Marcos 3
3
A curación nun sábado (Mt 12, 9-14; Lc 6, 6-11)
1De novo entrou na sinagoga; alí atopou un home que tiña a man tolleita. 2Todos estaban atentos, a ver se se atrevía a curalo en pleno sábado, para o poderen acusar. 3Entón díxolle Xesús ó home da man tolleita:
Érguete e ponte no medio.
4E preguntoulles:
Que está permitido no sábado: facer o ben, ou facer o mal; salvar a vida ou matar?
Pero ninguén falou palabra. 5E botándolles unha ollada, chea de carraxe e tristura, debido á dureza dos seus corazóns, díxolle ó enfermo:
Estende a túa man.
El estendeuna, e a man curou. 6E xa ó saíren da sinagoga, os fariseos empezaron a maquinar cos herodianos no xeito de acabaren con el.
Novas curacións na ribeira do mar de Galilea (Mt 4, 24-25; Lc 6, 17-19)
7Xesús foi cos seus discípulos para a ribeira do mar, seguido por unha grande multitude, chegada de Galilea e Xudea. 8Tamén de Xerusalén, Idumea, da outra banda do Xordán e mais da comarca de Tiro e Sidón. Acudiron a el, despois de oíren as cousas que facía. 9El encargoulles ós seus discípulos que lle tivesen preparada unha lanchiña, para que a xente non se lle botase enriba; 10porque curara a tantos que todos o querían tocar e ficar así ceibos das súas doenzas. 11Mesmo os malos espíritos, cando o vían, se prostraban ante el, proclamando:
Ti es o Fillo de Deus.
12Pero el ameazábaos, para que non o descubrisen.
A elección dos Doce (Mt 5, 1; 10, 1-4; Lc 6, 12-16)
13E subindo ó monte, chamou os que el quixo, e xuntáronse con el. 14Logo designou Doce para que o acompañasen, e para envialos a predicar 15con poder de botar o demo fóra.
16Estes foron os Doce que designou: Simón, a quen lle puxo de nome Pedro; 17Santiago, o fillo de Zebedeo e mais o seu irmán Xoán, ós que lles puxo de sobrenome Boanerxes, que quere dicir fillos do Trebón; 18Andrés e Filipe, Bartolomeu e Mateu, Tomé e Santiago o fillo de Alfeo, Tadeu e Simón o Zelota, 19e Xudas Iscariote, o traidor.
Calumnias dos letrados, e desconfianza dos seus parentes (Mt 12, 24-32; Lc 11, 15-23; 12, 10)
20E foron para a casa; alí xuntouse de novo tanta xente, que nin podían comer. 21E cando o souberon os seus parentes, foron buscalo á forza; porque a xente dicía que perdera o sentido.
22Os letrados que baixaran de Xerusalén, dicían: "ten dentro a Belcebú; bota fóra os demoños co poder do príncipe dos demoños". 23El chamou por eles e púxolles estas comparanzas:
Como pode Satán botar a Satán? 24Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé. 25Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non pode subsistir. 26Así que, se Satán está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido.
27Ninguén pode entrar na casa dun home forte, e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con canto hai na casa.
28Tede por seguro que todo se lles perdoará ós homes, os pecados e cantas blasfemias digan; 29pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nunca se lle perdoará, e cargará eternamente co seu pecado.
30Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo.
A nai e os irmáns de Xesús (Mt 12, 46-50; Lc 8, 19-21)
31Nisto chegan súa nai e mais os seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra. 32Era moita a xente que estaba sentada arredor del, e fóronlle dicir:
Aí fóra están túa nai e mais teus irmáns, que te veñen buscar.
33El respondeu:
Quen é miña nai, e quen son meus irmáns?
34E mirando os que estaban sentados arredor del, dixo:
Velaí a miña nai e mais os meus irmáns: 35pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá e miña nai.
Currently Selected:
Marcos 3: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT