YouVersion Logo
Search Icon

1 Crónicas 16

16
A arca é posta na Tenda
1Traída a arca de Deus, puxérona no medio da tenda que David levantara para ela, e ofreceron holocaustos e sacrificios de comuñón ante Deus.
2Cando David acabou cos holocaustos e sacrificios de comuñón bendiciu ó pobo no nome de Iavé, 3e distribuíu a todo Israel, homes e mulleres, un molete de pan, unha tallada de carne e unha bica de uvas pasas.
4Puxo levitas ó servizo da arca de Iavé para invocar, loar e enxalzar a Iavé, Deus de Israel:
5Asaf, o xefe, Zacarías, o segundo; logo Uziel, Xemiramot, Iehiel, Matitías, Eliab, Benaías, Obededom e Ieiel, con harpas e cítolas. Asaf facía soar os pratos.
6Os sacerdotes Benaías e Iahziel tocaban continuamente as trompetas perante a arca da alianza de Iavé.
7Aquel día, David, encargou por primeira vez a Asaf e a seus irmáns, para cantar as loanzas de Iavé, este canto:
8—"Loade a Iavé, invocade o seu nome!
Pregoade ós pobos as súas fazañas!
9Cantádelle, cantade salmos na súa honra!
Dade a coñecer todos os seus portentos!
10Gloriádevos no seu santo nome!
Alégrese o corazón dos que procuran a Iavé!
11Acudide a Iavé e á súa forza,
buscade sempre o seu rostro!
12Lembrádevos das marabillas que fixo,
dos seus prodixios, dos xuízos da súa boca!
13Descendentes de Israel, o seu servo,
fillos de Xacob, o seu elixido!
14Iavé é o noso Deus,
El goberna a terra toda.
15Lémbrase sempre da súa alianza,
das promesas por mil xeracións;
16da alianza que fixo con Abraham,
do xuramento feito a Isaac,
17do que fielmente estableceu con Xacob,
e con Israel como pacto eterno,
18dicindo: dareiche a terra de Canaán
que será porción da vosa herdade.
19Daquela eran pouco numerosos,
pouco numerosos e estranxeiros no país.
20Cando ían vagabundos de nación en nación,
de reino en reino,
21non consentiu que ninguén os asoballase,
e por causa deles castigou ós reis:
22Non toquedes os meus unxidos,
non fagades mal ós meus profetas.
23Cantade a Iavé, homes de toda a terra,
pregoade, un día e outro, a súa salvación!
24Pregoade a súa gloria entre as xentes,
os seus prodixios a todos os pobos!
25Porque Iavé é grande, digno de toda loanza,
temible sobre todos os deuses.
26Porque os deuses dos pobos son ídolos,
pero Iavé é o facedor dos ceos.
27Maxestade e magnificencia sexan perante El,
fortaleza e beleza na súa morada.
28Familias dos pobos, aclamade a Iavé,
dade a Iavé honra e gloria!
29Dade gloria ó nome de Iavé!
Traede ofrendas, vinde visitalo,
adorádeo no adro sagrado!
30Trema a terra na súa presenza.
El afianzou o orbe, e non se moverá.
31Alédese o ceo e exulte a terra,
pregóese entre as xentes: "Iavé reina!".
32Brúe o mar e canto o enche,
salte de xúbilo o agro e canto hai nel.
33Salten as árbores das selvas diante de Iavé,
pois vén rexer a terra.
34Dade grazas a Iavé porque é bo,
porque é eterna a súa misericordia.
35Dicide: sálvanos, oh Deus!, saúde nosa,
xúntanos e líbranos das xentes, para que confesemos o teu nome
e poñamos a nosa gloria en loarte
36Bendito sexa Iavé, Deus de Israel,
por toda a eternidade!".
E todo o pobo respondeu: —"Amén! Aleluia!"
37David deixou alí, diante da arca da alianza de Iavé, a Asaf e os irmáns, para que constantemente servisen diante da arca cada cousa ó seu tempo.
38A Obededom fillo de Ieditún e os seus irmáns, en número de sesenta e oito, nomeounos porteiros.
39Asimesmo a Sadoc e ós seus irmáns, sacerdotes, encargounos do santuario de Iavé que está na altura de Gabaón, 40para que alí ofrecesen a Iavé continuamente, mañá e tarde, holocaustos, e cumprisen todo canto está escrito na Lei dada por Iavé a Israel.
41Con eles estaban Hemán e Ieditún e os restantes escollidos e nominalmente asignados para louvar a Iavé: —"Porque é eterna a súa misericordia".
42Hemán e Ieditún facían soar trompetas, pratos e outros instrumentos músicos, cos que acompañaban os cantos en honra de Deus.
Os fillos de Ieditún eran porteiros.
43Todo o pobo foise logo, cada un á súa casa, e David volveuse a bendicir a súa.

Currently Selected:

1 Crónicas 16: ABGS

Highlight

Copy

Compare

Share

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in