Marcos 12
12
Parábola da viña (Mt 21, 33-46; Lc 20, 9-19)
1E comezou a falarlles en parábolas:
Un home plantou unha viña, rodeouna cun valado, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñateiros, e marchou para lonxe.
2No seu tempo, mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña ós viñateiros 3Pero eles, botáronse enriba del, zorregáronlle duro, e despedírono coas mans baleiras. 4Vaise el e mándalles outro criado, pero tamén mallaron nel e aldraxárono. 5Mandoulles outro, e matárono; e a outros moitos bouraron neles e matáronos.
6Pero aínda lle quedaba un a quen mandar, o seu fillo benquerido; e mandóullelo de último, dicindo para si: "El é fillo meu, e hano respectar". 7Pero os viñateiros comentaron: "Oi! Este é o herdeiro: veña, matámolo e herdanza para nós!". 8E agarrárono, matárono e botárono fóra da viña.
9Que fará o dono da viña? Volverá, acabará con estes viñateiros e daralles a viña a outros.
10Ou seica non lestes aquilo da Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros
é agora o esquinal;
11esa colocouna o Señor;
que regalía para nós!?
12Decatándose de que a parábola ía por eles, quixérono prender, pero por medo á xente, deixárono e fóronse.
A contribución do César (Mt 22, 15-22; Lc 20, 20-26)
13Mandáronlle algúns fariseos e herodianos, para o pillaren nalgunha pregunta. 14O que chegaron onda el, preguntáronlle:
Mestre, sabemos que es sincero, e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos respectos humanos, senón que ensinas o verdadeiro camiño de Deus. Está permitido pagarlle a contribución ó Cesar, ou non? Pagámoslla ou non lla pagamos?
15Xesús, decatándose da súa hipocrisía, contestoulles:
E por que me queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa.
16Eles leváronllo, e el preguntoulles:
De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?
Contestáronlle:
É do César.
17Xesús replicoulles:
Pois logo dádelle ó César o do César, e a Deus o de Deus.
E ficaron pasmados.
Acerca da resurrección (Mt 22, 23-33; Lc 20, 27-40)
18Chegaron uns saduceos deses que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:
19Mestre, Moisés deixou escrito: Se lle morre a alguén o seu irmán, deixando muller sen fillos, case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia. 20Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos; 21o segundo casou coa viúva e morreu tamén sen deixar fillos; o mesmo lle pasou ó terceiro; 22e ningún dos sete deixou descendencia. O cabo, morreu tamén a muller. 23Ora, cando resuciten, de cal deles vai ser a muller, se ela estivo casada cos sete?
24Xesús contestoulles:
Non será que andades descamiñados precisamente porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus? 25Pois cando resuciten nin casarán eles nin elas, porque serán coma anxos do ceo. 26E volvendo á resurrección dos mortos, non tedes lido no Libro de Moisés, no episodio da silveira, como lle falou Deus dicindo: Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob? 27Ben, pois El non é Deus de mortos, senón dos vivos. Así que ides moi descamiñados.
O principal mandamento (Mt 22, 34-40; Lc 10, 25-28)
28Un letrado, que oíra a discusión, decatándose do ben que lles respondera, preguntoulle:
Cal é o mais importante de todos os mandamentos?
29Xesús respondeulle:
O primeiro é: Escoita, Israel: o Señor é o noso Deus, o Señor é único, 30e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas. 31O segundo é: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.
32O letrado replicou:
Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que El é único e non hai outro fóra del; 33e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e o próximo coma a un mesmo, é mais importante do que todos os sacrificios e holocaustos.
34Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
Non estás lonxe do Reino de Deus.
E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.
Fillo e Señor de David (Mt 22, 41-46; Lc 20, 41-44)
35Ensinando no templo, preguntou:
Como din os letrados que o Mesías é fillo de David? 36O mesmo David dixo, inspirado polo Espírito Santo:
Díxolle o Señor ó meu Señor:
senta á miña dereita,
que vou poñer os teus inimigos
coma estrado dos teus pés.
37Ora, se David o chama Señor, como vai ser o seu fillo?
E a numerosa multitude escoitaba engaiolada a Xesús.
Denuncia ós letrados (Mt 23, 1-36; Lc 11, 43; 20, 45-47)
38El seguía ensinando:
Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas; 39buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. 40E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
Xenerosidade da viúva pobre (Lc 21, 1-4)
41Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. 42E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. 43Entón chamou ós seus discípulos, é díxolles:
Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. 44Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.
Currently Selected:
Marcos 12: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT