YouVersion Logo
Search Icon

Marcos 13

13
A destrución do templo (Mt 24, 1-2; Lc 21, 5-6)
1Conforme saía do templo, díxolle un dos discípulos:
Mestre, mira para aí: que cantería e que construción! 2Xesús respondeu:
Vedes eses grandes edificios? Pois han ser derrubados, ata que non quede pedra sobre pedra.
O comezo dos sufrimentos (Mt 24, 3-14; Lc 21, 7-19)
3Estando outra vez sentado no Monte das Oliveiras, en fronte do templo, preguntáronlle á parte Pedro, Santiago, Xoán e Andrés:
4Anda, dinos cando van pasar esas cousas, e como imos saber nós que todo isto vai acabar.
5Xesús empezoulles a dicir:
Estade atentos, para que ninguén vos extravíe. 6Moitos virán dicindo: "son eu", e extraviarán a moita xente.
7Cando oiades falar de guerra, ou de rumores de guerra, non vos alarmedes; teñen que vir, pero aínda non será a fin. 8Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá terremotos e fame en diversos lugares; será o comezo de grandes sufrimentos.
9Vós tede moito coidado, porque vos entregarán ós tribunais e mais ás sinagogas, zorregaranvos duro e hanvos levar ante reis e gobernadores pola miña causa; así daredes testemuño ante eles. 10De por parte cómpre que a Boa Nova se anuncie a todas as nacións.
11E cando vos leven para vos entregaren, non andedes agoniados polo que ides dicir; falade como vos veña á idea no momento; porque non seredes vós, senón o Espírito Santo quen fale.
12Haberá irmáns que entreguen os seus irmáns á morte; pais, que entreguen os seus fillos; fillos, que denuncien a seus pais, ata os faceren matar. 13Pola miña causa seredes aborrecidos por todos, pero o que persevere ata o final, ese hase salvar.
A gran angustia de Xerusalén (Mt. 24, 15-25; Lc 21, 20-24)
14E cando vexades a abominación da desolación enténdao ben o lector, entón quen estea en Xudea, que fuxa para o monte; 15quen estea na azotea, que non baixe á casa nin para coller cousa ningunha; 16e quen estea na leira, que non volva atrás para coller o seu manto.
17Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! 18Rezade para que a cousa non caia en inverno, 19pois van ser días de angustia, como nunca os houbo ata agora, desde o principio do mundo que Deus creou, nin nunca os haberá. 20E se o Señor non atalla aqueles días, ninguén sairía con vida. Pero por mor dos elixidos, haos atallar.
21Se entón vos dixer alguén: "Mirade o Mesías, aquí está, ou está alí", non lle fagades caso ningún. 22Pois han aparecer falsos mesías e falsos profetas, que farán marabillas e prodixios para desnortaren a xente, e, se fose posible, incluso ós mesmos elixidos. 23Pero vós estade atentos; déixovolo todo avisado.
A chegada do Fillo do Home (Mt 24, 29-31; Lc 21, 25-28)
24Pero naqueles días, pasada xa aquela angustia, o sol hase escurecer, a lúa deixará de aluar, 25As estrelas caerán do ceo, abalarán as potencias do ceo. 26Entón verán vir o Fillo do Home sobre as nubes con grande poder e gloria. 27E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.
Exemplo da figueira (Mt 24, 32-35; Lc 21, 29-33)
28Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar. 29Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que xa está pretiño, á porta. 30Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. 31O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
Hai que estar atentos (Mt 24, 36. 42; 25, 13-15; Lc 12, 35-40)
32En canto ó día e mais a hora no que isto vai acontecer ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; sábeo o Pai soamente. 33Estade logo á espreita e atentos, que non sabedes cando será o momento.
34É coma un home que foi ó estranxeiro, deixando a casa e mais a facenda nas mans dos seus criados, encargándolles a cada un o que tiña que facer; e ó porteiro ordenoulle que velase.
35Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se á tardiña ou con noite cerrada, se co canto do galo ou no amencer. 36Non vaia ser que chegue de repente, e vos atope durmindo. 37E o que vos digo a vós, tamén llelo digo a todos: Estade en vela!

Currently Selected:

Marcos 13: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in