2 Corintios 5
5
Arelas de vida eterna
1Sabemos que, se a nosa morada terrestre que vén ser coma unha cabana, se derrubase, contamos cunha edificación de Deus, unha casa eterna no ceo, non feita por mans de homes. 2Por iso xememos na cabana actual, coa arela de vestirmos a morada celeste, 3pois así atoparémonos vestidos, non espidos. 4Os que vivimos nesta cabana, xememos oprimidos, porque non queremos quitar o que temos posto, senón poñer outra roupa por riba, de xeito que o mortal quedase absorbido pola vida. 5Quen nos dispuxo para isto foi Deus, que nos deu como garantía o Espírito.
6Así que estamos sempre cheos de ánimo por sabermos que, mentres o corpo sexa o noso domicilio, vivimos coma desterrados lonxe do Señor, 7e seguimos camiñando guiados pola fe, non polo que se ve. 8E con este ánimo, preferimos desterrarnos do corpo e habitar a carón do Señor. 9En todo caso, ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle. 10Porque todos teremos que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para que cada un recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo: ben ou mal.
A reconciliación con Deus, por Xesús
11Por iso, sabendo o respecto que se lle debe ó Señor, procuramos convencer ós homes, e xa que para Deus somos transparentes, confío en que tamén o sexamos ante as vosas conciencias.
12Non queremos outra vez recomendarnos diante de vós: só darvos a oportunidade de presumir de nós, de modo que teñades resposta para os que presumen das aparencias e non do corazón. 13Se perdemos o siso, foi por Deus; e, se agora estamos cordos, é por vós.
14É o amor de Cristo o que nos preme, cando pensamos que, ó morrer un por todos, morreron todos; 15el morreu por todos, a fin de que os que viven xa non vivan para si, senón para o que morreu e resucitou por eles.
16Por iso, nós xa non apreciamos a ninguén conforme a criterios mundanos; aínda que teñamos coñecido a Cristo conforme a eses criterios, agora xa non o coñecemos así. 17Polo tanto, quen estea en Cristo, é unha criatura nova: o que era vello, pasou. Vedes? Hai unha realidade nova.
18E todo iso provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servizo da reconciliación. 19Pois Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación. 20Somos, logo, embaixadores de Cristo; e é coma se Deus vos exhortase por medio noso. Pedímosvolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus. 21A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós, grazas a el, nos volvésemos nel xustiza de Deus.
Currently Selected:
2 Corintios 5: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT