1 Corintios 16
16
CONCLUSIÓN
Colecta para os cristiáns de Xerusalén
1En canto á colecta a prol dos irmáns, facede o mesmo que dispuxen para as igrexas da Galacia. 2Que o primeiro día da semana cada un de vós vaia xuntando na súa casa o que poida aforrar, para que non haxa que facer a colecta cando vaia eu. 3E, cando chegue, mandarei a quen vós elixades, con cartas, para levaren a vosa caridade a Xerusalén. 4No caso de que pague a pena que vaia tamén eu, irían comigo.
Plans de viaxe
5Irei onda vós, cando atravese Macedonia, pois pola Macedonia teño que cruzar. 6Pero convosco quizais me deteña, e se cadra, aínda paso o inverno, a fin de que vós me preparedes a viaxe para onde vaia. 7Porque esta vez non quero vervos só de paso: espero quedar algún tempo convosco, se o Señor o permite. 8Deica Pentecoste permanecerei en Éfeso, 9pois ábreseme alí unha porta grande e prometedora e son moitos os adversarios.
Recomendacións e noticias
10Se chega por aí Timoteo, mirade que non se sinta acovardado entre vós, pois traballa coma min na obra do Señor. 11Que ninguén mo desprece. Arranxádelle a viaxe para que veña en paz onda min, porque estou á espera del cos irmáns.
12En canto ó irmán Apolo teimei moito nel para que fose onda vós cos irmáns; pero agora non quixo ir de maneira ningunha: irá cando se lle presente unha boa ocasión.
13Vixiade, afincádevos na fe, sede homes, sede rexos. 14Que todo o que fagades sexa con amor.
15Unha recomendación, irmáns: ben sabedes que a casa de Estevo é a primicia da Acaia, e que todos eles se puxeron ó servizo dos irmáns. 16Poñédevos tamén vós á súa disposición e á de todo o que colabore e traballe con eles.
17Estou moi alegre coa visita de Estevo, de Fortunato e de Acaico, pois eles enchéronme a vosa ausencia: 18tranquilizaron o meu espírito e mais o voso. Apreciade, logo, a homes coma eles.
Despedida
19Mándanvos recordos as igrexas de Asia. Mándanvos un caloroso saúdo cristián Aquila e Prisca e mais a asemblea que se xunta na casa deles. 20Saúdanvos todos os irmáns. Saudádevos uns a outros co ósculo litúrxico.
21Este saúdo é da miña propia man, Paulo.
22Se algún non ama ó Señor, botádeo fóra. Marana ta.
23A graza do Señor Xesús sexa convosco. 24O meu amor está con todos vós en Cristo Xesús.
Currently Selected:
1 Corintios 16: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT