Xénese 50
50
Enterro de Xacob
1Xosé botouse enriba da cama de seu pai e, chorando, bicouno. 2Despois mandou ós médicos seus, servidores que embalsamasen a seu pai, e os médicos embalsamaron a Israel. 3O cumprírense os corenta días que leva o embalsamamento, os exipcios fixeron loito por Xacob setenta días.
4Pasados os días do pranto, Xosé falou así ós servidores do faraón: —"Se merezo o voso favor, facede chegar a oídos do faraón 5que meu pai me fixo xurar que, cando morrese, o enterraría na sepultura que se fixo en Canaán: Agora déixame ir, enterrarei a meu pai e volverei".
6O faraón respondeulle: —"Vai enterrar a teu pai, conforme lle xuraches".
7Xosé subiu de alí para enterrar a seu pai. Acompañábano os ministros do faraón, os anciáns da súa corte, os nobres do país, 8A familia toda de Xosé, seus irmáns, a servidume de seu pai. Soamente deixaron en Goxén os nenos, os rabaños e os gandos. 9Ian tamén con eles carros e cabaleiros, de xeito que o acompañamento era moi grande.
10Chegados á eira de Atad, do outro lado do Xordán, fixeron un pranto grande e solemne. Xosé fixo por seu pai un funeral de sete días. 11O veren os cananeos o funeral na eira de Atad, dicían: —"Grande loito é este para os exipcios". Por iso chamóuselle a aquel sitio Pranto de Exipto. Está do outro lado do Xordán.
12Os fillos de Xacob fixeron conforme el lles mandara. 13Levárono a Canaán e enterrárono na cova de Macpelah, no eido que Abraham comprara a Efrón o hitita, de fronte a Mambré, para propiedade sepulcral. 14Despois que enterraron a seu pai, Xosé volveu para Exipto, xunto con seus irmáns e todo o acompañamento fúnebre.
Comportamento de Xosé con seus irmáns
15Despois da morte de seu pai, os irmáns de Xosé pensaron: —"A ver se Xosé nos garda rancor, e nos paga agora o moito mal que lle fixemos". 16E mandaron dicirlle: —"O teu pai ordenounos, antes de morrer: 17Dicídelle isto a Xosé: Perdóalles a teus irmáns o seu crime e o seu pecado, cando te trataron mal. Perdoa agora a culpa dos servos do Deus de teu pai".
Cando oíu o que falaban, Xosé botou a chorar.
18Os irmáns fóronse prostrar diante del para lle dicir: —"Somos escravos teus".
19Xosé díxolles: —"Non teñades medo. Estou eu no lugar de Deus? 20Vós pensastes facerme mal, pero Deus trocouno en ben, para conseguir o que hoxe vemos: facer vivir un grande pobo. 21Agora non teñades medo. Eu mantereivos a vós e a vosos fillos". Xosé consolou a seus irmáns e faloulles ó corazón.
Morte de Xosé
22Xosé viviu en Exipto con toda a familia de seu pai. Cumpriu cento dez anos. 23Chegou a ver os fillos de Efraím ata a terceira xeración. Tamén a Maquir, fillo de Menaxés, lle naceron fillos nos xeonllos de Xosé.
24Xosé díxolles a seus irmáns: —"Eu estou para morrer. Deus coidará de vós e sacaravos desta terra, para a terra que prometeu con xuramento a Abraham, a Isaac e a Xacob". 25Xosé fixo xurar ós fillos de Israel: —"Cando veña Deus vervos, levaredes convosco os meus ósos". 26Xosé morreu ós cento dez anos. Embalsamárono en Exipto e metérono nun sarcófago.
Currently Selected:
Xénese 50: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT