YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 27

27
Xesús levado a Pilato (Mc 15, 1; Lc 23, 1; Xn 18, 28)
1Ao raiar o día, todos os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo celebraron consello contra Xesús, para condenalo á morte. 2Amarrárono e fóronllo entregar a Pilato, o gobernador.
Morte de Xudas
3Entón Xudas, o traidor, ó ver que o condenaran, cheo de remordementos, devolveulles as trinta moedas de prata ós sumos sacerdotes e mais ós senadores 4dicindo:
Pequei entregando á morte a un inocente.
Eles contestaron:
E a nós que nos contas? Alá ti.
5El, guindando as moedas no templo, marchou, e foise aforcar. 6Os sumos sacerdotes, apañando as moedas, dixeron:
Non é lícito botalas no peto das ofrendas, xa que son prezo de sangue.
7Entón, despois de deliberar, compraron con elas o Agro do Oleiro, para enterrar nel os forasteiros. 8Por iso, aquel agro chámase aínda hoxe o "Agro do sangue". 9Cumpriuse así o que deixara escrito o profeta Xeremías: Colleron as trinta moedas de prata, prezo co que taxaran a un home (pois esa era a taxa que poñían os fillos de Israel), 10pagando así o Agro do Oleiro, tal como mo mandara o Señor.
Xesús ante Pilato (Mc 15, 2-15; Lc 23, 2-5. 13-25; Xn 18, 29-19, 16)
11Compareceu Xesús ante o gobernador, que lle preguntou:
Es ti o rei dos xudeus?
Xesús contestou:
Ti o dis.
12E ós cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada. 13Entón preguntoulle Pilato:
Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?
14Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ó gobernador moi estrañado.
15Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. 16Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Xesús Barrabás. 17Pilato dirixiuse ó pobo reunido:
A quen queredes que vos solte, a Xesús Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?
18Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.
19Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir:
Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.
20Pero os sumos sacerdotes e mais os anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús. 21O gobernador insistiu:
A quen queredes que vos libere?
Eles dixeron:
A Barrabás.
22Díxolles Pilato:
E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?
E responderon todos:
Que o crucifiquen!
23El replicou:
Pero, que mal fixo?
Pero eles berraban máis forte dicindo:
Que o crucifiquen!
24Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo:
Alá vós, eu non son responsable deste sangue.
25Todo o pobo respondeu dicindo:
Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre nosos fillos.
26Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Coroación cos espiños (Mc 15, 16-20; Xn 19, 2-3)
27Os soldados do gobernador levaron a Xesús ó Pretorio, e reuniron toda a compañía. 28Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; 29e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
Saúde, rei dos xudeus!
30Cuspíanlle e coa canivela dábanlle xostregadas na cabeza. 31Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.
Crucifixión (Mc 15, 21-32; Lc 23, 26-43; Xn 19, 17-27)
32O saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús. 33Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, que quere dicir: "lugar da Caveira", 34déronlle de beber viño mesturado con fel. Xesús probouno, pero non o quixo beber. 35Crucificárono, e repartiron entre eles a roupa botándoa a sorteo. 36Despois sentaron alí a ter conta del.
37Puxéronlle tamén enriba da cabeza un escrito co motivo da condena: "Este é Xesús, o rei dos xudeus". 38Tamén crucificaron con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
39Os que pasaban por alí, insultábano, abaneando a cabeza 40e dicindo:
Vaites, vaites, o que destrúe o templo e o reconstrúe en tres días! Ora, sálvate a ti mesmo e baixa da cruz, se es fillo de Deus.
41Do mesmo xeito os sumos sacerdotes, burlándose del xunto cos letrados e senadores, dicíanlle:
42Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! É o rei de Israel! Que baixe agora da cruz e creremos nel! 43Confía en Deus: pois que o salve agora, se é que de verdade o quere; ben que dixo: "Son fillo de Deus".
44Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.
Morte de Xesús (Mc 15, 33-41; Lc 23, 44-49; Xn 19, 28-30)
45Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata as dúas e pico da tarde. 46E nesa hora Xesús berrou moi forte dicindo:
—Elí, Elí lemá sabactaní?
Isto é: Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?
47E algúns dos que estaban alí, oíndo aquilo, comentaban:
Este chama a Elías.
48Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa con vinagre e, espetándoa nunha cana, deulle de beber. 49Pero os demais dicían:
Deixade, a ver se vén Elías salvalo.
50Pero Xesús, dando de novo un grande berro, entregou a alma.
51Entón o veo do Santuario rachouse en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, 52e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. 53E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.
54O centurión e mais os que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.
55Había alí, mirando desde lonxe, moitas mulleres que seguiran a Xesús desde Galilea para servilo. 56Entre elas estaba María Magdalena, María a nai de Santiago e mais de Xosé, e a nai dos fillos do Zebedeo.
Sepultura de Xesús (Mc 15, 42-47; Lc 23, 50-56; Xn 19, 38-42)
57A tardiña chegou un home rico de Arimatea chamado Xosé, que tamén era discípulo de Xesús. 58Foi onda Pilato e pediulle o corpo de Xesús. Pilato mandou que llo entregasen.
59Collendo o corpo envolveuno nunha saba limpa 60e púxoo no seu propio sepulcro novo, que tiña cavado nunha rocha; e, facendo rodar unha grande lousa na entrada do sepulcro, foise. 61Estaban alí María Magdalena e mais a outra María, sentadas fronte ó sepulcro.
Vixilancia do sepulcro
62O outro día, pasado o día da Preparación, os sumos sacerdotes e mais os fariseos foron xuntos onda Pilato 63e dixéronlle:
Señor, lembramos que aquel enredante, cando estaba vivo, dixo: "Resucitarei despois de tres días". 64Así que manda que vixíen o sepulcro ata o terceiro día; non vaia ser que cheguen os discípulos e o rouben e que lle digan á xente: "Resucitou de entre os mortos". E así a derradeira impostura sería peor cá primeira.
65Díxolles Pilato:
Tendes a garda, ide, e vixiádeo como mellor saibades.
66Eles foron e selaron a lousa, asegurando a vixilancia do sepulcro coa garda.

Currently Selected:

Mateo 27: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in