Xuíces 6
6
Opresión de Madián, e vocación de Guideón
1Fixeron o mal os fillos de Israel diante de Iavé, e púxoos o Señor nas mans de Madián durante sete anos; 2caeu con forza a man de Madián sobre Israel; e, por mor dos madianitas, os fillos de Israel tiveron que aproveitar as fendas que hai nas montañas, as covas e refuxios.
3E acontecía que, cando Israel sementaba, subían os madianitas; e os amalecitas e os orientais subían tamén contra el. 4Acam—paban onda eles e estragaban o froito da terra, ata a entrada de Gaza, e non deixaban vituallas en Israel: nin ovellas, nin bois, nin asnos 5(pois subían eles co seu gando e mais as súas tendas, e caían coma nube de lagostas, xa que, tanto eles coma os seus camelos, eran innumerables; e viñan ó país para esgotalo).
6Empobreceu de abondo Israel por culpa dos madianitas e os fillos de Israel clamaron polo Señor. 7E, cando os fillos de Israel berraron a Iavé por mor dos madianitas, 8enviou o Señor un profeta ós fillos de Israel, que lles falou así: —"Isto di o Señor, Deus de Israel: Eu fíxenvos subir de Exipto, saqueivos da casa da escravitude, 9e salveivos das mans de Exipto e das mans de todos os que vos oprimían, e chimpeinos de diante de vós, e entregueivos o seu país. 10E díxenvos: Eu son o Señor, o voso Deus; non veneredes os deuses dos amorreos (os da terra onde morades). Pero non escoitastes a miña voz".
11E chegou un anxo do Señor e sentouse debaixo da aciñeira que hai en Ofrah, que é de Ioax o de Abiezer; e Guideón —o seu fillo—, estaba batendo o gran de trigo no lagar, ás escondidas dos madianitas. 12E viuno o anxo do Señor, e díxolle: —"Que o Señor estea contigo, home valente!" 13E replicoulle Guideón: —"Escoita, meu señor: se Iavé está connosco, por que nos atopamos con todo isto?; e onde van todos os seus milagres que nos contaron nosos pais, dicindo: Logo non nos fixo subir Iavé de Exipto?; e agora o Señor rexeitounos e púxonos nas mans dos madianitas".
14Entón volveuse a el Iavé e dixo: —"Vai con esa forza que tes e salva a Israel das mans dos madianitas. E logo non te envío eu?" 15E replicoulle: —"Perdón, meu Señor, de que xeito vou eu salvar a Israel? Velaquí que o meu clan é o máis pobre de Menaxés e eu son o máis novo da casa de meu pai". 16E díxolle Iavé: —"Xa que eu estarei contigo, baterás ós madianitas como se dun só home se tratase". 17E engadiu Guideón: —"Por favor, se atopei benquerenza ós teus ollos, fai para min un sinal de que es ti quen está falando comigo. 18Rógoche que non te retires de aquí, ata que eu chegue onda ti e che traia o meu agasallo e cho presente diante". E dixo Deus: —"Descoida, que eu permanecerei ata o teu regreso".
19E Guideón foi para dentro, e arranxou un cabrito; e cun efah de fariña fixo bolos de pan ácimo; e puxo a carne nun cesto e o prebe nunha ola, e sacoullo todo para debaixo da aciñeira, e ofreceullo. 20E díxolle o anxo de Deus: —"Colle a carne e mais os bolos e póusaos nesa pedra; e o prebe, tírao". E fíxoo así.
21Entón, o anxo de Iavé alongou o bico do bastón que tiña na súa man e tocou a carne e os bolos; e da pedra xurdiu lume que consumiu a carne e mais os bolos; e o anxo de Iavé desapareceu da súa vista.
22Daquela viu Guideón que era o anxo do Señor, e dixo: —"Ai, meu Señor Iavé, que vin o anxo de Iavé cara a cara!" 23E respondeulle o Señor: —"Paz para ti. Non teñas medo, non vas morrer".
24E construíu alí Guideón un altar para o Señor, e chamoulle Iavé Paz, ata o día de hoxe. Está en Ofrah de Abiezer.
25E aconteceu que aquela noite lle dixo o Señor: —"Colle o xovenco de touro que ten teu pai e mais o outro xovenco —o de sete anos—, e chimpa por terra o altar de Baal de teu pai, e corta o cipo que está a carón del, 26e edifica un altar ó Señor, o teu Deus, no cume deste penedo de acordo co establecido; e colle o segundo xovenco e ofrece un holocausto coa leña do cipo que chimpaches por terra". 27E colleu Guideón dez homes de entre os seus servos, e fixo como lle falara o Señor, pero, como tiña medo a facelo de día —por mor da casa de seu pai e dos homes da vila—, fíxoo pola noite.
28O se ergueren pola mañá os homes da vila, viron o altar de Baal chimpado por terra; e o cipo que estaba a carón del derrubado; e o segundo xovenco ofrecido sobre o altar que construíran. 29E dixéronse uns a outros: —"Quen argallou isto?" E preguntaron, pescudaron e resolveron: —"Esta argallada fíxoa Guideón, o fillo de Ioax".
30E dixeron os homes da vila a Ioax: —"Trae para acó a teu fillo e que morra, pois chimpou por terra o altar de Baal, e derrubou o cipo que estaba a carón del". 31E respondeu Ioax a todos os que estaban contra el: —"Logo vós defendedes a Baal? Seica queredes salvalo? O que o defenda, morrerá antes da mañá. Se é deus, que se defenda el, pois foi o seu altar o que se chimpou por terra".
32E aquel día púxolle de nome Ierubaal, dicindo: —"Deféndase contra el, pois chimpoulle por terra o seu altar".
33E todos os madianitas e amalecitas, e mais os orientais, congregáronse, e pasaron para esta banda e acamparon na terra cha de Iezrael.
34E o espírito do Señor entrou en Guideón, e tocou a trompeta, e acudiron os de Abiezer con el; 35e enviou mensaxeiros por todo Menaxés, e acudiron tamén onda el; e enviou mensaxeiros a Axer, a Zebulón e a Naftalí, e subiron ó encontro deles.
36E dixo Guideón a Deus: —"Se pensas salvar a Israel pola miña man, como dixeches, 37velaquí que eu vou colocar unha guedella de lá na eira. Se soamente hai xeada enriba da guedella, estando enxoita a terra, coñecerei que salvarás a Israel pola miña man, tal como dixeches". 38E aconteceu así. E levantouse de mañanciña, torceu a guedella, enxugou a xeada da guedella, e encheu de auga unha cunca.
39E dixo Guideón a Deus: "Non se alporice a túa ira contra min se falo unha vez máis. Déixame probar soamente outra vez coa guedella: que quede enxoita só a guedella, e que haxa xeada por toda a terra". 40E fixo Deus así aquela noite, e houbo secura só na guedella, mentres que había xeada por toda a terra.
Currently Selected:
Xuíces 6: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT