1 Reis 20
20
Guerras de Acab cos arameos
1Benhadad, rei de Aram, xuntou todos os seus exércitos e, en compaña de vinte e dous reis máis, con cabalería e con carros, cercou Samaría e atacouna. 2Mandou mensaxeiros á cidade, para que dixesen a Acab, rei de Israel: 3—"Isto di Benhadad: a túa prata e mais o teu ouro son para min; e para min tamén as túas mulleres e os teus fillos mellores". 4Respondeulle o rei de Israel: —"Como dispoña o rei, meu señor. Eu e todo o que teño somos teus".
5Os mensaxeiros volveron de segundas, cunha nova mensaxe: —"Isto di Benhadad: xa che mandei dicir que me deas a túa prata e mais o teu ouro, as túas mulleres e os teus fillos. 6Pois ben, mañá destas horas mandareiche os meus criados, para que rexistren o teu pazo e as casas dos teus ministros. Poderán botar man de todo o que lles guste e levalo".
7O rei de Israel chamou entón a todos os anciáns de Israel e díxolles: —"Pensádeo ben e veredes que ese home quere a nosa desgraza. Mandou polas miñas mulleres e os meus fillos, pola miña prata e o meu ouro, e eu nada lle neguei". 8Os anciáns e o pobo enteiro respondéronlle: —"Non lle fagas caso. Non consintas en nada diso".
9Entón Acab deulles a resposta ós mensaxeiros de Benhadad: —"Dicídelle ó rei, meu señor: farei o que mandaches dicir de primeiras ó teu servo; mais isto outro non o podo facer". Os mensaxeiros marcharon coa resposta.
10Entón Benhadad mandou dicirlle a Acab: —"Que os deuses me castiguen, se chega o po de Samaría para que os soldados que me seguen enchan con el a súa man". 11Respondeulle o rei de Israel: —"Que non cante vitoria o que cingue a espada, senón o que a descingue".
12Cando oíu isto Benhadad, que estaba cos outros reis bebendo nas súas tendas, díxolles ós seus oficiais: —"Os vosos postos!" E eles dispuxéronse para atacar a cidade.
13Nisto presentouse a Acab, rei de Israel, un profeta, que lle anunciou: —"Isto di o Señor: Ves esa enorme multitude? Pois hoxe vouna entregar nas túas mans, para que saibas que eu son o Señor". 14Preguntoulle Acab: —"Por medio de quen?" Respondeu el: —"O Señor di: por medio dos axudantes dos xefes dos distritos". Preguntoulle aínda o rei: —"Quen empezará o ataque?" —"Ti mesmo", respondeu el.
15Acab fixo o reconto dos axudantes dos xefes dos distritos, e eran douscentos trinta e dous. Despois fixo tamén o reconto dos soldados, e eran sete mil homes. 16Saíron a mediodía, mentres Benhadad bebía e se emborrachaba nas súas tendas, cos trinta e dous reis, os seus compañeiros. 17Saíron diante os axudantes dos xefes dos distritos.
A Benhadad chegoulle a nova: —"Saíu xente de Samaría". 18Benhadad ordenou entón: —"O mesmo se veñen tratar de paz coma se veñen en son de guerra, collédeos vivos".
19Os que saíran da cidade eran os axudantes dos xefes dos distritos, e tras eles o exército. 20Cada un matou un inimigo. Os arameos fuxían, e Israel perseguíaos. Benhadad, rei de Aram, fuxía á cabalo, cuns poucos cabaleiros. 21Entón saíu o rei de Israel, destruíu cabalos e carros, e inflixiu nos arameos unha grave desfeita.
Nova vitoria sobre os arameos
22Chegou un profeta onda o rei de Israel e díxolle: —"Vai preparar reforzos e pensa ben o que has facer, porque, á volta dun ano, o rei de Aram rubirá de novo contra ti".
23Os oficiais do rei de Aram, pola súa parte, dixéronlle ó seu rei: —"O Deus dos israelitas é un deus das montañas; por iso eles nos venceron. Se os atacamos na veiga de seguro que os venceremos. 24Adopta esta nova estratexia: depón dos seus postos eses reis e pon capitáns no sitio. 25Prepara un exército semellante ó que perdiches, co mesmo número de cabalos e de carros. Atacarémolos na chaira e seguramente os venceremos". O rei escoitou as súas razóns e deixouse guiar polos seus consellos.
26A volta do ano, Benhadad revistou o exército arameo e rubiu a Afecah, para atacar a Israel. 27Os israelitas, da súa banda, revistáronse e abastecéronse, e saíron despois ó seu encontro. Acampados enfronte deles, parecían dous fatos de cabras, mentres os arameos cubrían a chaira toda.
28Niso chegou alí un home de Deus e díxolle ó rei de Israel: —"Isto di o Señor: Xa que os arameos pensan que o Señor é un deus da montaña, e non un deus da terra cha, vou entregar nas túas mans esa enorme multitude, para que saibades que eu son o Señor".
29Seguiron alí acampados sete días, uns enfronte dos outros. No sétimo día metéronse na loita. Os israelitas mataron nun só día cen mil arameos dos de a pé. 30O resto fuxiu cara a Afecah; pero as súas murallas derrubáronse sobre os vinte sete mil homes que quedaran con vida. Benhadad fuxiu tamén e, entrando na cidade, buscaba onde acocharse, dun recanto noutro.
31Os seus oficiais dixéronlle: —"Temos oído dicir que os reis de Israel son misericordiosos. Cingámonos sacos ó van e cordas ó pescozo, e presentémonos ó rei de Israel. O mellor perdóache a vida". 32Cinguíronse sacos ó van e cordas ó pescozo, e presentáronse ó rei de Israel, dicindo: —"O teu servo Benhadad pídeche: por favor, perdóame a vida". El preguntou: —"Vive aínda? É meu irmán".
33Os arameos viron niso un bo agoiro. Colléronlle de seguida a palabra e dixéronlle: —"Benhadad é teu irmán". El ordenoulles: —"Ide e traédemo". Benhadad chegou onda el, e el montouno no seu carro.
34Benhadad díxolle entón: —"Vólvoche as cidades que meu pai lle quitou ó teu, e ti poderás pór un mercado en Damasco, coma o que meu pai puxo en Samaría". Acab respondeulle: —"Por este pacto eu déixote marchar". Concluíu con el un pacto e deixouno en liberdade.
Un profeta ameaza a Acab
35Un home da comunidade dos profetas díxolle a un seu compañeiro, por orde do Señor: —"Anda, pégame!" Mais o outro negouse a pegarlle. 36Aquel díxolle: —"Xa que non obedeciches a orde do Señor, en afastándote de min matarate un león". En canto partiu de onda el, saíulle un león e matouno.
37Encontrouse despois con outro home e díxolle: —"Anda, pégame!" Este pegoulle e feriuno. 38O profeta ferido foi e apostouse no camiño, á agarda do rei, demudado como estaba e cunha venda nos ollos.
39Cando o rei pasaba por alí, o profeta berroulle: —"Saía o teu servo do medio da batalla, e nisto aproximóuseme un home, que me dixo: garda este prisioneiro. Se che escapa, responderás por el coa túa vida ou cun talento de prata. 40Pero, mentres o teu servo andaba de aquí para acolá, desapareceu o prisioneiro". O rei de Israel respondeulle: —"Esa é a túa sentencia; ti mesmo a pronunciaches".
41Entón tirou o profeta da venda que lle tapaba os ollos, e o rei de Israel deuse conta de que era un dos profetas. 42Este díxolle: —"Isto di o Señor: xa que deixaches escapar da túa man o home que eu dedicara ó exterminio, pagarás a súa vida coa túa vida e o seu exército co teu". 43O rei de Israel volveu para a súa casa triste e anoxado. E entrou en Samaría.
Currently Selected:
1 Reis 20: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT