YouVersion Logo
Search Icon

Marcos 14

14
Conspiración contra Xesús (Mt 26, 1-5; Lc 22, 1-2; Xn 11, 47-53)
1Faltaban dous días para a Pascua e os Ácimos. Os sumos sacerdotes e mais os letrados andaban buscando como collelo a traizón, para matalo. 2Pero dicían: "Durante as festas non é ben, porque se pode armar un rebumbio cando hai aquí tanta xente".
Unción en Betania (Mt 26, 6-13; Lc 7, 36-50; Xn 12, 1-8)
3Estando Xesús en Betania, na casa do Simón o Gafo, recostado na mesa, chegou unha muller cun frasco de alabastro cheo de perfume de nardo puro, moi caro; rompeu o frasco, e unxiulle a cabeza. 4Algúns dos convidados comentaban indignados:
Pero a que vén este estrago de perfume? 5Podíase vender en trescentos denarios, e repartírllelos ós pobres.
E alporizábanse contra ela. 6Pero Xesús dixo:
Deixádea, por que a molestades? Ben está o que fixo comigo. 7Os pobres téndelos sempre entre vós, e podédelos axudar cando queirades; pero a min non me ides ter sempre. 8Ela fixo o que puido. Adiantouse a unxir o meu corpo para o enterro. 9Asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer.
Traizón de Xudas (Mt 26, 14-16; Lc 22, 3-6)
10Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sumos sacerdotes, para lles entregar a Xesús. 11Eles alegráronse moito do que lles propoñía, e prometéronlle cartos. E andaba buscando o momento axeitado para entregalo.
Preparación da Pascua (Mt 26, 17-19; Lc 22, 7-13)
12No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle os seus discípulos:
Onde queres que vaiamos preparar a Cea Pascual?
13El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
Ide á cidade, e havos saír ó paso un home, cunha sella de auga. 14Ide tras el e onde entre, dicídelle ó dono da casa: "O Mestre pregunta: onde está o lugar no que podo comer a Pascua cos meus discípulos?" 15El havos mostrar no sobrado unha grande sala, xa disposta e arranxada. Vós preparade o que faga falta.
16Marcharon os discípulos e, chegando á cidade, atoparon todo tal como llelo el dixera. E prepararon a Pascua.
Anuncio da traizón (Mt 26, 20-25; Lc 22, 14. 21-23; Xn 13, 21-30)
17A tardiña, foi el cos Doce. 18E estando na mesa comendo, díxolles Xesús:
Asegúrovos que un de vós me vai entregar, un dos que está comendo comigo.
19Eles, poñéndose tristes, empezaron a preguntarlle un por un:
Non serei eu?
20Pero el dixo:
Un dos Doce, que está mollando no mesmo prato ca min. 21O Fillo do Home vaise, como está escrito; pero ai daquel que traizoa ó Fillo do Home! Máis lle valería non nacer.
A Eucaristía (Mt 26, 26-29; Lc 22, 15-20; 1 Cor 11, 22-26)
22Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:
Tomade, isto é o meu corpo.
23E collendo unha copa, dando grazas, pasóullela, e todos beberon dela. 24E díxolles:
Isto é o meu sangue, da Alianza, vertido por todos. 25Asegúrovos que xa non volverei beber do produto da viña ata o día que o beba, noviño, no Reino de Deus.
Predición das negacións de Pedro (Mt 26, 30-35; Lc 22, 31-34. 39)
26Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras. 27Díxolles Xesús:
Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito: Ferirei ó pastor e espallaranse as ovellas. 28Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea.
29Replicoulle Pedro:
Aínda que tropecen todos, eu non caerei.
30Xesús respondeulle:
Ten por seguro que esta mesma noite, antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres.
31Pedro insistiu aínda:
Anque teña que morrer contigo, endexamais non te negarei. E o mesmo dicían os outros.
A oración en Xetsemaní (Mt 26, 36-46; Lc 22, 40-46)
32Chegaron a unha finca chamada Xetsemaní, e díxolles ós discípulos:
Sentade aquí, mentres eu vou orar.
33E levando consigo a Pedro, Santiago e Xoán, empezou a sentir arrepío e angustia. 34E díxolles:
Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade.
35E avanzando un pouco, caeu no chan, rogando para que, se fose posible, pasase del aquela hora. 36E dicía:
—Abba, meu Pai, ti pódelo todo, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.
37E volvendo onda eles, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro:
Simón, dormes? Seica non podes velar unha hora tan sequera? 38Estade atentos e rogade, para que non se vos someta á tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil.
39E arredándose de novo, volveu a pregar do mesmo xeito. 40Ao volver, outra vez os atopou durmindo, pois caíanlles os ollos co sono; e non sabían que lle dicir. 41E por terceira vez, volveu Xesús dicindo:
Conque durmides e descansades? Pois sabede que xa chegou a hora, e ó Fillo do Home vano entregar nas mans dos pecadores. 42Veña!, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar.
Detención de Xesús (Mt 26, 47-56; Lc 22, 47-53; Xn 18, 1-11. 20).
43Estando aínda a falar, presentouse Xudas, un dos Doce, acompañado dun tropel de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes, letrados e anciáns. 44O traidor déralles unha contrasinal:
Aquel a quen eu bique, ese é; prendédeo, e levádeo con tino. 45E así que chegou, acercouse e díxolle:
Mestre!
E bicouno. 46Eles botáronselle enriba e prendérono. 47Pero un dos presentes, desenvaiñando a espada, feriu a un criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle unha orella.
48Xesús reprendeunos dicindo:
Víndesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido. 49Estiven a diario no templo entre vós, e non me prendestes. Pero que se cumpran as Escrituras.
50E todos fuxiron abandonándoo. 51Só o seguiu un mozo envolto nunha saba. Detivérono. 52Pero el, desenleouse da saba, e fuxiu espido.
Xesús diante do Sanedrín (Mt 26, 57-68; Lc 22, 54-55. 63-71; Xn 18, 12-15. 18)
53Conduciron a Xesús á casa do Sumo Sacerdote. E xuntáronse todos os pontífices, anciáns e letrados. 54Pedro seguiuno de lonxe ata o pazo do Sumo Sacerdote, e sentou alí para quentarse cos criados, á beira do lume.
55Mentres, os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín enteiro teimaban por encontrar algunha testemuña contra Xesús, para o poderen condenar á morte; pero non a atopaban. 56Moitos testemuñaban en falso contra el, pero non chegaban a pórse de acordo. 57Algúns, erguéndose, trataron de levantarlle un falso testemuño, dicindo:
58Nós mesmos oímoslle dicir: "eu destruirei este Templo, feito por homes, e en tres días construirei outro non feito por homes".
59Pero nin así chegaban a se poñeren de acordo no testemuño. 60Entón, erguéndose o Sumo Sacerdote e adiantándose ata o medio, interrogou a Xesús:
Non respondes nada? Que é o que estes testemuñan contra ti?
61Pero el calaba, e non respondeu palabra. De novo lle volveu preguntar o Sumo Sacerdote:
Es ti o Mesías, o Fillo do Bendito?
62Xesús contestoulle:
Eu son. E habedes ver o Fillo do Home, sentado á dereita do Todopoderoso, vir entre as nubes do ceo.
63Daquela o Sumo Sacerdote, rachando os vestidos, exclamou:
Que necesidade temos xa de testemuñas? 64Vós mesmos oístes a blasfemia. Que vos parece?
Todos o declararon culpable, e que merecía a morte.
65Algúns empezaron a cuspir nel e tapándolle a cara, dábanlle labazadas, dicindo:
Adiviña, profeta!
Mesmo os criados tamén mallaban nel.
Negacións de Pedro (Mt 26, 69-75; Lc 22, 56-62; Xn 18, 17. 25-27)
66Estando Pedro embaixo, no patio, chegou unha das criadas do Sumo Sacerdote. 67O que viu a Pedro quentándose, quedou mirando para el e díxolle:
Ti tamén andabas con Xesús de Nazaret.
68El negouno, dicindo:
Non sei nada, nin comprendo de que me falas.
E saíndo para fóra, cantou o galo. 69A criada volveuno ver outra vez, e empezoulles a dicir ós presentes:
Este évos un deles.
70E de novo el volveu negalo. Pero de alí a pouco tamén os presentes empezaron a dicirlle:
Si, ti es un deles, que es galileo.
71El, entón, empezou a maldicir e xurar, dicindo:
Eu non coñezo a ese home de quen falades.
72E, de contado, por segunda vez, cantou o galo. A Pedro acordáronselle as palabras de Xesús: "Antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres"; e saíndo para fóra, rompeu a chorar.

Currently Selected:

Marcos 14: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in