Xeremías 38
38
Xeremías, no pozo. Intercesión de Ébed-Mélec
1Xefatías, fillo de Matán, Guedalías, fillo de Paxhur, Iucal, fillo de Xelemías e Paxhur, fillo de Malaquías, oíron estes oráculos que Xeremías lle dicía a todo o pobo:
2Así fala o Señor: Quen siga vivindo nesta cidade morrerá de espada, de fame e de peste; quen se pase ós caldeos vivirá, terá como ganancia a súa respiración e a súa vida.
3Así fala o Señor: Esta cidade será de certo entregada ó poder dos exércitos do rei de Babilonia, que a conquistará.
4Entón as autoridades dixéronlle ó rei:
Fágase morrer a este home, pois deste xeito está a afrouxar os ánimos dos homes de guerra que quedan nesta cidade e os ánimos de todo o exército, dicíndolles cousas coma estas. Certamente este home non está a buscar o benestar para o pobo, senón que está a buscar a súa desgraza.
5O rei Sedecías repúxolles:
—Aí o tendes no voso poder, pois o rei non pode nada contra vós.
6Eles colleron a Xeremías e botárono na cisterna de Malaquías, príncipe real que estaba no patio da garda, baixando a Xeremías con cordas. No pozo non había auga, senón lama, e Xeremías enterrouse na lama.
7Ébed—Mélec, o etíope, eunuco, que vivía no palacio do rei, oíu que puxeran a Xeremías na cisterna. Mentres o rei estaba sentado na porta de Benxamín, 8saíu Ébed—Mélec do palacio real e faloulle ó rei nestes termos:
9Meu señor, meu rei, estes homes cometeron unha inxustiza con todo o que lle fixeron a Xeremías, o profeta, e con botalo na cisterna; vai morrer onde está por falta de pan, xa que non hai pan na cidade.
10Entón o rei deulle esta orde a Ébed—Mélec, o etíope:
—Colle ás túas ordes tres homes destes, e sube da cisterna ó profeta Xeremías, antes de que morra.
11Ébed—Mélec colleu ás súas ordes os homes e entrou no palacio real, onde estaba o tesouro, e colleu alí farrapos de estopa e de sacos, e con cordas botoullos na cisterna a Xeremías.
12E díxolle Ébed—Mélec o etíope a Xeremías:
—Pon os farrapos de estopa e de sacos nos sobacos por debaixo das cordas.
Xeremías fíxoo así. 13Tiraron de Xeremías coas cordas e subírono da cisterna; e Xeremías seguiu vivindo no patio da garda.
TRIUNFO DO PROFETA
Derradeira consulta de Sedecías a Xeremías en secreto
14O rei Sedecías mandou buscar a Xeremías, o profeta, á terceira entrada do templo do Señor. Díxolle o rei a Xeremías:
—Eu quero preguntarche unha cousa: non me escondas nada.
15Xeremías repúxolle a Sedecías:
—Se cha digo, vasme matar; se che dou un consello, non me vas escoitar.
16O rei Sedecías xuroulle en secreto a Xeremías deste xeito:
—Vive o Señor que está a chegar, e que nos dá a vida que temos, que non te deixarei matar nin te entregarei nas mans destes homes que buscan acabar coa túa vida!
17Entón Xeremías díxolle a Sedecías:
—Así fala o Señor, Deus dos Exércitos, Deus de Israel: Se te rendes ós xenerais do rei de Babilonia, salvarás a túa vida, e esta cidade non será queimada; vivirás ti e mais a túa familia. 18Pero se non te rendes ós xenerais do rei de Babilonia, entregarei esta cidade nas mans dos caldeos, que lle prenderán lume, e ti non fuxirás das súas mans.
19O rei Sedecías, repúxolle a Xeremías:
—Téñolles medo ós xudeus que se pasaron ós caldeos; poida que os caldeos me entreguen no seu poder e se burlen de min.
20Respondeulle Xeremías:
—Non te entregarán; faille caso á voz do Señor, á sorte que eu che comunico, e irache ben e conservarás a túa vida. 21Pero se non queres ti saír, esta é a escena que me mostrou o Señor: 22Velaquí: as mulleres que queden no palacio real de Xudá serán entregadas ós xenerais do rei de Babilonia e isto é o que cantarán:
"Enganáronte e puideron contigo
os amigos da túa intimidade;
enterráronche os pés na lama
e volvéronse atrás".
23Entregaranlles ós caldeos todas as túas mulleres e os teus fillos, e ti non fuxirás das súas mans, senón que serás apresado polo rei de Babilonia, que lle prenderá lume a esta cidade.
24Entón Sedecías díxolle a Xeremías:
—Que ninguén saiba esta conversa e ti non morrerás. 25E se se informan as autoridades de que falei contigo, e se logo van onda ti e che din: cóntanos o que lle dixeches ó rei, non nolo ocultes, que non te mataremos: que lle dixeches ó rei?", 26ti haslles dicir: "Estívenlle presentando ó rei a miña petición para que non me levasen á casa de Ionatán a morrer alí".
27En efecto, todas as autoridades viñeron xunto a Xeremías e preguntáronlle; pero el contestoulles en todo conforme estas instrucións que lle dera o rei. E eles quedaron mudos diante del, pois a conversa non se soubo.
28Desde entón Xeremías viviu no patio da garda ata que foi tomada Xerusalén.
Currently Selected:
Xeremías 38: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT