1 Reis 17
17
O profeta Elías
1Elías o texbita, de Tixbé de Galaad, díxolle a Acab: —"Pola vida do Señor, Deus de Israel, a quen sirvo! Non caerá orballo nin chuvia estes anos, se eu non o mando".
2Despois veulle esta palabra do Señor: 3—"Vaite de aquí cara ó nacente e escóndete no torrente Carit, que está do outro lado do Xordán. 4Do regato beberás, e eu mandarei corvos que che leven alí de comer".
5Elías fixo o que lle mandaba o Señor, o foi vivir onda o torrente Carit, do outro lado do Xordán. 6Os corvos levábanlle alí pan pola mañá e carne pola tarde. E bebía do regato.
A viúva de Sarepta
7A volta duns poucos días, o regato secou, porque non chovía na rexión. 8O Señor díxolle a Elías: 9—"Vai a Sarepta de Sidón e fica alí, pois mandeille a unha viúva do lugar que che dea de comer".
10Foi el á Sarepta e, ó entrar pola porta da cidade, viu alí unha muller viúva, que estaba xuntando guizos. Elías chamou por ela e díxolle: —"Fai o favor e vaime por unha pouca auga na xerra para beber". 11Mentres ía ela collerlla, Elías chamouna e díxolle: —"Tráeme tamén, se podes, na túa man un anaco de pan".
12Ela díxolle: —"Pola vida do Señor, teu Deus, que non teño pan ningún. Quédame só na talla unha presa de fariña e unha pinga de aceite na aceiteira. Ves que estou apañando guizos. Irei preparalo para min e para o meu fillo. Comerémolo e despois teremos que morrer".
13Díxolle Elías o texbita: —"Non teñas medo. Anda e fai como dixeches. Pero primeiro prepara un panciño con iso e tráemo a min. Despois xa prepararás para ti e para teu fillo. 14Pois isto di o Señor, Deus de Israel: a talla de fariña non se acabará e a aceiteira do aceite non minguará, ata o día en que o Señor mande a chuvia á terra".
15Foi ela facer o que Elías lle dixera. E comeu el, ela e seu fillo, moito tempo, 16sen que se acabase a fariña da talla nin minguará o aceite na aceiteira, como dixera o Señor por medio de Elías.
O fillo da viúva
17Algún tempo despois adoeceu o fillo da muller, dona da casa. A doenza foi tan grave, que o neno deixou de alentar. 18A muller díxolle a Elías: —"Que temos que ver un con outro, home de Deus? Viñeches á miña casa para lembrarme os meus pecados e para matarme o fillo?"
19Respondeulle Elías: —"Dáme aquí o teu fillo". E coa mesma, colleullo do colo, rubiuno ó cuarto onde el durmía e deitouno na cama. 20E rezoulle ó Señor, dicindo: —"Señor, meu Deus, tamén vas visitar coa desgraza a esta viúva coa que vivo, facendo que morra seu fillo?" 21Logo tendeuse riba do neno por tres veces, chamando ó Señor: —"Señor, meu Deus, fai que o alento de vida deste neno entre nel outra vez".
22O Señor escoitou a oración de Elías, e o neno comezou a alentar e reviviu. 23Elías colleu o neno, baixouno do seu cuarto e deullo á nai, dicindo: —"Aí tes o teu fillo vivo".
24A muller díxolle a Elías: —"Agora acabo de ver que ti es un home de Deus, e que a palabra do Señor está de verdade na túa boca".
Elías e Acab
Currently Selected:
1 Reis 17: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT