YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 19

19
Elías no monte Horeb
1Acab contoulle a Iezabel o que Elías fixera e como pasara a todos os profetas polo gume da espada. 2Ela mandou entón un mensaxeiro, que lle fose dicir a Elías: —"Que os deuses me traten do peor, se mañá destas horas non teño feito contigo o que fixeches ti con eles".
3Elías tivo medo e fuxiu, buscando salvar a súa vida. Chegado á Beerxeba de Xudá, deixou alí a seu criado. 4El seguiu polo deserto, un día de camiño. Alí foi sentar debaixo dunha xesta, e pediu a morte, dicindo: —"Xa chega, Señor. Quítame a vida, pois non vallo eu máis cós meus pais".
5Deitouse á sombra da xesta e durmiuse. Un anxo tocouno e díxolle: —"Érguete e come". 6Mirou Elías e viu á súa cabeceira unha bica cocida no rescaldo e un xerro de auga. Comeu e bebeu daquilo e volveuse deitar.
7Tornou de segundas o anxo do Señor e tocouno, dicíndolle: —"Érguete e come, que che queda moito camiño". 8Ergueuse Elías, comeu e bebeu e, coa forza daquel sustento, andou corenta días coas súas noites, ata o monte de Deus, o Horeb. 9Alí meteuse nunha cova e pasou nela a noite. Chegoulle a palabra do Señor, que lle preguntou: —"Que fas aí, Elías?"
10El respondeu: —"Ardo en celos polo Señor, Deus dos exércitos, porque os israelitas abandonaron a túa alianza, derrubaron os teus altares e mataron polo fío da espada os teus profetas. Quedo soamente eu, e búscanme para matarme".
11Díxolle o Señor: —"Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai pasar".
Nisto veu un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos diante do Señor. Mais non estaba o Señor no furacán. Despois do furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o Señor. 12Despois do tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor. Despois do lume oíuse o murmurio dunha airexadiña suave. 13En canto Elías o sentiu, tapou a cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova. Niso chegou unha voz que preguntaba: —"Que fas aí, Elías?"
14El respondeu: —"Ardo en celos polo Señor, Deus dos exércitos, porque os israelitas abandonaron a túa alianza, derrubaron os teus altares e mataron por fío de espada os teus profetas. Quedo soamente eu, e búscanme para matarme".
15O Señor díxolle a Elías: —"Vai e desanda o camiño cara ó deserto de Damasco. En chegando alí, unxe por rei de Aram a Hazael, 16e a Iehú, fillo de Nimxí, por rei de Israel; e a Eliseo, fillo de Xafat, de Abel Meholah, por profeta, teu sucesor. 17O que escape da espada de Hazael, matarao Iehú, e ó que escape da espada de Iehú, matarao Eliseo. 18Pero deixarei en Israel un resto de sete mil homes, os que non dobraron os xeonllos diante de Baal e que non o bicaron cos seus beizos".
Vocación de Eliseo
19Elías marchou de alí e encontrouse con Eliseo, fillo de Xafat, que araba con doce xuntas, levando el a derradeira. Elías pasou a carón del e botoulle enriba o seu manto.
20Eliseo deixou os bois e foi correndo atrás de Elías. E díxolle: —"Déixame despedirme de meu pai e de miña nai, e logo ireime contigo". El respondeulle: —"Vai, pero volve logo, pois xa ves o que fixen contigo". 21Ao dar a volta, Eliseo colleu a xunta de bois e ofreceunos en sacrificio. Cos apeiros de arar coceu a carne e deulle á xente de comer. Despois foise con Elías e quedou ó seu servizo.

Currently Selected:

1 Reis 19: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in