Marcos 5
5
Curación dun endemoñado (Mt 8, 28-34; Lc 8, 26-39)
1Chegaron á outra banda do mar, ó país de Gadara. 2E conforme saltou da barca, un endemoñado saíulle ó encontro desde os sepulcros 3onde moraba, pois nin con cadeas o podían apreixar. 4Moitas veces xa intentaran termar del con cadeas e grillóns; pero rompía as cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era capaz de o domear. 5Pasaba os días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante, mancándose coas pedras. 6Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo prostrarse ante el, 7gritando con toda forza:
Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me atormentes.
8Pois Xesús mandáralle:
Bótate fóra dese home, espírito malo.
9E preguntoulle tamén:
Como te chaman?
El respondeulle:
Chámanme lexión, porque somos moitos.
10E pedíalle con moita ansia que non os botase daquela terra. 11E como había unha boa manada de porcos comendo pola aba do monte, 12todos aqueles demos rogáronlle a Xesús:
Mándanos onda aqueles porcos, para entrarmos neles.
13El accedeu e, saíndo do home, fóronse meter nos porcos, que en número duns dous mil se chimparon polo barranco abaixo, e foron afogar no mar. 14Os porqueiros fuxiron, levando a nova á vila e ás aldeas. A xente ía ver o que pasaba. 15Chegaron onde estaba Xesús, e viron o endemoñado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo de xuízo; todos ficaron pasmados. 16Os que presenciaron aquilo contáronlles o que pasara co endemoñado e mais cos porcos. 17Entón empezaron a pedirlle que se afastara daquelas terras.
18E cando el se embarcara, o que estivera endemoñado rogáballe que o deixase ir con el. 19Pero Xesús non llo permitiu, senón que lle dixo:
Vaite para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo contigo.
20El marchou e comezou a pregoar, pola Decápole adiante, canto lle fixera Xesús. Todos ficaban pasmados.
A filla de Xairo e a muller con hemorraxias (Mt 9, 18-26; Lc 8, 40-56)
21Pasando de novo nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor del, que estaba na beira do mar. 22Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado Xairo, que, ó velo, botouse ós seus pés 23suplicándolle:
A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.
24E foise con el, seguido de moito xentío, que o estrullaba.
25Había unha muller, que padecía hemorraxias desde doce anos atrás, 26e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. 27Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido, 28dicindo para si: "Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa". 29E secándoselle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.
30Axiña Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:
Quen me tocou na roupa?
31Os discípulos respondéronlle:
Ti ben ves a xente preméndote; e aínda preguntas por quen te tocou?
32Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora. 33Daquela, a muller, medorenta e tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade. 34El díxolle:
Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.
35Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
A túa filla acaba de morrer. Para que andar xa molestando ó Mestre?
36Pero Xesús, ó escoitar o que estaban a falar, díxolle ó xefe da sinagoga:
Non temas, abonda que teñas fe.
37E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
38O chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, 39entrou e díxolles:
A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
40E todos facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mais os seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. 41Colleuna pola man e díxolle:
—Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").
42A rapaciña ergueuse de contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa boca aberta. 43El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.
Currently Selected:
Marcos 5: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT