Sofonías 3
3
Contra a cidade rebelde: Xerusalén
1Ai da cidade opresora! É rebelde e está manchada.
2Non fai caso da chamada, non aprende a lección co castigo.
Non ten confianza no Señor, non se arrima ó seu Deus.
3Os seus xefes no medio dela son leóns que berran.
Os seis xuíces son lobos do serán que nin deixan os ósos para a mañá.
4Os seus profetas son fonchos e homes de traizón,
os seus sacerdotes profanan o santuario e violan a lei.
5O Señor en cambio, é xusto, non comete nela inxustizas.
Mañá tras mañá dá a súa xusta sentencia,
e ó romper o día non falta,
pero os malvados non coñecen a vergonza.
Conclusión: a lección do xuízo do Señor
6Acabei coas nacións, as súas fortalezas quedaron arrasadas,
destruín as súas rúas, sen que ninguén pase por elas,
as súas cidades quedaron destruídas, sen ninguén, sen teren habitantes.
7Pensei: "Certo, ti respectarasme, e aprenderás a lección:
non desaparecerán do seu ollo todos os castigos que che inflixín".
Pero, ó contrario, madrugaron para perverter todas as súas accións.
8Por isto, esperádeme —é o Señor quen fala— no día que me levante para a sentencia,
que a miña sentencia será: reunir as nacións e xuntar os reinos
para verter sobre eles a miña ira, todo o ardor da miña carraxe.
Si, co incendio do meu celo toda a terra será consumida.
III. PROMESAS SALVÍFICAS: UN POBO POBRE E HUMILDE DARALLE CULTO AO SEÑOR
9Daquela, certo, eu volverei puros os labios do meu pobo
para que todos eles invoquen o nome do Señor,
dándolle culto cun esforzo unánime.
10Desde o outro lado dos ríos de Cux, os meus adoradores,
a miña casa dispersa, traerán para min as ofrendas.
11No día aquel non te avergonzarás de ningún dos feitos cos que me ofendiches,
porque entón eu farei que non te alegres do teu orgullo,
e non volverás a ser arrogante no meu monte santo.
12Farei que quede no medio de ti un pobo pobre e humilde,
e no Nome do Señor terá o seu refuxio 13o resto de Israel.
Non farán maldades nin dirán mentiras;
non se atopará na súa boca lingua mentireira.
Si, eles pacerán e deitaranse sen que ninguén os espante.
Xúbilo de Xerusalén polo Señor, o seu Rei
14Exulta, filla de Sión; berra leda, Israel,
alégrate e relouca con todo o corazón, filla de Xerusalén.
15O Señor retirou o teu castigo, botou para atrás os teus inimigos.
O Señor será o rei de Israel no medio de ti, non volverás a ter medo da desgraza.
16No día aquel diráselle a Xerusalén:
Non teñas medo, Sión, que as túas mans non afrouxen.
17O Señor, o teu Deus, está no medio de ti, é un heroe que salva.
El salta de alegría por ti, embrúxate co seu amor,
dá brincos de alegría por ti.
18Eu aparteite da asemblea festiva; retirei de ti o seu Ai!;
o oprobio que pesa sobre esas asembleas.
19Velaí o que eu lles vou facer ós teus inimigos naquel intre:
vou salvar a ovella coxa e recadar a descarreirada,
convertereinas en loanza e renome en todo o país,
onde sentiron vergonza.
20No intre aquel traereivos, cando vos teña xuntados.
Certo que vos converterei en renome e loanza
entre todos os pobos da terra,
cando eu vos cambie a sorte ante os vosos propios ollos
—díxoo o Señor—.
Currently Selected:
Sofonías 3: ABGS
Highlight
Share
Copy
Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in
Dereitos reservados: SEPT