YouVersion Logo
Search Icon

Xuíces 7

7
Desfeita de Madián
1E ergueuse Ierubaal —que é Guideón— e todo o pobo co que contaba e acamparon onda a fonte de Harod; e o campamento dos madianitas estaba ó norte deles (onde Guibeat—Hamoreh), na terra cha.
2E dixo o Señor a Guideón: —"A xente que tes contigo é abondosa de máis para que eu entregue os madianitas nas súas mans: non sexa que Israel se poña a gabarse diante de min, dicindo: salveime eu por min mesmo. 3E agora fai favor de comunicar ós oídos do pobo o que segue: Quen teña medo e trema, que se volva e arrede do monte de Galaad". E volvéronse vinte e dous mil homes do pobo e quedaron dez mil. 4E dixo o Señor a Guideón: —"Aínda o pobo é numeroso de máis: fainos baixar á auga e probareichos alí; e cando che diga: este irá contigo, el irá contigo; e de todo o que che diga: este non irá contigo, ese non irá".
5E fixo baixar ó pobo á auga; e dixo o Señor a Guideón: —"A todos os que lamban a auga coa súa lingua —como a lamben os cans—, xuntaralos á parte dos que se axeonllen para beber". 6E o número dos que lamberon na man foi de trescentos homes; e todo o resto do pobo axeonllouse para beber auga. 7E dixo o Señor a Guideón: —"Cos trescentos homes que beberon lambendo, vouvos salvar, e porei ós madianitas nas túas mans; e o resto da xente, que vaia cadaquén para o seu sitio".
8E o pobo colleu nas súas mans o fornecemento e mais as súas trompetas, e mandou Guideón a todos os homes de Israel para a súa tenda, e quedou soamente cos trescentos (e o campamento de Madián atopábase debaixo del, no val). 9E aconteceu que aquela noite lle dixo o Señor: —"Érguete e baixa ó campamento, pois o entrego nas túas mans. 10E se tes medo de baixares só ó campamento, baixade ti e mais Purah, o teu servo. 11Escoita o que falan, e fortaleceraste e baixarás contra o campamento".
E baixou el e máis Purah —o seu servo— ata o remate da vangarda do campamento. 12E os madianitas, os amalecitas e todos os orientais estaban deitados pola terra cha (unha multitude como de lagostas, e a cantidade de camelos era abondosa como a area da beira do mar). 13E cando chegou Guideón, velaquí que estaba un contándolle un soño ó seu compañeiro, e dicía: —"Velaquí o soño que tiven: Soñei que un molete de pan de cebada rodaba polo campamento de Madián e chegou ata a tenda, bateu contra ela e chimpouna por terra virándoa cara arriba, e despois a tenda estomballouse". 14E respondeulle o compañeiro: —"Isto non che é outra cousa que a espada de Guideón, o fillo de Ioax, o israelita, pois Deus puxo nas súas mans a Madián e a todo o campamento". 15E aconteceu que, cando oíu Guideón o relato do soño e mais a súa interpretación, prosternouse, e de contado volveu ó campamento de Israel, e dixo: —"Erguédevos, pois o Señor puxo nas vosas mans o campamento de Madián".
16E distribuíu Guideón os trescentos homes en tres corpos, e puxo trompetas nas mans de todos eles, e mais canecos baldeiros e fachos para as bocas dos canecos. 17E díxolles: —"Ollade para min, de xeito que fagades coma min. Velaquí que cando eu chegue á vangarda do campamento, o que eu faga habédelo de facer tamén vós. 18Cando eu e mais todos os que estean comigo toquemos a trompeta, tocaredes as trompetas tamén vosoutros —os que esteades arredor de todo o campamento—, e bradaredes: Por Iavé e por Guideón!"
19E chegou Guideón con cen homes á vangarda do campamento, ó comezo da segunda vela, xusto cando acababan de relevar ós vixías. E tocaron as trompetas e escacharon os canecos que levaban nas mans.
20E tocaron as trompetas os tres corpos, e escacharon os canecos e premeron os fachos coa man esquerda, e coa dereita as trompetas, para tocaren. E berraron: —"Espada por Iavé e por Guideón!" 21E estiveron quedos cada un no seu sitio, arredor do campamento, e todo o campamento rompeu a correr, a berrar e a fuxir. 22E os trescentos fixeron soar as trompetas, e o Señor fixo que a espada de cada un dos outros fose contra o seu compañeiro e contra todo o campamento; e fuxiu o exército inimigo ata Bet—Xitah, cara a Sererah, e ata a beira de Abel—Meholah, a carón de Tabat.
23E xuntáronse os israelitas de Naftalí, de Axer e de todo Menaxés, e perseguiron ós madianitas.
24E Guideón mandou mensaxeiros por toda a serra de Efraím, dicindo: —"Baixade ó encontro dos madianitas e ocupade antes ca eles os baixíos ata Bet—Barah e o Xordán".
E xuntáronse todos os homes de Efraím e ocuparon os baixíos ata Bet—Barah e o Xordán. 25E pillaron a dous príncipes dos madianitas a Oreb e Zeeb, e mataron a Oreb no Refuxio de Oreb; e a Zeeb, matárono no Lagar de Zeeb. E perseguiron ós madianitas e leváronlle da banda de alá do Xordán a Guidéon as cabezas de Oreb e de Zeeb.

Currently Selected:

Xuíces 7: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in

Video for Xuíces 7