YouVersion Logo
Search Icon

Sofonías 2

2
Conclusión: buscade o Señor, para estar protexidos no día da súa ira
1Póndevos de acordo, xuntádevos, pobo que non se anima,
2Antes de que o furor dese día se estenda coma a muíña,
antes de que veña sobre vós o ardor da ira do Señor,
antes de que veña sobre vós o día da ira do Señor.
3Buscade o Señor, todos os pobres do país, que cumpristes os seus decretos,
buscade a xustiza, buscade a humildade.
Quizais poidades escondervos no día da ira do Señor.
II. XUÍZO DO SEÑOR, CONTRA AS NACIÓNS DO MAR
4Si, Gaza quedará abandonada, e Axquelón ficará arrasado.
A Axdod expulsarano á luz do mediodía, e Ecrón será arrincado de raíz.
5Ai de vós, habitantes da beira do mar, pobo dos cretenses,
a palabra do Señor vai contra vós, cananeos;
país dos filisteos, si, voute arrasar
ata que non quede habitante.
6A beira do mar será lugar de festa para os pastores e cercado para os rabaños.
7Si, a beira do mar será para o resto da casa de Xudá.
Eles levarán a pastar á beira do mar,
e pola noite deitaranse nas casas de Axquelón,
cando os visite o Señor, o seu Deus, e os faga volver da súa catividade.
Contra as nacións do nacente
8Escoitei os insultos de Moab e os desprezos cos que os fillos de Amón
insultaron ó meu pobo, eles que se engrandeceron a costa das miñas fronteiras.
9Por isto, pola miña vida —oráculo do Señor— dos Exércitos, Deus de Israel—
xuro que Moab se volverá coma Sodoma, e os fillos de Amón coma Gomorra:
campo de silvas, pozo de sal e desolación para sempre.
O resto do meu pobo saquearaos, os que queden da miña nación herdaranos.
10Isto aconteceralles en paga pola súa soberbia,
por insultaren e se engrandeceren
á costa do pobo do Señor dos Exércitos.
11O Señor será terrible contra eles,
pois El debilita o poder de todos os deuses da terra,
e todas as nacións da costa, cada unha desde o seu sitio,
prostraranse en adoración diante del.
Contra as do sur: Nubia
12Tamén, vós, cuxitas, seredes acoitelados coa miña espada terrible.
Contra as do norte
13Si, El estenderá a súa man contra o norte, e destruirá Asiria,
converterá Nínive nunha desolación, nun sequeiro coma o deserto.
14No medio dela deitaranse os rabaños, os outros animais e maila xente.
Tanto o pelicano coma o moucho pasarán a noite nos seus capiteis.
O ruído pasa polas fiestras, a calor pola porta de entrada,
pois quedou destruída a madeirame de cedro.
15É esta a cidade ledamente ruidosa, a que reinaba na seguridade,
e que dicía no seu corazón: "Eu e ninguén máis"?
Como se volveu unha desolación, cubil de feras?
Todo o que pase por medio dela asubiará e axitará a súa man.

Currently Selected:

Sofonías 2: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in