1 Crónicas 15
15
A arca levada a Xerusalén
1David levantou un pazo na Cidade de David e preparou un lugar para a arca de Deus, alzando para ela unha tenda.
2Entón ordenou: —"A arca de Deus non debe ser transportada senón polos levitas, porque son os que Iavé escolleu para trasladala e para facer o seu servizo para sempre endexamais".
3Reuniu David a todo Israel en Xerusalén para subir a arca de Iavé ó lugar que lle tiña disposto.
4Tamén reuniu ós fillos de Aharón e ós levitas.
5Dos fillos de Quehat ó xefe Uriel e mais cento vinte da súa familia.
6Dos fillos de Merarí, ó xefe Asaías e mais douscentos vinte da súa familia.
7Dos fillos de Guerxom, ó xefe Ioel e mais cento trinta da súa familia.
8Dos fillos de Elisafán, ó xefe Semaías e mais douscentos da súa familia.
9Dos fillos de Hebrón, ó xefe Eliel e oitenta da súa familia.
10Dos fillos de Uziel, ó xefe Aminadab e cento doce da súa familia.
11David chamou ós sacerdotes Sadoc e Abiatar e ós levitas Uriel, Asaías, Ioel, Semaías, Eliel e Aminadab 12e díxolles: —"Vós sodes os xefes da familia dos levitas; santificádevos vós e vosos irmáns para subir a arca de Iavé, o Deus de Israel, ó lugar que eu teño preparado.
13Por non estardes vós alí a primeira vez, Iavé, noso Deus, castigounos, porque non o fomos buscar como é debido".
14Santificáronse os sacerdotes e os levitas para subir a arca de Iavé, Deus de Israel.
15Os fillos dos levitas levaban a arca de Deus ás costas por medio de varais, como ordenara Moisés, segundo o disposto por Iavé.
16David mandou ós xefes dos levitas que dispuxesen os seus irmáns cantores, que fixesen resoar os instrumentos musicais; arpas, cítolas e pandeiros en sinal de ledicia; 17e os levitas designaron a Hemán, fillo de Ioel; e, de entre os seus irmáns, a Asaf, fillo de Berequías; e, de entre os fillos de Merarí, de entre os seus irmáns, a Etán, fillo de Cuxaías.
18Con eles tamén, os seus irmáns de segunda orde: Zacarías, Iaziel, Xemiramot, Iehiel, Uní, Eliab, Benaías, Maseías, Matitías, Eliflehu, Micneías, Obededom e Ieiel, porteiros.
19Os cantores, Hemán, Asaf e Etán levaban e facían resoar címbalos de bronce; 20Zacarías, Uziel, Xemiramot, Iehiel, Uní, Eliab, Maseías e Benaías, tiñan harpas afinadas para voces virxes; 21Matitías, Eliflehu, Micreías, Obededom, Iehiel e Azarías, tiñan cítolas acordadas na oitava, para dirixir o canto; 22Quenanías, xefe dos levitas, dirixía o canto, pois era moi entendido nel, 23Berequías e Elcanah eran os porteiros da arca; 24Xebanías, Ioxafat, Natanael, Amasai, Zacarías, Benaías e Eliézer, sacerdotes, tocaban as trompetas diante da arca de Deus. Obededom e Iehías eran tamén porteiros da arca.
25David, os anciáns e os xefes de millares, foron traer a arca da alianza de Iavé desde a casa de Obededom, con gran ledicia.
26E por axudar Deus ós levitas que levaban a arca da alianza de Iavé, sacrificáronse sete xatos e sete carneiros.
27David ía vestido dun manto de liño fino, e o mesmo os levitas que levaban a arca, os cantores e Quenanías, director dos cantos. David tamén levaba por riba da túnica un efod de liño.
28Desta maneira levou todo Israel a arca da alianza de Iavé entre aturuxos ó son das bucinas, das trompetas, dos pandeiros, das arpas e das cítolas.
29Cando a arca da alianza de Iavé chegou á cidade de David, Micol, filla de Xaúl, que ollaba desde unha ventá, viu ó rei David cantando e bailando diante da arca e menosprezouno no seu corazón.
Currently Selected:
1 Crónicas 15: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT