaos así:
3Escoitade: Dunha vez saíu un labrador a sementar. 4E resulta que, ó botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros, e comérona. 5Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; 6pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. 7Outra parte caeu na silveira, e, ó medraren as silvas, afogárona, e non a deixaron dar froitos. 8Outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar froitos: o trinta, o sesenta, e aínda o cento por un.
9E concluíu:
Quen teña oídos para oír, que escoite.
Motivo das parábolas (Mt 13, 10-15; Lc 8, 9-10)
10Máis tarde, cando ficou só, os que o acompañaban xunto cos Doce, preguntábanlle polas parábolas. 11El respondeu:
A vós concedéusevos coñecer o misterio do Reino de Deus; pero ós de fóra soamente en parábolas, 12de tal xeito que
mirar miren, pero non vexan;
escoitar escoiten, pero non entendan:
non sexa que se convertan
e se lles perdoe.
Explicación da parábola (Mt 13, 18-23; Lc 8, 11-15)
13E continuou:
Se non comprendedes esta parábola, como ides comprender todas as outras? 14O sementador sementa a Palabra. 15Os do camiño son aqueles nos que se sementa a Palabra, pero cando a escoitan vén Satán e repáñallela. 16Da mesma maneira son aqueles que de seguida reciben a semente con alegría, pero pásalles o mesmo do que á sementada entre as pedras: 17por non teren raíces e seren inconstantes, mal veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandonan. 18A outros pásalles coma á semente caída entre as silvas: si escoitan a Palabra, 19pero moi axiña as preocupacións do mundo, o engano das riquezas e mais as ambicións, asolágana, afógana, e queda sen froito. 20Pero os que son coma a boa terra, escóitana, acóllena e dan moito froito: uns o trinta, outros o sesenta, e outros o cento por un.
Outras comparacións: o candil (Mt 5, 15; 10, 26; Lc 8, 16-18; 11, 33; 12, 2)
21E dicíalles tamén:
Pero é que se trae un candil para metelo debaixo dun cazolo ou debaixo da cama? Non será para poñelo enriba do candeeiro? 22Porque se hai algo oculto, é para que se descubra; nin nada se fai en secreto, se non é para traelo á luz pública. 23Quen teña oídos para oír, que escoite.
24Dicíalles tamén:
Atendede ben ó que estades escoitando. Coa medida que midades, hanvos medir a vós, e ben sobrado. 25Porque ó que ten, háselle dar; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle quitará.
A semente que crece
26E dixo tamén:
Así é o Reino de Deus: coma un home que bota a semente na terra, 27e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. 28A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga. 29E cando xa está achegado o froito, de seguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.
O gran de mostaza (Mt 13, 32-34; Lc 13, 18-19)
30E tamén dicía:
Con que compararemos o Reino de Deus? 31É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. 32Pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.
33E así con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. 34Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas ós seus discípulos.
Calma e tempestade (Mt 8, 18. 23-27; Lc 8, 22-25)
35E naquel día á caída da noite, díxolles:
Ora, vamos para a banda de alá.
36Eles, deixando a xente, levárono no bote onde estaba sentado; e ían seguidos por outras barcas. 37E formouse tal remuíño de vento que os salseiros caían enriba do bote e enchíano de auga. 38El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Fórono espertar, berrándolle:
Mestre, seica non che importa que afoguemos?
39Entón el, espertando, increpou ó vento, e díxolle ó mar: Silencio, e acouga!
O vento amainou, e veu unha gran calma.
40Despois díxolles:
Por que tendes tanto medo? Seica aínda non tendes fe?
41Eles, cheos dun medo enorme, comentaban entre si:
Pero, quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen?

Currently Selected:

Marcos 4: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in