Mateo 24
24
A destrución do templo (Mc 13, 1-13; Lc 19, 41-44; 21, 5-19)
1Saíu Xesús do templo e, segundo ía camiñando, acercáronselle os discípulos e sinaláronlle as construcións do templo. 2El díxolles:
Vedes todo isto? Pois eu asegúrovos que se derrubará ata que non quede pedra sobre pedra.
3Estando el sentado no Monte das Oliveiras, achegáronselle os seus discípulos, preguntándolle en privado:
Anda, dinos cando van pasar estas cousas, e cal será o sinal da túa chegada e da fin do mundo.
4Respondeulles Xesús:
Estade atentos para que ninguén vos desoriente. 5Moitos virán dicindo: "Eu son o Mesías". E desnortarán a moita xente.
6Cando oiades falar de guerras ou de rumores de guerra, coidadiño con alarmarvos; pois teñen que vir, pero aínda non será a fin. 7Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá fame e terremotos en diversos lugares; 8e todo isto non será máis có comezo das dores.
9Daquela entregaranvos ás torturas, mataranvos e odiaranvos todos os pobos por causa miña. 10Entón moitos fallarán na fe, traizoaranse uns a outros e aborreceranse mutuamente. 11Aparecerán moitos falsos profetas, enganando a moita xente. 12E, ó crecer a maldade, arrefriarase o amor da maioría. 13Pero o que persevere ata o final, salvarase.
14Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a todos os pobos. Entón será a fin.
A destrución de Xerusalén (Mc 13, 14-24; Lc 21, 20-24)
15E cando vexades que a abominación da desolación, anunciada polo profeta Daniel, está no lugar santo enténdao ben o lector, 16entón quen estea en Xudea que fuxa ó monte; 17quen estea na azotea que non baixe á casa nin para coller cousa ningunha; 18e quen estea na leira que non volva atrás a pola capa.
19Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! 20Rogade para que a vosa fuxida non cadre no inverno, nin nun sábado. 21Porque haberá unha gran angustia, como non a houbo desde o principio do mundo, nin nunca máis a haberá. 22E, de non se abreviaren aqueles días, ninguén sairía con vida; pero por mor dos elixidos han ser abreviados.
23Se entón vos dixer alguén: "Mirade, velaquí está o Mesías", ou "alí o está", non lle fagades caso. 24Pois aparecerán falsos Mesías e falsos profetas, que farán grandes sinais e prodixios para desorientar a xente, e, se fose posible, incluso os mesmos elixidos. 25Mirade que quedades avisados.
26E se vos dixer alguén: "Mirade, está no deserto", non saiades; "mirade, está agachado na casa", non fagades caso. 27Pois, como o lóstrego sae do Oriente resplandecendo ata o Occidente, así será cando veña o Fillo do Home. 28Onde estea o cadáver amoréanse os voitres.
A chegada do Fillo do Home (Mc 13, 24-27; Lc 21, 25-28)
29Inmediatamente despois da calamidade daqueles días, o sol hase escurecer, a lúa deixará de aluar, as estrelas caerán do ceo e as potencias celestiais abalarán. 30Entón aparecerá o sinal do Fillo do Home no ceo. E todas as razas da terra daranse golpes no peito, vendo chegar o Fillo do Home enriba das nubes, con moito poder e gloria. 31E enviará os seus anxos cunha grande trompeta, para reuniren os elixidos desde os catro ventos, de cabo a cabo do mundo.
Exemplo da figueira (Mc 13, 28-31; Lc 21, 29-33)
32Aprendede da figueira esta comparanza: cando reverdecen as súas pólas e agroman as súas follas, botades de conta que o verán está preto. 33Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que está pretiño: á porta. 34Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. 35O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
O día e a hora (Mc 13, 32-37; Lc 17, 26-30. 34-36)
36E en canto ó día aquel e á hora, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; só o Pai.
37Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. 38Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; 39e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home. 40Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán ó outro. 41Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán unha e deixarán a outra.
42Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. 43Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. 44Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.
Parábola do criado fiel (Mc 13, 33-37; Lc 12, 41-48)
45Quen é o criado fiel e prudente, a quen o Señor encargou o coidado de dar de comer á servidume no seu debido tempo? 46Ditoso o criado aquel a quen o seu amo, cando chegue, o atope cumprindo coa súa tarefa! 47Tende por seguro que lle encomendará toda a súa facenda. 48Pero se aquel mal empregado di para si: "O meu amo aínda non vén para agora", 49e empeza a bourar nos seus compañeiros, comendo e bebendo cos borrachos, 50o día menos pensado e á hora máis imprevista chégalle o amo 51e bótao fóra, cos hipócritas; alí será o pranto e mais o triscar dos dentes.
Currently Selected:
Mateo 24: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT