Éxodo 18
18
Moisés co seu sogro Ietró
1Ietró, sacerdote de Madián, sogro de Moisés, soubo o que Deus fixera con Moisés e co seu pobo Israel, ó sacalos de Exipto. 2Ietró recollera a Séfora, muller de Moisés, cando este se despedira, 3e tamén ós seus dous fillos, un chamado Guerxom, por aquilo de que "Forasteiro fun en terra allea", 4e outro de nome Eliézer, que quere dicir: "O Deus de meu pai é quen me axuda e quen me librou da espada do faraón".
5Ietró, sogro de Moisés, foi cos fillos e coa muller ó encontro do seu xenro, no deserto, onde acampaba Moisés na montaña de Deus. 6Mandoulle dicir a Moisés: —"Eu son o teu sogro Ietró, que te veño ver coa túa muller e cos teus fillos". 7Moisés saíu ó encontro do seu sogro; inclinouse e bicouno; saudáronse e entraron na tenda. 8Moisés contoulle ó seu sogro o que Deus fixera co faraón e cos exipcios por mor de Israel, e as coitas que tiveran na viaxe e como o Señor os librara delas.
9Ietró alegrouse de todo o ben que o Señor fixera a Israel, librándoo da man dos exipcios. 10E dixo:
—"Bendito sexa o Señor que vos librou
do poder dos exipcios e da man do faraón
e que salvou o pobo do xugo de Exipto.
11Agora sei que o Señor é máis ca todos os deuses, pois así o mostrou cando eles se erguían contra vós".
12Despois Ietró, sogro de Moisés, ofreceu a Deus sacrificios e holocaustos. Aharón e todos os anciáns de Israel viñeron e comeron con el na presenza de Deus.
Institución dos xuíces
13O día seguinte sentouse Moisés para xulgar as contendas do pobo. A xente acudía onda Moisés desde a mañá á noite. 14O ver Ietró o que o seu xenro facía polo pobo, preguntoulle: —"Por que fas así coa xente? Por que te sentas ti só a xulgar, coa xente toda ó redor, da mañá á noite?"
15Moisés respondeulle a seu sogro: —"A xente vén onda min para consultar a Deus. 16Cando teñen un preito, acoden onda min, para que eu decida e lles ensine os mandamentos e as leis de Deus".
17O sogro aconselloulle: —"Non está ben o que fas. 18Dese xeito esgotarédesvos, ti e mais o pobo que vai contigo. A tarefa reborda das túas forzas, e non poderás cumprila só. 19Agora faime caso. Eu dareiche un consello, e que Deus estea contigo. Ti representarás ó pobo diante Deus, levando á súa presenza os seus preitos. 20E ó pobo recoméndalle os mandamentos e as leis, ensínalle o camiño que han seguir e as cousas que han facer. 21Procura no medio do pobo homes de valer e que teñan temor de Deus, homes firmes, inimigos da cobiza, e ponos á fronte do pobo, como xefes de mil, de cen, de cincuenta e de dez. 22Eles xulgarán ó pobo a calquera hora. Que che leven a ti os preitos graves, e que resolvan eles os pequenos. A tarefa será máis livián para ti, se eles levan contigo o peso. 23Se fas como che digo, poderás aturar ese traballo que Deus che ordenou, e todo este pobo chegará con ben ó seu destino".
24Moisés escoitou as palabras do seu sogro, e fixo o que lle aconsellaba. 25Elixiu de entre todo Israel homes de valer e púxoos á cabeza do pobo, coma xefes de mil, de cen, de cincuenta e de dez. 26Administraban xustiza a calquera hora. Os preitos graves levábanllos a Moisés e os pequenos xulgábanos eles. 27Moisés despediuse do seu sogro, e este volveu para a súa terra.
Currently Selected:
Éxodo 18: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT