YouVersion Logo
Search Icon

Mateo 25

25
Parábola das dez mociñas
1Entón o Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo. 2Cinco eran parvas e cinco asisadas. 3As parvas colleron os candís pero non os encheron de aceite; 4As asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. 5Como o noivo tardaba, pegoulles o sono, e botaron unha durmidela.
6Alá pola media noite oíuse berrar: "Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!"
7Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís.
8Entón dixéronlles as parvas ás asisadas: "Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen". 9Responderon as asisadas: "Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes".
10No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta. 11Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: "Señor, Señor, ábrenos!" 12Pero el respondeulles: "Asegúrovos que non vos coñezo".
13Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.
Parábola dos talentos (Lc 19, 11-27)
14Si, é tamén coma un home que, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e deulles o coidado da súa facenda. 15A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un, a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou.
16De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco. 17Do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. 18Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo.
19O cabo de moito tempo chegou o señor daqueles criados, pedíndolles contas. 20Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: "señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei". 21Díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor". 22Chegou o que recibira dous talentos e dixo: "señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei". 23E díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor".
24Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: "señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. 25Por iso collín medo, e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu". 26Pero o señor respondeulle: "Mal criado, lacazán! Conque sabías que sego onde non semento e recollo onde non boto? 27Pois, poñías os meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía coller os cartos e mais os intereses. 28Así que quitádelle o talento e dádello ó que ten dez. 29Porque ó que ten, háselle dar e abondo; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. 30E ó criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes".
O xuízo final
31Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. 32Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. 33E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. 34Entón dirá o Rei ós da súa dereita:
"Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. 35Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; 36estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".
37Entón preguntaranlle os xustos:
"Señor, cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? 38Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? 39Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"
40O rei contestaralles:
"Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo".
41E diralles logo ós da súa esquerda:
"Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e para os seus anxos. 42Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes de beber; 43fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes".
44Eles replicaranlle:
"Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?"
45El responderalles:
"Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.
46Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna".

Currently Selected:

Mateo 25: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

YouVersion uses cookies to personalize your experience. By using our website, you accept our use of cookies as described in our Privacy Policy