YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 25

25
Interpretación dos sinais dos tempos: castigo divino por mans dos caldeos
1O ano cuarto de Ioaquim fillo de Ioxías, rei de Xudá, que foi o ano primeiro de Nabucodonosor, rei de Babilonia, veulle a Xeremías este discurso para todo o pobo. 2O profeta Xeremías anuncioullo a todo o pobo de Xudá e a todos os veciños de Xerusalén, dicíndolles: 3Desde o ano trece de Ioxías, fillo de Amón, rei de Xudá, ata hoxe estame vindo a palabra do Señor e véñovos falando, madrugo para falarvos; pero non facedes caso. 4O Señor mandouvos os seus servos, os profetas, madrugou para mandárvolos; pero non fixestes caso nin prestastes o voso oído para escoitar. 5Véñovos dicindo: "Volvédevos cada un do seu mal camiño e da ruindade dos vosos feitos e vivide na terra, que desde sempre e para sempre vos deu o Señor a vós e a vosos pais. 6Non vos vaiades tras deuses alleos, nin os sirvades e adoredes, nin me enchades de ira coas obras das vosas mans, e deste xeito non vos farei mal".
7Pero non me fixestes caso —é o Señor quen fala—, e enchéstesme de ira coas obras das vosas mans, para a vosa desgraza.
8Por iso, así fala o Señor dos Exércitos:
—Xa que non fixestes caso da miña palabra, 9velaquí que eu pola miña conta —é o Señor quen fala— envíovos todas as tribos do norte e mais a Nabucodonosor, rei de Babilonia, o meu servo; heinos de traer contra esta cidade e os seus habitantes e contra todos os pobos que están ó seu arredor, e consagrareinos á destrución total; heinos converter nunha vergonza, nunha burla e nunha ruína para sempre.
10Farei desaparecer entre eles os berros de alegría e os berros de gozo, as cántigas dos mozos, as cántigas das mozas, o ruído das pedras de moer e a luz do candil. 11Todo este país será unha desolación e un estrago, e todos estes pobos serán servos do rei de Babilonia durante setenta anos. 12Pero cando se cumpran os setenta anos, heilles pedir contas ó rei de Babilonia e ó seu pobo das súas iniquidades, o mesmo que ó país dos caldeos, que converterei nunha desolación para sempre. 13E cumprirei con este país todas as ameazas que contra el pronunciei.
Cumprirei todo o escrito neste libro, que contén o que Xeremías profetizou contra todos os pobos. 14Xa que eles escravizaron a moitos pobos e a grandes reis, tamén eu lles pagarei conforme os seus feitos e as obras das súas mans.
O profeta failles beber a taza do viño envelenado ás nacións
15O Señor, Deus de Israel, díxome isto:
—Cólleme esta taza de viño, colle da miña man este veleno:
fáillelo beber a todos os pobos, ós que eu che mando.
16Que beban, que vomiten a borracheira,
que enlouquezan ante a espada que eu boto entre eles.
17Collín a taza da man do Señor,
e deilles de beber a todos os pobos ós que o Señor me mandou.
18Deilles de beber a Xerusalén e ás cidades de Xudá, ós seus reis e ós seus nobres, para os converter nunha ruína desoladora, en mofa e en maldición tal como hoxe están.
19Deilles de beber ó Faraón, rei de Exipto, ós seus criados, ós seus principais, a todo o seu pobo, 20e a todos os seus sacerdotes; a todos os reis do país de Us, a todos os reis de Filistea: a Axquelón, a Gaza, a Ecrón e ó que quedaba de Axdod.
21Deilles de beber a Edom, a Moab e ós amonitas: 22A todos os reis de Tiro, a todos os reis de Sidón e ós reis da illa que está ó poñente do mar; 23A Dedán, a Temá e a Buz e a todos os que levan a cabeza rapada polos lados. 24A todos os reis da Arabia, e a todos os reis do poñente que viven na estepa; 25A todos os reis de Zimrí, a todos os reis de Elam e a todos os reis de Madai. 26A todos os reis do norte, ós de preto e ós de lonxe. A cada un despois do outro, e a todos os reinos que viven na superficie da terra, pero o rei de Xexac beberá despois deles.
27Haslles dicir: —así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
"Bebede, emborrachádevos, vomitade e caede,
sen serdes capaces de vos ter de pé,
á vista da espada que eu estou lanzando no medio de vós".
28E se refugasen coller a taza da túa man para beber, dilles:
—Así fala o Señor dos Exércitos:
"Beber si que haberedes beber".
29Pois se eu comezo a castigar empezando pola cidade onde se invoca o meu Nome, ides quedar vós libres? Non quedaredes libres, pois eu estou reclamando a espada contra todos os habitantes do mundo —é o Señor dos Exércitos quen fala—.
Xuízo do Señor contra as nacións e elexía polos pastores e os seus pobos
30Ti proclama contra eles todos estes oráculos e dilles:
"O Señor roxe desde o alto,
lanza a súa voz desde a súa santa morada;
roxe contra as súas posesións,
lanza berros, coma os dos que pisan no lagar,
a todos os habitantes do mundo".
31A devastación chega ó cabo da terra,
xa que o Señor ten un preito cos pobos,
está xulgando a todos os homes,
e os culpables entregaraos á espada
—é o Señor quen fala—.
32Así fala o Señor dos Exércitos:
—Velaí a desgraza que salta dun pobo a outro pobo,
unha gran tempestade ponse en camiño desde os extremos da terra.
33No día aquel os feridos de morte polo Señor
estenderanse dun cabo ó outro da terra;
non se fará loito por eles,
non serán retirados nin enterrados;
quedarán de esterco sobre a tona da terra.
34Ouveade, pastores! Dade gritos!
Enzoufádevos na lama, xefes do rabaño!
Velaí cumpridos os vosos días para serdes degolados;
eu fíxenvos nadar na fartura,
pero vós caedes coma un vaso precioso.
35Perdeuse todo refuxio para os pastores,
e todo escriba para os xefes do rabaño.
36Oense berros de desesperación dos pastores,
ouveos dos xefes do rabaño:
é o Señor quen está arruinando os seus pasteiros.
37Desaparecen os pasteiros da fartura,
por causa do furor da ira do Señor.
38Coma o león deixa a súa cova,
así o país vólvese unha desolación,
por causa do furor do Poderoso,
por causa do furor da súa ira.

Currently Selected:

Xeremías 25: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in