2 Corintios 4
4
As tribulacións dos apóstolos e a forza do Evanxeo
1Por iso exercendo este servizo pola misericordia de Deus, non nos apoucamos; 2máis ben puxemos á parte todo tipo de simulación, deixándonos de intrigas e evitando falsear a palabra de Deus. Ben ó contrario, manifestando a verdade, recomendámonos nós mesmos á conciencia que todo home ten diante de Deus.
3Se o noso Evanxeo continúa velado, é para aqueles que se perden: 4pola súa incredulidade o deus deste mundo cegoulles o entendemento para que non vexan o esplendor do Evanxeo da gloria de Cristo, que é imaxe de Deus. 5Porque nós non nos anunciamos a nós, anunciamos a Xesús Cristo como Señor; e a nós, coma servos vosos por causa de Xesús. 6Pois o Deus que dixo brille a luz no medio das tebras, alumeou nos nosos corazóns, para que se manifestase o coñecemento da gloria de Deus no rostro de Cristo.
7Mais levamos ese tesouro en vasos de barro. E así esa forza tan extraordinaria aparece coma forza de Deus, e non nosa. 8Apértannos por todas partes, mais non nos esmagan; andamos en apuros mais non desesperados; 9Andamos perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan. 10Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo. 11Porque a nós, estando vivos, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. 12E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.
13Mantendo, con todo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito creo e por iso falo, tamén nós cremos e por iso falamos. 14Porque sabemos que Aquel que resucitou a Xesús nos ha resucitar tamén a nós con Xesús e nos ha colocar convosco onda el. 15Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ó estenderse a graza, se multiplique o número dos agradecidos, para gloria de Deus.
16Por iso non nos apoucamos: aínda que o noso exterior vai esmorecendo, o interior, todo o contrario: renóvase de días a días. 17Os sufrimentos transitorios e leves prepárannos unha inmensa carga de gloria eterna por riba de toda medida. 18Non poñemos as nosas olladas nas cousas que se ven, senón nas que non se ven; porque as que se ven son efémeras, mentres que as que non se ven son eternas.
Currently Selected:
2 Corintios 4: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT