YouVersion Logo
Search Icon

Zacarías 2

2
Segunda visión: os catro cornos e os catro ferreiros
1Erguín os ollos e tiven unha visión: e velaí catro cornos. 2Logo díxenlle ó anxo que falaba comigo: "Que é isto?" El contestou: "Estes son os cornos que espallaron a Xudá, a Israel e a Xerusalén". 3Logo o Señor fíxome ver catro ferreiros. 4Eu dixen: "Que veñen facer estes?" El respondeume: "Aqueles son os cornos que espallaron a Xudá, de xeito que ninguén puido levantar a súa cabeza e estoutros veñen para espantalos, para botar fóra os cornos das nacións, que levantaron o seu corno contra o país de Xudá para o espallaren".
Terceira visión: Xerusalén será unha vila aberta
5Logo erguín os meus ollos e tiven unha visión: Velaí un home e na súa man un cordel de medir. 6Díxenlle: "Onde vas ti?" e el contestou: "Medir a Xerusalén, para ver cal é a súa longura e cal é a súa anchura". 7O anxo que falaba comigo saíu, e outro anxo veu ó seu encontro, 8e díxolle: "Corre e fálalle a ese mozo nestes termos:
Xerusalén debe seguir sendo cidade aberta.
Por mor do fato de homes e animais que haberá dentro dela.
9Eu voume converter —oráculo do Señor— na súa muralla de lume todo arredor
e convertereime na súa gloria no medio dela".
Chamada ós que quedaron en Babilonia
10Ai! Ai!, fuxide do país do norte —é o Señor quen fala—,
que vos vou esparexer coma os catro ventos do ceo —é o Señor quen fala—.
11Ai, Sión!: escapa,
ti que habitas na casa de Babilonia.
12Porque así fala o Señor dos Exércitos,
quen despois da súa manifestación gloriosa me enviou
contra as nacións que vos teñen saqueado:
"Si, quen vos fere, fere a meniña do meu ollo.
13Velaquí que eu movo a miña man contra eles, e serán presa dos seus servos:
entón recoñeceredes que o Señor dos Exércitos me mandou".
Alégrate, filla de Sión
14"Exulta e alégrate, filla de Sión,
pois, velaí, eu chego, e habitarei no medio de ti
—é o Señor quen fala—.
15No día aquel pobos numerosos uniranse ó Señor, serán o meu pobo.
Habitarei no medio de ti, e entón recoñecerás
que o Señor dos Exércitos me mandou onda ti.
16O Señor collerá en herdanza a Xudá, que é o seu quiñón na Terra Santa,
tamén volverá escoller a Xerusalén.
17Silencio, carne toda, por mor da presenza do Señor!
Si, esperta e sae da súa Morada Santa!"

Currently Selected:

Zacarías 2: ABGS

Highlight

Share

Copy

None

Want to have your highlights saved across all your devices? Sign up or sign in