YouVersion Logo
Search Icon

Xénese 49

49
Testamento de Xacob
1Xacob convocou con estas palabras a seus fillos:
—"Xuntádevos, e direivos o
que vos vai pasar nos tempos que han vir.
2Reunídevos, e escoitade, fillos de Xacob,
escoitade a Israel, voso pai.
3Rubén, ti es o meu primoxénito,
a miña forza, a primicia do meu vigor,
primeiro en dignidade, primeiro en poder.
4Arrogante coma as augas, xa non medras,
porque subiches ó leito de teu pai
e, ó subires, profanaches o meu tálamo.
5Simeón e Leví son irmáns
que trafican con instrumentos de violencia.
6Non quero entrar no seu concello,
nin ser socio da súa asemblea,
pois con asañamento mataron homes,
por capricho esgazaron touros.
7Maldita, por fera, a súa carraxe,
a súa cólera, por dura.
Dividireinos en Xacob,
ciscareinos por Israel.
8Xudá, a ti loarante teus irmáns,
Porás a túa man na cerviz dos teus inimigos,
prostraránseche teus irmáns.
9Xudá é león agachado;
sobes de facer presa, meu fillo.
Coma león, repousa deitado,
coma leoa, quen o fará erguer?
10Non se afastará o cetro de Xudá
nin de entre os seus pés o báculo,
ata que chegue o seu dominador
e os pobos o obedezan.
11Amarra o seu burro na vide,
o seu burriño no bacelo.
Lava en viño o seu manto,
no sangue das uvas a súa túnica.
12Ten os ollos rubios de viño,
os dentes brancos de leite.
13Zebulón asentará na beiramar,
está onde fondean os barcos,
chega coas ás a Sidón.
14Isacar é burro rexo,
deitado nas súas cortes.
15Atopou bo o lugar do seu acougo,
agasalleira a súa terra,
puxo a carga ó lombo,
e someteuse ó traballo de escravos.
16Dan gobernará o seu pobo
coma unha das tribos de Israel.
17Coma cobra no camiño,
coma víbora no carreiro,
morde o cabalo nas unllas
e o cabaleiro cae para atrás.
18Eu espero, Señor, a túa salvación!
19Gad é atacado por ladróns,
pero el ataca por detrás.
20Axer ten pan moi substancioso,
produce manxares de reis.
21Naftalí é corzo ceibe,
que dá corzos fermosos.
22Xosé é árbore frutífera onda a fonte,
gromo que puxa polo muro.
23Os arqueiros provócano,
combáteno e téntano.
24O arco del resiste,
mentres a eles lles tremen os brazos e as mans,
diante do Deus poderoso de Xacob,
do pastor e da pedra de Israel.
25O Deus de teu pai é a túa axuda,
o Deus todopoderoso bendí o teu ser
con bendicións de arriba, do ceo,
con bendicións de abaixo, do abismo,
con bendicións de peitos e seo.
26As bendicións de teu pai son máis abondosas
cás das montañas antigas
e cás delicias dos outeiros eternos.
Veñan sobre a cabeza de Xosé,
sobre a testa do elixido dos irmáns.
27Benxamín é lobo rapineiro:
Pola mañá engole a presa,
pola tarde reparte os despoxos".
28Estas son as doce tribos de Israel e isto o que lles dixo seu pai, cando bendiciu a cada unha coa súa propia bendición.
29Despois deulles estas ordes: —"Eu estou para ir xuntarme co meu pobo. Enterrádeme con meus pais, na cova que está no eido de Efrón o hitita. 30É a cova de Macpelah, enfronte de Mambré, en Canaán, a mesma que Abraham lle comprara a Efrón o hitita, para sepultura en propiedade. 31Alí enterraron a Abraham e a Sara, súa muller; alí enterraron a Isaac e a Rebeca, súa muller; e alí enterrei eu a Lea. 32O eido e mais a cova que hai nel foron comprados ós hititas".
33En acabando de dar as súas ordes, Xacob encolleu os pés na cama, expirou e foi xuntarse cos seus.

Currently Selected:

Xénese 49: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in