YouVersion Logo
Search Icon

2 Corintios 2

2
1E tomei a decisión de non ir outra vez onda vós con mágoas. 2Porque, se eu vos entristezo, quen me vai alegrar a min, non sendo o que está magoado por causa miña? 3E escribinvos todo iso para que, cando eu chegase, non me causasen tristeza os que me debían producir alegría, confiado como estou en que todos facedes vosa a miña alegría. 4De tanta tribulación e angustia que sentía, escribinvos cheo de bágoas, pero non para vos poñer tristes, senón para que vos decatásedes do moito cariño que vos teño.
5Porque sen esaxerar se alguén me magoou, non me magoou a min, senón dalgunha maneira a todos vós. 6A ese tal, abóndalle a corrección aposta pola maioría da comunidade. 7Agora, en troques, é mellor que o perdoedes e que o animedes, non vaia sentirse o home amargado por tanta tristeza. 8Por iso recoméndovos que lle fagades sentir o voso agarimo. 9Pois para iso tamén vos escribín: para coñecer a vosa compostura, a ver se sodes obedientes en todo. 10A quen vós perdoades algo, tamén eu perdoo: que, ben mirado, o que eu perdoo se algo teño que perdoar, é por causa vosa, diante de Cristo, 11para que Satán non saque vantaxe de todo isto, pois non descoñecemos as súas intencións.
12Cando cheguei a Tróade para anunciar o Evanxeo de Cristo, aínda que tiña as portas abertas para traballar coma cristián, 13non tiven acougo no meu espírito, por non encontrar alí o irmán Tito. Entón despedinme daquela xente e saín para Macedonia.
A salvación "en Cristo"
14Doulle grazas a Deus, que, unidos a Cristo, nos leva decote ó seu triunfo e que por medio de nós espalla por todas partes o perfume do seu coñecemento. 15Porque somos recendo de Cristo para Deus, tanto entre os que se salvan coma entre aqueles que se perden: 16para estes somos un cheiro de morte, para morte; para os outros, un recendo de vida, para vida. E nestas cousas, hai alguén capaz abondo? 17Nós, de feito, non imos traficando coa mensaxe de Deus, coma tantos outros, senón que falamos con transparencia, coma quen é de Deus e fala diante de Deus, en Cristo.

Currently Selected:

2 Corintios 2: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in