YouVersion Logo
Search Icon

Éxodo 1

1
Os fillos de Xacob
1Estes son os nomes dos israelitas que foron a Exipto con Xacob, cada un coa súa familia: 2Rubén, Simeón, Leví, Xudá, 3Isacar, Zebulón, Benxamín, 4Dan, Naftalí, Gad e Axer.
5As persoas que descendían directamente do sangue de Xacob eran setenta. Xosé xa estaba en Exipto. 6Morto Xosé e seus irmáns e toda aquela xeración, 7os israelitas medraron, propagáronse, creceron, fixéronse moi fortes, enchían o país.
Opresión dos hebreos en Exipto
8Subiu ó trono de Exipto un rei novo, que non coñecera a Xosé, 9e díxolle ó seu pobo: —"Mirade que o pobo dos israelitas é máis forte ca nós. 10Imos tratalo con astucia, non sexa que, se se declara unha guerra, se axunte cos nosos inimigos, pelexe contra nós e logo saia do país".
11Asignáronlles, pois, capataces, co fin de oprimilos con traballos, cando construían as cidades-graneiros de Pitom e de Ramsés. 12Pero, canto máis os oprimían, máis se multiplicaban eles e máis se propagaban.
13Os exipcios asoballáronos con fera opresión, 14Amarguexáronlles a vida co duro labor do barro, dos ladrillos, coa labranza da terra, e con toda sorte de traballos, impostos con brutalidade.
15Por parte, o rei de Exipto deu esta orde ás parteiras das hebreas, chamadas unha Xéfora e outra Púah: 16—"Cando asistades ós partos das hebreas, fixádevos no sexo: se nace varón, matádeo; se nace femia, que viva".
17Mais as parteiras mostráronse temerosas de Deus, e non fixeron caso do que lles mandara o rei de Exipto. Deixaban os nenos con vida. 18El fíxoas chamar, para dicirlles: —"Por que facedes iso de deixar nenos con vida?"
19Respondéronlle elas: —"As mulleres hebreas non son coma as exipcias. Son fortes e paren primeiro de que chegue onda elas a parteira".
20Deus premiou ás parteiras. O pobo medraba e facíase moi forte. 21Por temeren a Deus, tamén as parteiras viron crecer a casa delas.
22Entón ordenou o faraón ó seu pobo:
"Todo neno que naza, botarédelo ó río; ás nenas deixádeas que vivan".

Currently Selected:

Éxodo 1: ABGS

Highlight

Share

Compare

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in