YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 28

28
A Resurrección (Mc 16, 1-8; Lc 24, 1-12; Xn 20, 1-10)
1Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e mais a outra María foron visitar o sepulcro. 2Entón produciuse un grande terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela. 3Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. 4Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. 5Mais o anxo díxolles ás mulleres:
Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado. 6Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ver o sitio onde estaba. 7E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: "Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes". Iso é o que vos tiña que dicir.
8Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren ós seus discípulos.
9Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo:
Alegrádevos.
Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. 10Xesús díxolles:
Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.
A versión dos gardas
11Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren ós sumos sacerdotes de canto acontecera. 12Eles, reuníndose cos senadores, acordaron darlles unha boa presa de cartos ós soldados, 13encargándolles:
Vós dicide: "os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos". 14E, se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro".
15Eles, collendo os cartos, fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe.
Misión dos discípulos (Mc 16, 14-16; Lc 24, 38. 46-48; Xn 20, 19-23)
16Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. 17E véndoo, prostráronse ante el, aínda que algúns dubidaban. 18Xesús, achegándose, díxolles:
Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. 19Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; 20ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

Currently Selected:

Mateo 28: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in