YouVersion Logo
Search Icon

Xeremías 24

24
A visión das dúas cestas de figos: o verdadeiro pobo de Deus é o dos deportados
1Aparecéuseme o Señor, e vin dous cestos de figos que eran as súas testemuñas diante do templo do Señor. Foi despois de que Nabucodonosor, rei de Babilonia, fixo deportar de Xerusalén a Ieconías, fillo de Ioaquim rei de Xudá, ós principais de Xudá, ós ferreiros e cerralleiros, e os levou a Babilonia.
2Un dos cestos contiña figos mellores cás béveras, e o outro cesto contiña figos tan malos que non se podían comer.
3Entón díxome o Señor:
—Que estás vendo, Xeremías?
Repuxen:
—Dúas clases de figos. Os figos bos son moi bos, e os ruíns son tan ruíns que non se poden comer.
4Veume entón a palabra do Señor e díxome:
5—Así fala o Señor, Deus de Israel:
Igual que estes figos son bos,
así tamén eu me preocuparei dos desterrados de Xudá,
que botei deste lugar á terra dos caldeos.
6Poñerei neles os meus ollos para o ben,
volvereinos traer a esta terra:
edificareinos, e non os hei destruír;
plantareinos, e non os hei arrincar.
7Dareilles corazón para me coñecer:
eu serei o Señor, e eles serán o meu pobo.
Eu serei o seu Deus,
e volverán a min con todo o seu corazón.
8Coma estes figos ruíns,
que de tan ruíns non se poden comer
—así fala o Señor—,
igual tratarei eu a Sedecías, rei de Xudá,
ós seus principais e ó resto de Xerusalén,
que quedou neste país,
e ós que viven en Exipto.
9Heinos converter en algo arrepiante,
desgraciados ante todos os reinos da terra,
obxecto de aldraxes e de coplas,
tema de escarnios e maldicións,
en todos os lugares a onde os dispersei.
10Mandarei contra eles a espada, a fame e a peste,
ata que desaparezan de sobre a terra,
que lles dei a eles e a seus pais.

Currently Selected:

Xeremías 24: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xeremías 24