Xeremías 37
37
Sedecías. Introdución: xuízo xeral sobre el
1O rei Sedecías, fillo de Ioxías, reinou en vez de Ieconías, fillo de Ioaquim, xa que Nabucodonosor, rei de Babilonia, o constituíu rei no país de Xudá. 2Pero ninguén fixo caso das palabras que o Señor comunicou por medio do profeta Xeremías: nin el nin os seus ministros nin os terratenentes.
3O rei Sedecías mandou a Iehucal, fillo de Xelemías, e ó sacerdote Sefanías, fillo de Maseías, a dicirlle a Xeremías: Se fas o favor, reza ó Señor, noso Deus, por nós. 4Naquel entón Xeremías andaba libremente entre o pobo, pois aínda non o meteran no cárcere.
Resposta do profeta á embaixada de Sedecías
5Daquela as tropas do Faraón saíron de Exipto, e tan pronto como os caldeos, que estaban cercando Xerusalén, oíron a noticia, levantaron o cerco de Xerusalén. 6Entón veulle a palabra do Señor ó profeta Xeremías nestes termos:
7—Así fala o Señor, Deus de Israel: así tedes que lle falar ó rei de Xudá, que vos mandou onda min para que eu consultase: velaquí as tropas do Faraón que saíron para axudarvos, pero volveran ó seu país de Exipto. 8E os caldeos darán volta e loitarán contra esta cidade, tomarana e prenderanlle lume. 9Así fala o Señor: Non levantedes os vosos ánimos dicindo: "De seguro que os caldeos marchan da nosa presenza". Porque non marcharán. 10Aínda que derrotásedes a todos os exércitos dos caldeos que loitan contra vós, de xeito que non quedase máis que soldados acoitelados, cada un deles ergueríase da súa tenda e prenderíalle lume a esta cidade.
Xeremías na cadea
11Cando o exército dos caldeos levantou o cerco de Xerusalén a causa da presenza do exército do Faraón, 12saíu Xeremías de Xerusalén para ir á rexión de Benxamín, a fin de asistir ó reparto dunha herdanza entre o pobo. 13O chegar el á porta de Benxamín, xa estaba tamén alí o xefe da inspección, chamado Ierías fillo de Xelemías, que prendeu ó profeta Xeremías, dicíndolle:
—Ti estaste pasando ós caldeos.
14Xeremías repuxo:
—Mentira! Non me estou pasando ós caldeos.
Pero Ierías non lle fixo caso e prendeu a Xeremías, e levouno xunto ás autoridades. 15As autoridades anoxáronse con Xeremías, fixérono azoutar e metérono na cadea, na casa de Ionatán, o escribán, pois tíñana convertida en cárcere. 16Así entrou Xeremías no interior da cisterna, nas bóvedas. Alí estivo vivindo Xeremías moito tempo.
Consulta secreta de Sedecías e mellora da prisión do profeta
17O Rei Sedecías mandouno buscar, e interrogouno en secreto na súa casa:
—Hai algunha palabra de parte do Señor?
Respondeulle Xeremías:
—Si.
E engadiu:
—Serás entregado no poder do rei de Babilonia.
18Díxolle Xeremías ó rei Sedecías:
—Que delito cometín contra ti, ou contra os teus servidores ou contra este pobo, para que me metades no cárcere? 19Onde están os vosos profetas que vos profetizaron dicindo: "O rei de Babilonia non virá contra nós nin contra este país". 20Pois agora, meu señor, meu rei, escóitame, por favor. Que a miña súplica sexa ben acollida na túa presenza, non permitas que volva á casa de Ionatán, o escribán, non permitas que eu morra alí.
21Entón o rei Sedecías deu a orde de que detivesen a Xeremías no patio de garda e de que lle desen ó día unha bola de pan —da Rúa dos Panadeiros—, ata que se acabase o pan da cidade. Deste xeito viviu Xeremías no patio da garda.
Currently Selected:
Xeremías 37: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT