YouVersion Logo
Search Icon

2 Corintios 3

3
O ministerio da Nova Alianza
1Comezamos outra vez a recomendarnos? Será que, coma certos individuos, precisamos de cartas de recomendación para vós ou da vosa parte? 2A nosa carta sodes vós: unha carta escrita nos nosos corazóns, coñecida e lida por toda a xente. 3Nótasevos que sodes unha carta de Cristo, redactada por nós, e non escrita con tinta senón co Espírito do Deus vivo; e non en táboas de pedra, senón en táboas de corazóns de carne.
4Esta é a confianza que temos diante de Deus, grazas a Cristo. 5Non é que de noso teñamos aptitudes para poder apuntar nada na nosa conta coma cousa propia: a nosa capacidade vénnos de Deus, 6que nos capacitou para sermos axentes dunha alianza nova, non de letra, senón de Espírito; que a letra mata, mentres que o Espírito dá vida.
7Se aquela oferta de morte (letras gravadas na pedra) se volveu gloria, ata o punto que os israelitas non podían fitar o rostro de Moisés, "polo resplandor do seu rostro" (efémero e todo como era), 8canto máis gloriosa non será a oferta do Espírito! 9Porque se a oferta da condena tivo gloria, canta máis gloria vai ter a oferta da xustiza! 10De feito aquela gloria xa non é gloria, comparada con esta gloria desbordante. 11Daquela se o efémero tivo o seu momento de gloria, canta máis gloria terá o que é permanente!
12Tendo entón esta esperanza, comportámonos con moita afouteza; 13non coma Moisés, que puña un pano por diante da cara para que os israelitas non percibisen a fin do que era caduco. 14E cegóuselles o entendemento, porque ata o día de hoxe permanece aínda o mesmo pano cando len o Antigo Testamento, sen se decataren de que, con Cristo, esvaece. 15Aínda hoxe, sempre que len a Moisés, un pano cobre os seus corazóns. 16"Pero cando se convertan ó Señor, quitarase o pano". 17Ora, o Señor é o Espírito, e onde está o Espírito do Señor hai liberdade. 18E nós todos, coa cara descuberta, reflectindo coma nun espello a gloria do Señor, a súa imaxe, ímonos transformando de gloria en gloria, pola acción do Espírito do Señor.

Currently Selected:

2 Corintios 3: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in