YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 18

18
1Pasado moito tempo, ó cabo de tres anos, chegoulle a Elías esta palabra do Señor: —"Vai e preséntate á Acab, que quero mandar chuvia á terra". 2E Elías foi para se presentar a Acab.
A fame era moi grande en Samaría. 3Acab chamou a Abdías, mordomo do pazo, home moi respectuoso do Señor, 4Ata o punto que, cando Iezabel mataba os profetas do Señor, el colleu a cen deles, escondeunos en covas, en grupos de cincuenta, e leváballes de comer e beber. 5Acab díxolle: —"Percorramos todo o país, por mananciais e regatos, para ver se atopamos herba con que manter cabalos e mulos, e que non teña que perecer o gando todo". 6Repartíronse o territorio e percorrérono entre os dous, Acab só polo seu lado, e Abdías polo seu.
7Cando ía Abdías percorrendo o seu camiño, saíulle Elías ó encontro. En canto o recoñeceu, Abdías prostrouse diante del e díxolle: —"Es ti, meu señor Elías?" 8El respondeulle: —"Son eu. Vai e dille ó teu amo que aquí está Elías".
9Abdías dixo: —"Que pecado cometín eu, para que entregues o teu servo nas mans de Acab, e que me mate? 10Pola vida do Señor, teu Deus, que non queda pobo nin reino no que o meu amo non mandase dar contigo. Se lle dicían que non estabas, facíalles xurar a reinos e a pobos que non te atoparan.
11E agora disme ti: vai e dille ó teu amo que aquí está Elías. 12En canto eu me afaste de ti, o espírito do Señor levarate non sei para onde. Eu ireillo dicir a Acab, e el non te atopará e matarame. Mais o teu servo teme ó Señor desde pequeno.
13Non che teñen contado o que fixo o teu servo, cando Iezabel mataba os profetas do Señor? Escondín en covas cen de entre eles e leváballes de comer e de beber. 14E agora ti disme: vai e dille ó teu amo que aquí está Elías. Matarame".
15Elías dixo: —"Pola vida do Señor dos exércitos, que hoxe mesmo me presentarei diante del". 16Entón Abdías foi ó encontro de Acab e contoulle todo. E Acab saíu ó encontro de Elías. 17Cando Acab viu a Elías, díxolle: —"Es ti, ruína de Israel?" 18E el respondeulle: —"Non son eu a ruína de Israel, senón ti e a túa familia, porque abandonastes os mandamentos do Señor e fostes tralos baales.
Elías e os profetas de Baal
19Agora manda que todo Israel, cos catrocentos cincuenta profetas de Baal, que comen á mesa de Iezabel, se xunten comigo no monte Carmelo". 20E Acab mandou recado por todo Israel, que se xuntou no monte Carmelo con todos os profetas de Baal.
21Elías volveuse entón cara ó pobo e díxolles: —"Por canto tempo iredes coxeando cara a un lado e cara ó outro? Se o Señor é Deus, seguídeo a El; e se é Baal, seguide a Baal". O pobo non respondeu unha palabra. 22E Elías seguiu dicindo: —"De todos os profetas do Señor quedo eu só con vida, mentres os profetas de Baal son catrocentos cincuenta. 23Que nos dean dous becerros. Que eles escollan un, que o despecen, que o coloquen enriba da leña, pero que non lle prendan lume. Eu prepararei despois o outro becerro, poreino enriba da leña, sen pegarlle lume tampouco. 24Logo invocaredes vós ó voso deus, e eu invocarei o nome do Señor. O Deus que responda, facendo que o lume se prenda, será o Deus verdadeiro". O pobo respondeu á unha voz: —"Iso está ben".
25Entón díxolles Elías ós profetas de Baal: —"Escollede un becerro e preparádeo vós primeiro, porque vós sodes máis. Despois, sen pegarlle lume, invocade o voso deus". 26Eles colleron o becerro que lles deron, preparárono e estiveron invocando o nome de Baal desde a mañá ata o mediodía. Dicían: —"Baal, escóitanos". Mais non se oía voz ningunha nin había resposta. Pero eles seguían brincando arredor do altar que construíran.
27Polo mediodía, Elías dicíalles con burla: —"Berrade aínda máis, pois, aínda que el é deus, pode estar entretido, de conversa ou de viaxe; tamén pode ser que durma, e que haxa que espertalo". 28Eles chamábano a berros e facíanse cortaduras con coitelos e lancetas, ata correrlles o sangue, segundo o seu costume. 29Pasado o mediodía caeron en arroubo, ata a hora da ofrenda. Mais non se oía voz ningunha, nin había resposta nin quen lles fixese caso.
30Entón Elías díxolle á xente: —"Acercádevos". E achegáronse todos a el. El arranxou o altar que estaba derrubado. 31Colleu doce pedras, conforme o número das tribos de Xacob, a quen Deus lle dixera que se chamaría Israel; 32edificou coas pedras un altar en honor do Señor e fíxolle unha gabia arredor, coma de dúas sementeiras. 33Despois preparou a leña, despezou o becerro e púxoo enriba da leña. 34E mandou: —"Enchede catro cántaros de auga e botádea por riba do sacrificio e da leña". E engadiu: —"Outra vez!" E eles repetiron. E mandou aínda: "Outra vez!" E eles fixérono por terceira vez. 35A auga correu arredor do altar e encheu tamén a gabia.
36Chegada a hora da ofrenda, o profeta Elías achegouse ó altar e rezou: —"Señor, Deus de Abraham, de Isaac e de Israel; que se saiba hoxe que ti es o Deus de Israel e que eu son o teu servo, que fago polo teu mandato estas cousas. 37Respóndeme, Señor, respóndeme, para que saiba este pobo que ti, Señor, es Deus. E ti converterás os seus corazóns".
38Nisto caeu un lume do Señor, que consumiu o sacrificio, a leña, as pedras e o po, e secou mesmo a auga da gabia. 39Cando a xente o viu, prostrouse toda polo chan e exclamou: —"O Señor é o Deus verdadeiro, o Señor é o Deus verdadeiro!"
40Elías díxolles entón: —"Prendede os profetas de Baal, sen que escape ningún". Eles prendéronos, e Elías fíxoos baixar ó torrente Quixó, onde os matou.
O final da seca
41Despois diso, Elías díxolle a Acab: —"Vai comer e beber, que xa sinto o estrondo da chuvia". 42Acab foi comer e beber, mentres Elías rubía o cume do Carmelo. Alí sentouse dobrado cara ó chan, coa cabeza entre os xeonllos.
43Díxolle ó seu criado: —"Vai e outea cara ó mar". Foi el, outeou e dixo: —"Non se ve nada". El insistiulle: —"Volve, ata sete veces". 44A sétima vez o servo dixo: —"Érguese sobre o mar unha nube pequena, coma a palma da man". Elías mandoulle: —"Vaille dicir a Acab que enganche o carro e que baixe, se non quere que a chuvia o deteña".
45Nun intre o ceo cubriuse, estalou a treboada e rompeu a chover a cántaros. Acab ía cara a Iezrael, montado no seu carro. 46A man do Señor pousouse sobre Elías, que cinguiu o seu cinto e correu diante de Acab, ata a entrada de Iezrael.

Currently Selected:

1 Reis 18: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in