1 Crónicas 17
17
Profecía de Natán
1Cando David moraba xa no seu pazo, díxolle ó profeta Natán: —"Eu estou habitando unha casa de cedro, mentres a arca da alianza do Señor está baixo unha tenda".
2Natán respondeu a David: —"Fai o que tes no corazón, pois o Señor está contigo".
3Pero aquela mesma noite o Señor reveloulle a Natán:
4—"Dille a David, o meu servo: así fala o Señor: non serás ti quen me edifique unha casa na que habitar.
5Nunca, desde que deixei Exipto ata hoxe, habitei en casa, senón que andei dunha parte a outra, nunha tenda.
6Por onde queira que camiñei con Israel, encargueille seica a algún xuíz de Israel, ós que mandei para apacentar o meu pobo, que me fixesen unha casa de cedro?
7Dille, pois, agora ó meu servo David: Así fala Iavé Sebaot: eu tomeite dos pasteiros, de detrás do gando, para que foses xefe do meu pobo de Israel; 8estiven contigo por onde queira que ti andaches; exterminei perante ti a todos os teus inimigos e fixen o teu nome semellante ó dos grandes da terra; 9deille un lugar onde morar ó meu pobo Israel, e planteino para que acougue sen atrancos, e que os fillos da iniquidade non o desfagan coma noutrora, 10cando establecín xuíces sobre o meu pobo Israel. Abaixei a todos os teus inimigos. Ademais fágoche saber que o Señor che fundará unha dinastía.
11Cando os teus días sexan cumpridos e vaias xuntarte con teus pais, eu alzarei a un da túa descendencia, a un dos teus fillos, e afirmarei o seu reino.
12Será el quen me edificará unha casa e eu afirmarei para sempre o seu trono.
13Eu serei para el un pai, e el será para min un fillo; e non apartarei del a miña graza, como a apartei do teu predecesor.
14Establecereino para sempre na miña casa e no meu reino, e o seu trono estará firme por toda a eternidade".
15Natán transmitiu a David todas estas verbas e toda a revelación.
16O rei David presentouse diante do Señor e dixo: —"Quen son eu, Iavé Deus, e qué é a miña casa, para que me trouxeses onde estou?
17Pero isto aínda é pouco ós teus ollos, Señor, e falas da casa do teu servo para tempo remoto mentres haxa homes, oh Iavé, Deus!
18Que máis pode engadir David da gloria que concedes ó teu servo, ti que o coñeces, oh Iavé?
19Ouh Iavé: por amor do teu servo e segundo o teu corazón fixeches todas esas grandezas, para nos dar a coñecer todas esas marabillas.
20Señor! Non hai outro semellante a ti, non hai ningún Deus fóra de ti, como oímos cos nosos oídos.
21Hai sobre a terra unha soa nación que sexa coma o teu pobo Israel, o que Deus veu rescatar para facelo seu, con tantos milagres e prodixios, e desbotando as nacións diante del, como fixeches con Israel, ó que liberaches da servidume de Exipto?
22Ti fixeches do teu pobo Israel, o teu pobo para sempre, e ti, oh Iavé!, ti es o seu Deus.
23Agora, pois, Señor, confírmese para sempre a palabra que dixeches ó teu servo e á súa casa: cúmprea.
24Que perdure para que o teu nome sexa sempre glorificado e digan todos: Iavé Sebaot é en verdade un Deus para Israel. E que a casa de David, o teu servo, se afirme ante ti, 25pois ti mesmo, meu Deus, revelaches ó teu servo que lle edificarás unha dinastía. Por iso o teu servo ousou pregarche deste xeito.
26Agora, pois, Señor: ti que es Deus e prometiches ó teu servo este ben, 27bendí a casa do teu servo, para que sempre subsista diante de ti, porque ti, ai!, a bendís e para sempre está bendita".
Currently Selected:
1 Crónicas 17: ABGS
Highlight
Copy
Compare
Share
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT