YouVersion Logo
Search Icon

1 Reis 16

16
O profeta Iehú
1Iehú, fillo de Hananí, recibiu esta palabra do Señor contra Baxá: 2—"Eu tireite do po e fíxente xefe do meu pobo Israel. Mais ti fuches polo mesmo camiño ca Ieroboam e fixeches pecar a Israel, anoxándome cos vosos pecados. 3Por iso vou varrer a Baxá e a súa familia, facendo con ela o que fixen coa familia de Ieroboam, fillo de Nabat. 4Os que lle morran a Baxá na cidade, comeranos os cans, e os que lle morran no campo, comeranos os paxaros do ceo".
5O resto da historia de Baxá, os seus feitos e as súas proezas non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 6Baxá durmiu con seus pais, e enterrárono en Tirsah. Sucedeulle no trono o seu fillo Elah. 7Polo profeta Iehú, fillo de Hananí, veu a palabra do Señor contra Baxá e contra a súa familia, por culpa do mal que fixera ós ollos do Señor, por anoxalo cos seus feitos, coma a familia de Ieroboam, e porque exterminou esta familia.
Elah de Israel
8No ano vinte e seis do reinado de Asá en Xudá empezou a reinar Elah, fillo de Baxá, en Tirsah. Reinou dous anos. 9O seu oficial Zimrí, xefe da metade dos carros de guerra, conspirou contra el. Cando Elah estaba emborrachándose en Tirsah, na casa de Arsá, maiordomo do pazo de Tirsah, 10entrou Zimrí, feriuno e matouno. E no ano vinte e sete do reinado de Asá en Xudá, sucedeulle no trono.
11O primeiro que fixo Zimrí, ó verse sentado no trono, foi matar a toda a familia de Baxá, sen deixar un só varón, un vingador do sangue ou un amigo. 12Zimrí exterminou a toda a familia de Baxá, conforme a palabra que dixera o Señor contra Baxá polo profeta Iehú. 13Foi por culpa de todos os pecados de Baxá e de Elah, os deles e mais os que fixeran cometer a Israel, anoxando cos seus ídolos ó Señor, seu Deus.
14O resto da historia de Elah e todo o que fixo non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel?
Zimrí de Israel
15Zimrí empezou a reinar no ano vintesete do reinado de Asá en Xudá. Reinou sete días en Tirsah.
Cando o pobo que estaba acampado cerca de Guibetón, que pertencía ós filisteos, 16tivo a nova de que Zimrí se revoltara contra o rei e que o matara, aquel mesmo día, no campamento, Israel enteiro proclamou rei a Omrí, xefe do exército.
17Omrí e todo Israel rubiron de Guibetón e puxeron cerco a Tirsah. 18Cando Zimrí viu que a cidade estaba a punto de caer, entrou no pazo real, prendeulle lume e morreu nel. 19Foi polos pecados que cometera, facendo o mal ós ollos do Señor e seguindo o camiño de Ieroboam e o seu pecado de facer pecar a Israel.
20O resto da historia de Zimrí e a súa revolta, non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel?
21Daquela, o pobo de Israel dividiuse en dous bandos. A metade seguía a Tibní, fillo de Guinat, e quería facelo rei. A outra metade seguía a Omrí. 22Os partidarios de Omrí prevaleceron sobre os de Tibní, fillo de Guinat. Tibní caeu morto, e Omrí foi rei.
23Omrí empezou a reinar sobre Israel no ano trinta e un do reinado de Asá en Xudá. Reinou doce anos, seis deles en Tirsah. 24Mercoulle a Sémer a montaña de Samaría por dous talentos de prata, e construíu nela unha cidade, á que chamou Samaría, polo nome de Sémer, que fora o dono da montaña.
25Omrí fixo o mal ós ollos do Señor. Foi peor aínda cós seus antecesores. 26Seguiu o mesmo camiño ca Ieroboam, fillo de Nabat, e caeu nos pecados que el fixera cometer a Israel, anoxando cos seus ídolos ó Señor, Deus de Israel.
27O resto da historia de Omrí, os seus feitos e as súas proezas, non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 28Omrí durmiu con seus pais, e enterrárono en Samaría. Sucedeulle no trono o seu fillo Acab.
Acab de Israel
29Acab, fillo de Omrí, empezou a reinar en Israel no ano trinta e oito do reinado de Asá en Xudá. Reinou sobre Israel en Samaría vinte e dous anos.
30Acab, fillo de Omrí, fixo o mal ós ollos do Señor, peor ca todos os seus antecesores. 31Como se fose pouco caer nos pecados de Ieroboam, fillo de Nabat, colleu por muller a Iezabel, filla de Etbaal, rei dos sidonios, e chegou a dar culto a Baal e prostrarse diante del. 32Ergueu un altar a Baal, na ermida que lle construíra en Samaría, e levantou unha Axerah. 33Provocou o noxo do Señor, Deus de Israel, cada vez máis, peor ca todos os reis que houbera antes del en Israel.
34No seu tempo, Hiel de Betel reconstruíu Xericó. Botoulle os cimentos co pago da vida de Abiram, seu primoxénito, e púxolle as portas co pago da vida do máis novo, Seguib, conforme a palabra do Señor por Xosué, fillo de Nun.

Currently Selected:

1 Reis 16: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in