Xuíces 5
5
A Cántiga de Déborah
1Aquel día púxose a cantar Déborah, á par que Barac —o fillo de Abinoam—, deste xeito:
2—"Ó colleren as redes os líderes en Israel,
cando o pobo se ofrece voluntario,
loade o Señor!
3Escoitade, reis;
poñede oídos, príncipes.
Para o Señor eu cantarei;
eu tanxerei para o Señor, Deus de Israel.
4Señor: cando saíches de Seir,
no teu avanzar desde o campo de Edom,
a terra tremeu;
tamén os ceos zumegaron;
mesmo as nubes deitaron auga;
5os montes derretéronse
diante do Señor:
este Sinaí,
diante do Señor, Deus de Israel.
6Nos días de Xamgar, o fillo de Anat;
nos días de Iael,
desapareceran as vereas,
e os camiñantes
tiñan que andar polas corredoiras.
7Acabaron os líderes:
non volveu habelos en Israel,
ata que se ergueu Déborah:
xurdiu unha nai en Israel.
8Elixíanse deuses novos:
daquela, tiñan a guerra ás portas.
E non se vía escudo nin lanza
entre corenta mil
en Israel.
9O meu corazón para os capitáns de Israel;
cando o pobo se ofrece voluntario,
loade ó Señor!
10Os que cabalgades sobre asnos brancos,
os que vos sentades encima dos tapices,
e mais os que ides de camiño,
matinade.
11Onde daban berros os capataces
entre os augadoiros,
alí cantarán as vitorias do Señor,
as vitorias na súa terra ceibe,
en Israel.
Daquela
o pobo do Señor
baixou cara ás portas.
12Esperta, esperta, Déborah;
esperta, esperta, entoa unha cántiga!
Érguete, Barac!,
e leva os teus presos,
fillo de Abinoam!
13Entón baixou o sobrevivente,
coma os adaís;
o pobo do Señor baixou,
o mesmo cós guerreiros.
14Chegan os de Efraím,
que arraiga en Amalec.
Detrás del, Benxamín
coas súas tropas;
de Maquir baixaron os capitáns;
e de Zebulón, os que levan o bastón de mando.
15Os príncipes de Isacar están con Déborah:
tanto Isacar como Barac,
foron ó val,
tralas súas pisadas.
Nos clans de Rubén
houbo grandes perplexidades no corazón.
16Por que ficas entre os curros,
para escoitar os asubíos
dos pastores?
Nos clans de Rubén
houbo grandes perplexidades no corazón.
17Galaad habitou para alá do Xordán;
e Dan, por que viviu nos barcos?;
Axer morou na beira do mar,
estableceuse nos seus portos.
18E Zebulón desafiou a morte,
e tamén Naftalí
nos outeiros do campo.
19Chegaron reis e guerrearon;
batallaron entón os reis de Canaán,
en Zanac —onda as augas de Meguido—,
sen que pillasen espolios de prata.
20Desde os ceos loitaron elas:
as estrelas, sen saíren do seu curso,
loitaron contra Sísera.
21O torrente Quixón arrebatounos:
o torrente vello,
o torrente Quixón.
Camiña con forza, miña alma!
22Entón resoaron
os cascos dos cabalos,
a galope,
a galope dos seus poldros.
23Maldicide a Meroz!,
dixo o anxo do Señor;
maldicide rexamente ós seus veciños,
por non viren auxiliar ó Señor,
a axudar ó Señor cos seus guerreiros!
24Bendita sexa entre as mulleres Iael! —a muller de Héber, o quenita—,
bendita entre as mulleres das tendas!
25El pediu auga,
e ela deulle leite;
en copa de honra,
ofreceulle requeixo.
26A súa man ó fungueiro alongou,
e a súa dereita ó martelo dos obreiros.
Petoulle a Sísera, e fendeulle o cranio;
mallou nel, e perforoulle as tempas.
27Inclinouse ós pés dela e caeu deitado;
ós seus pés abaixouse e caeu;
onde se abaixou, alí caeu derreado.
28Pola fiestra ollaba e laiaba
a nai de Sísera, polo cancelo.
Por que o seu carro
demora tanto en chegar?;
por que van tan a modo
as rodas dos seus carros?
29A máis sabia das súas damas,
respóndelle: Certo!,
e repítelle as mesmas palabras.
30Non será que pillaron
e repartiron os espolios?
Unha ou dúas mozas para cada home!;
espolios de tecidos de cores para Sísera;
a presa de teas variadas;
un ou dous panos de cores,
para o pescozo das prisioneiras.
31Así morran os teus inimigos, Iavé;
e sexan os que te aman coma o sol cando se ergue,
cheo de esplendor".
E descansou o país durante corenta anos.
Currently Selected:
Xuíces 5: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT