Éxodo 19
19
Ofrecemento da alianza
1O día en que se cumprían os tres meses da saída dos israelitas de Exipto, chegaron ó deserto do Sinaí. 2Procedentes de Refidim, chegaron ó deserto do Sinaí e acamparon alí, ó pé do monte. 3Moisés subiu ó encontro de Deus, e o Señor chamouno desde a montaña, para mandarlle dicir ós descendentes de Xacob, comunicarlles ós israelitas: 4—"Vistes como tratei ós exipcios, como vos levantei a vós sobre ás de aguia e vos acheguei a min. 5Se agora me obedecedes e gardades a miña alianza, seredes a miña propiedade escolleita entre todos os pobos, pois a terra é toda miña. 6Vós seredes para min un reino de sacerdotes, un pobo consagrado. Isto é o que lles has dicir ós israelitas".
7Moisés foi chamar os anciáns de Israel, para exporlles as palabras que lle mandara o Señor. 8O pobo todo a unha respondeu: —"Faremos todo o que dixo o Señor". Moisés volveu onda o Señor coas palabras do pobo. 9O Señor díxolle a Moisés: —"Voume acercar a ti na mesta nube, para que o pobo oia como falo contigo e para que en diante crea en ti". Moisés levoulle ó Señor a resposta do pobo.
A teofanía
10O Señor díxolle a Moisés: —"Volve onda o pobo. Purificádevos hoxe e mañá, que laven a roupa 11e que estean preparados para de aquí a tres días, pois no terceiro día baixará o Señor sobre o monte Sinaí, á vista de todo o pobo. 12Ti fixaraslle ó pobo un lindeiro ó arredor da montaña e diraslle: Gardádevos de subir pola montaña, e mesmo de aproximarvos ás súas abas. O que se aproxime á montaña, morrerá. 13A ese tal non o tocaredes coa man, senón que o mataredes a cantazos ou con frechas. O mesmo se é un animal coma se é un home, non quedará con vida. Só cando soe o corno, poderán subir á montaña".
14Moisés baixou da montaña onda ó pobo. Purificouno e fíxolle lavar a roupa. 15Despois díxolles: —"Estade preparados para o terceiro día, e que ningún home se achegue á súa muller".
16O amañecer do terceiro día houbo trebóns e lóstregos, e unha nube mesta cubría a montaña. A trompeta soou moi forte e o pobo no campamento arrepiaba co medo.
17Moisés fixo saír o pobo do campamento, e levouno ó encontro de Deus. Quedaron todos en pé na aba da montaña. 18O monte Sinaí fumegaba todo, porque o Señor baixara sobre el en medio de lume. Subía fume coma dun forno e toda a montaña tremía. 19O son da trompeta facíase máis forte, mentres Moisés falaba e Deus respondíalle polo trebón.
20O Señor baixou sobre o monte Sinaí, ó seu cume, e chamou por Moisés, para que subise onda El. E Moisés subiu. 21O Señor díxolle a Moisés: —"Baixa e advírtelle ó pobo que non traspasen os lindeiros para veren o Señor, pois morrerían moitos deles. 22Tamén os sacerdotes que se aproximen ó Señor terán que se purificar, para que non rompa contra eles o Señor".
23Moisés díxolle ó Señor: —"O pobo non poderá subir ó monte Sinaí, pois ti mesmo nos advertiches: Facede un lindeiro ó redor da montaña e declarádea sagrada".
24O Señor respondeulle: —"Anda, baixa, e sube despois con Aharón. E que nin os sacerdotes nin o pobo traspasen os lindeiros para subir onda o Señor, non sexa que rompa contra eles". 25Moisés baixou e advertiulle iso ó pobo.
Currently Selected:
Éxodo 19: ABGS
Highlight
Share
Compare
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT