YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 26

26
A PAIXÓN
Conspiración contra Xesús (Mc 14, 1-2; Lc 22, 1-2; Xn 11, 45-53)
1Cando Xesús rematou este discurso díxolles ós seus discípulos:
2Xa sabedes que pasado mañá é a Pascua e van entregar o Fillo do Home para que o crucifiquen.
3Entón reuníronse os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo no pazo do sumo sacerdote chamado Caifás, 4e ordenaron prender a Xesús á traizón e matalo. 5Pero dicían: "Durante a festa non, para que non se arme un rebumbio cando hai aquí tanta xente".
Unción en Betania (Mc 14, 3-9; Xn 12, 1-8)
6Estando Xesús en Betania na casa de Simón o gafo, 7Achegouse a el unha muller cun frasco de alabastro cheo dun perfume moi caro, e untoulle a cabeza mentres estaba recostado á mesa. 8O veren aquilo, os discípulos indignáronse dicindo:
Pero, a que vén este estrago? 9Podíase vender por moitos cartos e dárllelos ós pobres.
10Xesús, decatándose, díxolles:
Por que molestades a esa muller? Ben está o que fixo comigo. 11Os pobres sempre os tendes convosco, pero a min non sempre me teredes. 12Unxindo con este perfume o meu corpo, preparoume para a sepultura. 13E asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer.
Traizón de Xudas (Mc 14, 10-11; Lc 22, 3-6)
14Entón foi un dos Doce, chamado Xudas Iscariote, onda os sumos sacerdotes e 15díxolles:
Canto me dades se volo entrego?
Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. 16E desde entón andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.
Preparación da Pascua (Mc 14, 12-16; Lc 22, 7-13)
17No primeiro día dos Ácimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:
Onde queres que che preparemos a cea pascual?
18El respondeu:
Ide á cidade, á casa de fulano e dicídelle: "O Mestre di: O momento está preto; vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa".
19Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.
Anuncio da traizón (Mc 14, 17-21; Lc 22, 14. 21-23)
20Chegado o solpor, púxose á mesa cos Doce. 21E mentres ceaban díxolles:
Asegúrovos que un de vós me vai entregar.
22Moi tristes empezaron a preguntarlle un por un:
Non serei eu, Señor?
23El respondeu:
Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame.
24O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ai daquel que entrega ó Fillo do Home! Máis lle valía non nacer.
25Entón Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle:
Non serei eu, Mestre?
Respondeulle:
Ti o dixeches.
A Eucaristía (Mc 14, 22-25; Lc 22, 15-20)
26Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando grazas, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo:
Tomade e comede: isto é o meu corpo.
27E collendo unha copa, dando grazas, déullela dicindo:
Bebede todos dela. 28Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. 29E asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai.
Anuncio das negacións de Pedro (Mc 14, 27-31; Lc 22, 31-34; Xn 13, 36-38)
30Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras. 31Entón díxolles Xesús:
Esta noite todos ides tropezar na vosa fe por causa miña, conforme está escrito:
Ferirei o pastor e dispersaranse as ovellas do rabaño. 32Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea.
33Replicoulle Pedro:
Aínda que todos tropecen pola túa causa, eu si que non tropezarei.
34Respondeulle Xesús:
Pois ti ten por seguro que esta mesma noite, antes de que cante o galo, hasme negar tres veces.
35Díxolle Pedro:
Aínda que teña que morrer contigo, endexamais non te negarei.
E o mesmo dixeron todos os discípulos.
A oración en Xetsemaní (Mc 14, 32-42; Lc 22, 39-46)
36Entón chegou Xesús cos seus discípulos a un terreo chamado Xetsemaní e díxolles:
Sentade aquí, mentres eu vou orar.
37E, levando consigo a Pedro e mais ós dous fillos do Zebedeo, empezou a poñerse triste e a sentirse fondamente angustiado. 38E díxolles:
Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade comigo.
39E avantando un pouco, caeu rostro en terra, mentres rogaba:
Meu Pai, se é posible, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.
40E, volvendo onda os discípulos, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro:
Non puidestes velar comigo nin tan sequera unha hora? 41Estade á espreita e orade, para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil.
42E arredándose de novo, por segunda vez púxose a orar dicindo:
Meu Pai, se este cáliz non pode pasar sen que eu o beba, fágase a túa vontade.
43E, volvendo de novo, atopounos tombados, porque lles caían os ollos co sono. 44Deixounos e arredouse de novo, e púxose a orar por terceira vez, repetindo as mesmas palabras. 45Despois volveu onda os seus discípulos e díxolles:
Conque aínda durmides e descansades? Pois sabede que xa chega a hora e o Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos pecadores. 46Veña, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar!
Detención de Xesús (Mc 14, 43-50; Lc 22, 47-53; Xn 18, 3-12)
47Aínda estaba falando cando chegou Xudas, un dos Doce, acompañado dun tropel de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes e polos senadores do pobo. 48O traidor déralles esta contrasinal:
A quen eu lle dea un bico, ese é, prendédeo.
49De seguida achegouse a Xesús e díxolle:
Saúde, Mestre!
E bicouno. 50Xesús respondeulle:
Amigo, e para isto viñeches?
Entón, adiantáronse, botáronlle a man enriba a Xesús e prendérono.
51Pero un dos que estaba con Xesús, botando man á súa espada, desenvaiñouna, e feriu ó criado do sumo sacerdote, rabenándolle unha orella. 52Pero Xesús díxolle:
Volve a espada ó seu sitio, pois todos os que levan espada pola espada perecerán. 53Seica pensas que non podo acudir a meu Pai? El poñería á miña disposición, agora mesmiño, máis de doce lexións de anxos. 54Pero, como se ían entón cumprir as Escrituras, que din que ten que suceder así?
55E naquela hora díxolle á xente:
Saístes prenderme con paus e espadas, coma se fose un bandido. A diario estiven sentado no templo ensinando e non me prendestes. 56Pero todo isto pasa para que se cumpra o que escribiron os profetas.
Entón todos os discípulos fuxiron, abandonándoo.
Xesús ante o Sanedrín (Mc 14, 53-65; Lc 22, 54-55. 63-71; Xn 18, 12-14. 19-24)
57Os que prenderon a Xesús levárono á casa de Caifás, o sumo sacerdote, onde estaban reunidos os letrados e mais os senadores. 58Pedro seguiuno de lonxe ata o patio do sumo sacerdote e, entrando dentro, sentou cos criados para ver como acababa todo aquilo.
59Os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín teimaban por encontrar algún falso testemuño contra Xesús para o poderen condenar á morte. 60Pero non o atopaban por moitas falsas testemuñas que comparecían. O fin, viñeron dúas 61que dicían:
Este afirmou: podo destruír o templo de Deus e reconstruílo en tres días.
62Entón ergueuse o sumo sacerdote e díxolle:
Non respondes nada? Que é o que estes testemuñan contra ti?
63Pero Xesús calaba, e o sumo sacerdote dixo:
Conxúrote polo Deus vivo que me digas se ti es o Mesías, o Fillo de Deus.
64Xesús contestou:
Ti o dixeches. E dígovos máis: A partir de agora ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do Todopoderoso e vén entre as nubes do ceo.
65Daquela o sumo sacerdote, rachando os vestidos, exclamou:
Que necesidade temos de testemuñas? Vós mesmos oístes a blasfemia. 66Que vos parece?
Eles responderon:
É culpable: merece a morte.
67Entón cuspíronlle na cara e uns déronlle unhas trompadas; outros zorregábanlle 68dicindo:
Cristo, ora, adiviña quen che pegou!
Negacións de Pedro (Mc 14, 66-72; Lc 22, 56-62; Xn 18, 15-18. 25-27)
69Pedro estaba sentado fóra, no patio. Acercouse a el unha criada e díxolle:
Ti tamén andabas con Xesús o Galileo.
70El negouno diante de todos:
Non sei de que me falas.
71O saír cara ó portalón viuno outra criada e díxolles ós que estaban alí:
Este andaba con Xesús de Nazaret.
72De novo volveu el negalo con xuramento:
Non coñezo a ese home.
73De alí a un pouco achegáronse os presentes, dicíndolle a Pedro:
Si, ti tamén es deles; descóbrete a túa mesma fala.
74Entón el empezou a maldicir e a xurar:
Que non coñezo a ese home!
E coa mesma cantou o galo. 75Pedro, acordándose das palabras que dixera Xesús: "Antes de que cante o galo hasme negar tres veces", saíu para fóra e chorou amargamente.

Currently Selected:

Mateo 26: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

YouVersion uses cookies to personalize your experience. By using our website, you accept our use of cookies as described in our Privacy Policy