YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 23

23
Denuncia dos letrados e fariseos (Mc 12, 38-40; Lc 11, 37-52; 20, 45-47)
1Entón Xesús dirixiuse ós discípulos e mais á xente 2dicindo:
Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e mais os fariseos. 3Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta porque falan pero non cumpren. 4Atan fardos pesados e cánganos no lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para os mover. 5Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando as filacterias e as franxas dos seus mantos; 6buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas; 7que lles fagan reverencias nos rueiros e que os chamen "mestre".
8Pero vós non vos fagades chamar "señor mestre", pois un só é o voso Mestre, e todos vós sodes irmáns. 9E a ninguén chamedes "pai" na terra porque un só é o voso Pai: o celestial. 10Nin tampouco vos fagades chamar "dirixentes", porque un só é o voso dirixente: Cristo. 11O máis importante entre vós debe ser o voso servidor. 12Porque quen se enaltece será rebaixado, e quen se rebaixa será enaltecido.
13-14Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades ós homes o Reino dos Ceos! Nin entrades vós nin deixades entrar ós que o intentan.
15Ai de vós, letrados e fariseos, hipócritas, que percorredes mar e terra para conseguir un prosélito; e cando o conseguides, facédelo fillo da perdición dúas veces máis ca vós!
16Ai de vós, guías cegos, que dicides: "Se alguén xura polo templo, non pasa nada; pero se xura polo ouro do templo, fica obrigado". 17Parvos e cegos! Que é máis importante: o ouro, ou o templo que consagra o ouro? 18E tamén: "Se alguén xura polo altar, non pasa nada; pero se xura pola ofrenda que está enriba do altar, fica obrigado". 19Cegos! Que é máis importante: a ofrenda, ou o altar que consagra a ofrenda? 20Quen xura polo altar, xura por el e mais por todo o que hai enriba del; 21e quen xura polo templo, xura por el e mais por Aquel que o habita; 22e quen xura polo ceo, xura polo trono de Deus e mais por Aquel que está sentado nel.
23Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que pagádelo décimo pola menta, o anís e mais o comiño, e descoidades o máis importante da Lei: a xustiza, a misericordia e a fidelidade! Pero é isto o que hai que practicar, aínda que sen descoidar o outro. 24Guías de cegos, que coades o mosquito e tragades o camelo!
25Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que limpades por fóra a copa e mais o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e vicio! 26Fariseo cego, limpa primeiro o interior da copa para que o seu exterior fique tamén limpo.
27Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que vos parecedes ós sepulcros encalados, que por fóra parecen fermosos e por dentro están cheos de ósos de mortos e de impureza! 28Tamén vós por fóra parecedes homes xustos, pero por dentro estades cheos de hipocrisía e inxustiza.
29Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles construídes sepulcros ós profetas e adornades os monumentos dos xustos, 30e dicides: "Se vivísemos no tempo de nosos pais, nós non seriamos cómplices deles no asasinato dos profetas". 31De xeito que contra vós mesmos testemuñades que sodes os fillos dos que asasinaron ós profetas. 32Pois veña! Acabade tamén vós de encher a medida de vosos pais!
33Cobras, niñada de víboras! Como ides escapar da condena do inferno? 34Porque, ollade, eu mándovos profetas, sabios e letrados; a uns matarédelos e crucificarédelos, e a outros flaxelarédelos nas sinagogas, perseguíndoos de cidade en cidade. 35Así recaerá sobre vós todo o sangue inocente vertido na terra, desde o sangue de Abel, o xusto, ata o sangue de Zacarías, fillo de Baraquías, ó que matastes entre o santuario e o altar. 36Asegúrovos que todos estes crimes recaerán sobre esta xeración.
Laio por Xerusalén (Lc 13, 34-35)
37Xerusalén, Xerusalén, que matas os profetas e apedras os que che son enviados! Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as súas ás, e non quixeches! 38Pois mirade: a vosa casa fica desolada, 39e asegúrovos que xa non me volveredes ver desde agora ata que digades: Bendito o que vén no nome do Señor!

Currently Selected:

Mateo 23: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in