2 Corintios 1
1
Saúdo e acción de grazas
1Paulo, apóstolo de Xesús Cristo por designio de Deus, e o irmán Timoteo, á Igrexa de Deus que está en Corinto e a todos os cristiáns da Acaia enteira deséxovos a 2graza e a paz de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.
3Bendito sexa Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo, Pai misericordioso e Deus de toda consolación! 4El anímanos en todas as nosas mágoas, de xeito que poidamos nós animar os outros en calquera aflición, no consolo que recibimos de Deus. 5Pois, do mesmo modo que rebordan en nós os sufrimentos de Cristo, tamén grazas a Cristo reborda igualmente o noso ánimo.
6Se pasamos apertos, é para que vós teñades ánimo e vos salvedes; se estamos animados, é para que vós teñades ánimo e aturedes con paciencia os mesmos sufrimentos que padecemos nós. 7Sodes para nós motivo de firme esperanza porque sabemos que, se sodes participantes nas mágoas, tamén o seredes no ánimo.
8Non queremos que descoñezades, irmáns, as tribulacións que pasamos en Asia, cargados por riba das nosas forzas, ata perder a esperanza de saírmos con vida. 9Porque tivemos sobre nós a sentencia de morte. Así aprendemos a non poñermos a confianza en nós senón en Deus, que resucita os mortos. 10El foi quen nos librou de tan evidente perigo de morte e hanos de seguir librando confiamos nel, que nos librará no futuro, 11se colaborades tamén vós coa vosa oración en favor noso. Así, a graza conseguida pola intercesión de moitos fará tamén que moitos dean grazas por cousa nosa.
Os motivos do seu comportamento
12O noso orgullo é o testemuño da nosa conciencia, de nos comportar no mundo e non digamos convosco, coa santidade e transparencia de Deus, non con sabedoría humana senón por graza de Deus. 13Porque non vos escribimos outra cousa do que ledes e entendedes. Espero que comprendades de vez, 14xa que nos entendestes en parte, que somos o motivo da vosa honra, como vós o ides ser para nós, o día do noso Señor Xesús.
15Precisamente con esta confianza propúñame comezar eu por visitarvos, para que tivésedes un dobre regalo: 16pensaba ir a Macedonia pasando por onda vós, e de Macedonia ir outra vez onda vós, para me arranxardes a viaxe a Xudea.
17Actuei con lixeireza cando programei así? Ou é que eu fago os meus plans con miras humanas, de xeito que non quede ben claro en min o si coma un si e o non coma un non? 18Ben sabe Deus que, cando trato convosco, non hai si e non, 19porque o Fillo de Deus, Cristo Xesús, que nós vos anunciamos —Silván, Timoteo e mais eu—, non foi si e non; nel non houbo máis ca si: 20todas as promesas de Deus encontraron nel o si; velaí o porqué de respondermos "amén" por el cando damos gloria a Deus. 21O que nos mantén firmes —a min e a vós— na adhesión a Cristo é Deus, que nos unxiu para si, 22que tamén nos marcou co seu selo e infundiu nos nosos corazóns a garantía do seu Espírito.
23Pola miña parte, poño a Deus por testemuña (e que me quite a vida se vos minto) que, se aínda non volvín a Corinto, foi por consideración convosco. 24Non é que a vosa fe dependa de min; pero son colaborador da vosa alegría, pois, de certo, estades seguros na fe.
Currently Selected:
2 Corintios 1: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT